
A obra recolle as conclusións do primeiro ano de investigación do Laboratorio para poñer en valor as formas de manexo do territorio levadas a cabo historicamente polas comunidades locais e impulsar, deste xeito, iniciativas na rexión que se rexan polos mesmos principios de sustentabilidade. A través do aproveitamento sostible, tal e como sinala a obra, os montes poden ser menos proclives tanto aos lumes como a outros problemas ambientais, alén de converterse en espazos máis biodiversos e multifuncionais.
Non se trata só de reconstruír a memoria da comunidade, senón de pensar nela en termos de transición ecosocial: que hai do pasado que poidamos recuperar para contribuír a unha transición socioecolóxica, explicou o catedrático da USC e investigador principal de HISTAGRA, Lourenzo Fernández Prieto no acto de presentación da obra que se desenvolveu no Paraninfo da Facultade de Xeografía e Historia e que estivo presidido polo reitor Antonio López. Alén de Fernández Prieto, tomaron parte no acto o presidente da Fundación RIA, David Chipperfield; e o director da Fundación Banco Santander entidade que cofinancia o proxecto, Borja Baselga. O editor da publicación Adrián Capelo tamén interveu no acto xunto ao coordinador da Fundación, Manuel Rodríguez.
Metodoloxía
A investigación realizouse a través do baleirado de arquivos e fondos documentais, visitas de campo e, especialmente, coa fonte oral, realizándose 56 entrevistas, das que derivaron 300 fragmentos que están depositados no repositorio dixital https://www.terraememoria.usc.gal/. A sistematización do proceso, a selección das preguntas, a escolla das metodoloxías e focalizar a ollada na sustentabilidade foron as nosas chaves para traballar coas fontes máis axeitadas, para extraer a información que se materializa en coñecemento na publicación, explican dende o Laboratorio. De todo este proceso, extráense leccións coas que amosar posibles achegamentos a cuestións económicas, sociais e ambientais que son relevantes alén deste territorio. As propias comunidades locais deben ser protagonistas dun camiño que a ollos da realidade actual se amosa imprescindible. A transición ecosocial é unha aposta para evitar o caos ambiental, continúan os investigadores.
Na primeira fase do proxecto identificáronse os trazos do manexo sustentable e orgánico do agro que se manteñen na actualidade e, a través da memoria labrega, os saberes que explican eses manexos do territorio. Tamén se definiron as inercias perturbadoras da sustentabilidade que arraigaron no pasado. O resultado da indagación representouse nunha cartografía de manexos históricos do territorio coa que se dá conta das interdependencias, dos canais de comercialización, da relación do común coa casa e daquelas pegadas históricas que poidan axudar a xerar uns novos imaxinarios partindo da reconstrución e da valoración histórica das comunidades e do rastrexo dos manexos dos agroecosistemas.
Interdependencia
As ameazas derivadas do quecemento global salientan a necesidade urxente de mudar as relacións do ser humano coa natureza, reivindican dende o Laboratorio. Os valores, imaxinarios e éticas asociadas ao extrativismo e ás teorías desenvolvementistas deben ser reconfiguradas. Non existe o crecemento infinito e tampouco o éxito é puramente individual, somos interdependentes e cooperativos. As interaccións sociais non deben ter como única medida o mercado, engaden. O proxecto pon o foco na herdanza e no legado que se deixa ás xeracións futuras como exercicio de corresponsabilidade. A alternativa pasa por facilitar mecanismos que revertan o colapso, afirman.
A publicación Cando eramos sostibles. Aprendendo no Barbanza as claves do futuro foi escrita de xeito colaborativo polos investigadores Lourenzo Fernández Prieto, David Soto, Fran Quiroga, David Fontán e Ricardo Suarez, alén de ser editada pola Fundación RIA, grazas ao traballo dos editores Manuel Rodriguez e Adrian Capelo. A obra conta cun deseño de infografías e planos que ilustra os procesos de mudanza que teñen acontecido nos últimos douscentos anos na península do Barbanza. Esta publicación que está accesible en galego, castelán e inglés pode descargarse dende a web https://barbanzaecosocial.org/gl/paxinaprincipal/ e foi editada en creative commons, co compromiso de devolver o aprendido ás comunidades nas que se realizou a investigación. O proxecto contou tamén coa colaboración da Cátedra Juana de Vega.
Convocatoria de proxectos semente
A segunda fase do Laboratorio Ecosocial do Barbanza iniciarase cunha convocatoria de proxectos semente. Trátase de dar un primeiro impulso á posta en marcha de iniciativas locais que se rexan polos principios de sustentabilidade identificados durante a investigación. Tres proxectos semente serán seleccionados mediante unha convocatoria aberta a todo o Barbanza, outorgándoselles un financiamento de 5.000 euros a cada un deles. Con esta iniciativa, convídase as entidades públicas e privadas a que acompañen ao Laboratorio Ecosocial do Barbanza na posta en marcha, amplificación e replicación deste tipo de iniciativas. A través do enderezo electrónico info@barbanzaecosocial.org poderán enviarse ideas preliminares de proxectos, coas que se quere establecer un diálogo para incorporar achegas ao proceso de selección e resolver dúbidas dos interesados. Nun prazo aproximado de dúas semanas, publicaranse as bases da convocatoria e abrirase de modo formal o proceso de presentación de proxectos durante un mes de duración.
A economía galega medrará catro décimas máis do previsto hai un ano, cando se elaboraron os orzamentos vixentes. Así se desprende do Informe sobre as previsións macroeconómicas que se incluirán nos orzamentos da Xunta de Galicia para o ano 2027, elaborado polo Instituto Galego de Estatística (IGE) e que hoxe foi avalado pola AIReF. Deste xeito, segundo constata o documento, Galicia medrará máis do previsto para este ano. Non en van, se en xullo, cando se aprobou o teito de gasto non financeiro, a Comunidade xa mellorou a previsión de crecemento que estaba nos orzamentos para este ano en dúas décimas, pasando do 1,9 % ao 2,1 %, agora volve a facelo, mellorando noutras dúas décimas (ata o 2,3 %) a previsión para o peche de 2026.