Notas de prensa

O II Encontro Universidade-Empresa de Sherpa do Mar fomenta as sinerxías entre o tecido empresarial e a comunidade científica da Eurorrexión

Co obxectivo de promover a transferencia de coñecemento no sector mariño-marítimo da Eurorrexión Galicia-norte de Portugal, celebrouse o II Encontro Universidade- Empresa Sherpa do Mar. Expertas e expertos dos ámbitos marítimo-mariño centraron as súas intervencións na innovación e o emprendemento no ámbito da pesca, a acuicultura e o procesamento, así como o cambio climático, a biodiversidade mariña e a sostenibilidade ambiental, enerxética e produtiva.

O encontro, organizado polo proxecto Poctep, que lidera o grupo Rede da UVigo, complétase con encontros Business to Business (B2B), onte, hoxe e mañá, abertos a empresas, comunidade investigadora e particulares.

“A finalidade deste segundo evento organizado por Sherpa do Mar é crear un punto de encontro entre a comunidade investigadora e o mundo empresarial, no que se promova a transferencia de coñecemento no sector mariño-marítimo na Eurorrexión. Neste sentido, os encontros conectan a empresas e incluso particulares coas oficinas de transferencia das universidades galegas e portuguesas (UVigo, USC, UDC e Porto), o Centro Interdisciplinar de Investigaçao Marinha e Ambiental (Cimar), que atenderán consultas sobre aspectos científico-técnicos, transferencia de coñecemento e resultados de investigación”, detallan os responsables de Sherpa do Mar.

Testemuñas de persoas expertas e experiencias de proxectos

Joana Resende, vicerreitora da Universidade de Porto para a Planificación, Emprendemento e Transferencia de Coñecemento, foi a encargada de inaugurar este mércores a xornada central o II Encontro Universidade-Empresa de Sherpa do Mar. Resende destacou na súa intervención a importancia das temáticas abordadas no encontro “que están nas prioridades das axendas da investigación”, así como o carácter transfronteirizo do proxecto Sherpa do Mar “cunha forte colaboración das nosas universidades de Galicia e do norte de Portugal, que é fundamental para a consolidación das nosas institucións de ensino superior e a reafirmación da economía do mar na Eurorrexión”. A vicerreitora da Universidade de Porto apelou á necesidade de coidar e preservar este recurso para poder ter unha economía sustentable e dinámica e animou a continuar tendendo pontes entre a academia e as empresas.

Pola súa banda, a profesora do Departamento de Bioloxía da Universidade de Porto Isabel Sousa Pinto foia primeira en intervir na xornada cun relatorio titulado Acuicultura e restauración de ecosistemas mariños para combater o cambio climático. A continuación, a coordinadora da Ãrea de Socioeconomía da Pesca do Centro Tecnolóxico do Mar, Cetmar, Rosa Chapela, centrouse na participación do sector pesqueiro en proxectos europeos, mentres que Carlos Pereira, director do Instituto de Acuicultura da USC, achegou as claves para unha eficaz interacción universidade-empresa. Francisco Arenas, investigador principal do equipo de Ecoloxía Bentónica do Ciimar, centrou a súa intervención nos últimos bosques mariños, mentres que as súa compañeira no Ciimar Cláudia Serra afondou nas solucións a medida para a acuicultura. Pola súa banda, João Tasso de Sousa, profesor do Departamento ECE e xefe do Laboratorio de Sistemas e Tecnoloxías Subacuáticas (LSTS) – FEUP, falou sobre robótica mariña, e Samuel Méndez, director xeral de Vigo Activo, centrouse nas características do capital risco como instrumento de investimento. Pablo Fernández Piñeiro foi o encargado pechar a rolda de intervencións cunha exposición sobre o caso de éxito de Frigoríficos Mar da Pobra, empresa que fundou e da que é director xerente.

A xornada rematou cunha breve exposición dalgúns dos proxectos que se están a acelerar no programa de acompañamento ao emprendemento Sherpa Journeys, de Sherpa do Mar. É o caso de Blue Bioprana, que busca trasladar solucións de biotecnoloxía para o tratamento e xestión da materia orgánica da agroindustria á acuicultura; Fish & Food Technology, que propón o uso de blockchain para mellorar a trazabilidade e seguridade alimentaria dos produtos pesqueiros e MytUniSex, centrada na produción de liñas de mexillón unisex a gran escala.

O ciclo de eventos organizados no marco de Sherpa do Mar rematará cun terceiro encontro, que se desenvolverá o vindeiro mes de novembro.

Sherpa do Mar, 2021-09-29

Actualidad

Foto del resto de noticias (gnight-2026.jpg) Medio milleiro de investigadoras e investigadores e máis de 150 actividades científicas nas sete cidades galegas: Vigo, Ourense, Pontevedra, Santiago, A Coruña, Ferrol e Lugo. Así se celebrará en Galicia a sexta edición da Noite Galega das Persoas Investigadoras, G-Night 2026, unha actividade na que a comunidade científica galega une talento e esforzos co obxectivo de achegar a ciencia á cidadanía e espertar vocacións científicas, ao tempo que se ofrecen propostas de lecer científico, cultural e educativo para toda a familia.
Foto de la tercera plana (20260916-xunta.jpeg) A Xunta de Galicia reclama ao Goberno central medidas estruturais de apoio ao sector agrogandeiro. Do mesmo xeito, esíxese que se teña en conta a realidade de cada territorio á hora de levar a cabo estas actuacións, que deben executarse de xeito urxente. Así o trasladou a conselleira do Medio Rural, María José Gómez, na Conferencia Sectorial celebrada en Madrid, na que se dirixiu ao ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luis Planas, para facer estas reclamacións. Alí, reafirmou tamén o compromiso do Executivo galego con este sector.

Notas

A colaboración entre a UDC, a USC, a UVigo e o Sergas permitirá reforzar a prevención, facilitar a detección temperá de situacións de malestar emocional e garantir a continuidade asistencial cando sexa necesaria. O documento nace do traballo conxunto de profesionais das tres universidades e da Administración sanitaria, integrando a experiencia práctica e a evidencia científica.
Berenguela de Castela, María de Molina, Inés de Castro, Leonor de Guzmán, María de Padilla ou Catalina de Lancaster son algunhas das mulleres que protagonizan 'Señoras de Castilla. Reinas y damas medievales en la literatura peninsular', a exposición que pode visitarse na Facultade de Filoloxía e Tradución. A mostra percorre a vida e a fortuna literaria de catorce figuras femininas da nobreza da Baixa Idade Media.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES