
A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, visitou en Nigrán a empresa Alén Space, unha spin-off da Universidade de Vigo xurdida en 2019 gracias ao apoio do programa Ignicia posto en marcha pola Xunta de Galicia e a Fundación Barrié para potenciar a transferencia de coñecemento dos centros de I+D+i ás pemes, impulsando así a competitividade da economía galega.
Argerey destacou o crecemento da empresa especializada no deseño, fabricación e operación de pequenos satélites, xa que naceu con 5 traballadores no seu cadro de persoal e, na actualidade, aspira a pechar 2021 con 25 empregados e máis dun millón de euros de facturación. Ademais, a directora de Gain sinalou que nesta expansión foi clave a entrada de capital privado, unha das accións prioritarias realizadas polo equipo promotor do proxecto durante o programa Ignicia.
Xunto aos apoios recibidos mediante esta liña de axudas para industrializar a solución de nanosatélites, comezar a actividade comercial e levar a cabo a transferencia de tecnoloxía da Universidade de Vigo á futura empresa, Alén Space resultou beneficiaria de máis iniciativas do Goberno galego para impulsar o seu crecemento.
Así, caben destacar o programa InnovaPeme 2019, para o desenvolvemento dun plan de innovación da empresa, e o programa ReAcciona orientado a impulsar a modernización tecnolóxica do tecido empresarial galego, así como a participación na aceleradora ViaGalicia, promovida pola Xunta de Galicia e o Consorcio Zona Franca de Vigo.
Entre os seus proxectos actuais, destacan a colaboración coa Universidade de Brasilia para o desenvolvemento de CubeSat 1U nanosatétile; con Egatel e o Centro Tecnolóxico de Telecomunicacións de Galicia (Gradiant) para a dixitalización das comunicacións do sector naval a través do proxecto Shipmate; co Instituto de Técnica Aeroespacial (Inta) para o sistema de comunicación intersatelital (ISL) da misión Anser de vixilancia da calidade das augas en encoros e pantanos; e coa Axencia Espacial Indonesia (LAPAN) para a provisión de cargas útiles de comunicacións.
Neste contexto Patricia Argerey sinalou a importante contribución que fai esta empresa a un segmento de mercado tan especializado como o New Space e puxo en valor a aposta que está a facer Galicia desde 2014 polo sector aeroespacial, coa posta en marcha do Polo Aeroespacial de Galicia que fai da Comunidade un referente a nivel nacional e europeo.
Programa Ignicia
Durante a visita, a directora de Gain quixo destacar tamén o impacto no mercado galego que ten o programa Ignicia, pioneiro en España e posto en marcha en 2016. As dúas primeiras convocatorias, cun investimento de 7M, posibilitaron o desenvolvemento de 16 proxectos que involucran a máis de 120 persoas traballadoras. Así mesmo, permitiu a constitución de 8 spin-offs que dan emprego a máis de 50 persoas, e completouse a transferencia dunha licenza á industria. En total, 9 proxectos xa están finalizados e xerando retornos para a Administración autonómica.
Actualmente está en marcha a terceira edición de Ignicia, na cal resultaron seleccionados sete proxectos que entran agora na fase de elaboración do plan de desenvolvemento e comercialización, como paso previo á formalización do investimento. O orzamento total solicitado por estas iniciativas, que teñen unha duración media de dous anos, ascende a máis de 2,8 millóns de euros, o que implica arredor de 400.000 euros de media por proposta.
Foi inaugurada no Museo do Pobo Galego a exposición 'Transfronteiriza', da artista e cineasta tudense Diana Gonçalves, que permanecerá aberta ao público ata o 28 de marzo de 2027. A mostra parte do documental 'Mulleres da Raia', da mesma autora, e froito de tres anos de investigación. A través da linguaxe cinematográfica, de materiais documentais, arquivos históricos e elementos patrimoniais, a proposta constrúe unha experiencia arredor da memoria compartida entre Galicia e o norte de Portugal. En concreto, Transfronteiriza recupera a memoria das mulleres que viviron na fronteira entre ambos territorios a mediados do século XX, que desempeñaron un papel fundamental no comercio transfronteirizo e na supervivencia económica das familias.
Trátase dunha iniciativa que nace como evolución de Circo Presente Continuo e que se vai desenvolver por primeira vez fóra de Madrid. A Cidade da Cultura, o Teatro Principal e o Salón Teatro serán as súas sedes na capital galega, reunindo artistas, compañías, profesionais da programación, distribuidoras e institucións para compartir proxectos e favorecer novas oportunidades de colaboración e contratación. O programa inclúe oito espectáculos, seis mostras breves e catro traballos en proceso. Entre as propostas figuran Naufragio, de Labsurda; Serena, de Circ Bover; Matrimonio, de Kolektivo Konika; Siku, de Jessica Arpin; e Sen patrón, de Pistacatro, que ofreceu un adianto artístico durante a presentación.