
Unha publicación recolle agora os principais resultados das investigacións arqueolóxicas desenvolvidas neste xacemento lideradas por Eduardo Méndez-Quintas, arqueólogo do Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio da Universidade de Vigo.
O libro, editado polo Servizo de Publicacións da Universidade de Vigo, leva por título El poblamiento humano del NW peninsular durante el Paleolítico Antiguo. Un yacimiento achelense de finales del Pleistoceno Medio en Arbo (Pontevedra). Consta de seis capítulos de autoría combinada de Eduardo Méndez-Quintas con outros investigadores e investigadoras, como Martina Demuro e L. J. Arnold (Universidade de Adelaida, Australia); Mathieu Duval e Manuel Santonja (Centro Nacional de Investigación sobre a Evolución Humana-Cenieh), Mikel Díaz-Rodríguez (Gepn, Universidade de Santiago), Andrea Serodio Domínguez (Data Gestión Cultural), e Alfredo Pérez-González (Instituto de Evolución en África). Nas máis de 350 páxinas da publicación recóllese unha síntese sobre o primeiro poboamento humano do cuadrante noroeste da península; a historia dos traballos e da interpretación xeomorfolóxica e estratigráfica do xacemento; os procedementos de datación e de análise dos procesos de formación e distribución espacial do rexistro arqueolóxico e un estudo detallado dos conxuntos de industria lítica, ademais dunha síntese e contextualización global do xacemento de Arbo.
Varias tecnoloxías, varias especies humanas
O xacemento paleolítico de Arbo escavouse ininterrompidamente entre os anos 2010 e 2012 por un equipo de investigación liderado por Eduardo Méndez-Quintas, Manuel Santonja e Alfredo Pérez-González, contando co apoio do Instituto de Estudos Miñoráns, o Concello de Arbo e a Universidade de Vigo. As datacións realizadas, explica Méndez-Quintas, indicaron que os niveis de ocupación humana do xacemento teñen unha cronoloxía anterior a 118.000 anos, máis concretamente ao redor dos 130.000-190.000 anos de antigüidade, o que posicionan a Arbo como uns dos xacemento arqueolóxicos coñecidos máis antigos de Galicia e un dos enclaves máis recentes de Europa con tecnoloxía acheuliana.
No sitio recuperouse un abundante conxunto de ferramentas de tipo acheuliano (técnica de manufactura de ferramentas típica do Paleolítico antigo baseada na produción de grandes utensilios de pedra, entre os que destacan os bifaces). Segundo comenta o arqueólogo do GEAAT, este conxunto destaca non só pola súa cantidade (máis de 3000 pezas, o que o converte nun dos conxuntos máis numerosos do final deste período na península ibérica procedente dunha escavación), senón tamén pola gran mestría e destreza no acabado das ferramentas, dando como resultado pezas con marcado carácter estético. Neste xacemento, e noutros próximos como o sitio de Porto Maior (As Neves), engade Méndez-Quintas, observaron a existencia de ferramentas de tipo acheuliano de estilo africano, as cales son coetáneas noutros xacementos peninsulares e europeos cunha tecnoloxía totalmente diferente (Paleolítico medio) elaborada por neandertais. Isto reforzaría, indica, a hipótese de que no sur de Europa puideron coexistir neste período varias especies humanas diferentes. Sitios como o de Arbo xustifican a coexistencia nesta época de varias tecnoloxías diferentes (acheuliana e Paleolítico medio antigo), producidas á súa vez por especies humanas diferentes e con orixes xeográficas diferentes (unha especie africana indeterminada e os neandertais), comenta o arqueólogo da UVigo.
Os resultados das investigacións en Arbo e as desenvolvidas en enclaves próximos do curso baixo do río Miño, comenta Eduardo Méndez-Quintas, converten a esta zona nun área especialmente significativa para desentrañar e coñecer os procesos culturais destes remotos grupos humanos. O xacemento pontevedrés, engade, é un dos poucos xacementos arqueolóxicos escavados en Galicia do Paleolítico inferior, unha época que, indica, era tradicionalmente a máis descoñecida da Prehistoria galega, pero os resultados das investigacións actuais permiten ampliar o seu coñecemento de xeito notable. Deste xeito, apunta por último o responsable da publicación, a imaxe que temos actualmente deste período fuxe da visión tradicional de atipismo e anacronía e insírese nun contexto de normalidade con respecto ao acontecido no resto do suroeste de Europa.
Foi presentada a novena edición de Intersección, Festival Internacional de Cine da Coruña, celebrada nos Cantones Cines. O festival desenvolverase do 13 ao 17 de outubro cunha programación que combina proxeccións, exposicións, formación e encontros profesionais arredor das novas linguaxes cinematográficas. Así, as seccións competitivas Galicia, Internacional e Fulgor achegarán ao público obras afastadas dos circuítos comerciais habituais e novas voces da creación audiovisual contemporánea. En concreto, a sección Internacional reúne 27 filmes procedentes de 22 países, entre os que figuran catro estreas mundiais, 17 en España e cinco en Galicia. As propostas exploran cuestións como a tecnoloxía, a memoria, o territorio e a identidade desde linguaxes e xeografías diversas.
A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) celebrou en Santiago, no Salón Nobre do Colexio de Fonseca, o acto do Día da Ciencia en Galicia, no que se homenaxeou á oceanógrafa Aida Fernández Ríos (Vigo, 1947 - Moaña, 2015) como Científica Galega 2026. Ademais, entregáronse as Medallas de Investigación a cinco científicas e científicos da nosa comunidade. O presidente da Academia destacou que 'Aida Fernández Ríos foi unha investigadora capaz de identificar problemas relevantes e de situalos nun contexto internacional, converténdose nunha científica respectada moito máis alá de Galicia.