Notas de prensa

Os deseñadores formados na UVigo brillan na Fashion Week Madrid

As propostas de oito novos deseñadores e deseñadoras, dous deles formados nas aulas de Esdemga, protagonizaron este domingo a última xornada da 73 edición da Mercedes-Benz Fashion Week Madrid. No Allianz Ego puido verse por primeira vez sobre unha pasarela Zebras in London? Why not?, unha colección que o egresado do Máster en Deseño e Dirección Creativa en Moda Sergio Villasante ideou como traballo de fin de máster.

Neste certame dedicado aos novos talentos da moda, o tamén ex-alumno de Esdemga Gabiel Nogueiras presentaba o novo proxecto da súa firma Rubearth, Fat man, que se alzaba co premio Mercedes-Benz Fashion Talent á mellor das coleccións que concorrían á décimo quinta edición do Ego.

“Lévome unha experiencia profesional tremenda”, salienta Villasante da súa participación na pasarela madrileña, na que presentaba unha edición ampliada da colección que o pasado mes de novembro defendía diante do tribunal encargado de avaliar o seu traballo de fin de mestrado. A situación sanitaria impediu entón que este titulado puidese amosar o seu traballo no desfile de Debut, no que Esdemga presenta cada ano os proxectos dos novos egresados e egresadas. Deste xeito, o Allianz Ego constituíu a primeira oportunidade para ver por completo Zebras in London? Why not?, unha colección masculina inspirada na época vitoriana na que este titulado reflexiona sobre os efectos do colonialismo tanto na moda como na sociedade. “A organización foi xenial, o cásting tamén e lévome un feedback moi positivo”, sinala Villasante, que recoñece como “a parte máis divertida de todo o proceso” os traballos previos de preparación do desfile deste domingo. “Foi unha oportunidade moi importante”, salienta este titulado, que destaca os ánimos que lle outorga de cara ao seu futuro profesional ter formado parte dos oito seleccionados e seleccionadas nesta plataforma. “Que recoñezan o teu traballo, e máis nun ámbito como a moda que depende moito do público, é algo moi importante”, engade este deseñador, que recoñece ademais a súa satisfacción polo feito de que o premio á mellor colección fose para un profesional formado tamén en Esdemga.

Inspirada no lanzamento da bomba atómica sobre Xapón en 1945 e na idea do desastre nuclear, a colección Fat man de Rubearth, a firma creada polo ex-alumno Gabriel Nogueiras, foi a seleccionada polo xurado responsable de avaliar os proxectos que concorreron ao Allianz Ego, no que tamén presentaron as súas coleccións Guillermo Décimo, Corsicana, Reparto Studio, Velásquez, Georgiela Studio e Montenegro.

De Esdemga a Cibeles

Sobre a pasarela da antiga pasarela Cibeles, Villasante presentou unha versión ampliada do seu TFM, unha colección de moda masculina que toma como fonte de inspiración a figura do banqueiro, político e zoólogo inglés Walther Rothschild (1868-1937) e, máis en concreto, o feito de que este “trouxese desde África a Londres unhas cebras que amestrou para que tirasen da súa carruaxe”. A partires deste suceso, Villasante deu forma a un proxecto, que ampliou de nove a 15 estilismos para a súa presentación no Allianz Ego, no que toma a figura do explorador e as prendas que se habitualmente se lle atribúen como “fío conector” dunha reflexión sobre como o colonialismo influíu na moda occidental da época. "O meu obxectivo con esta colección foi desde un primeiro momento fusionar a moda masculina actual coa feminina da época e, a través das combinacións de tecidos, siluetas e estampados, crear algo contemporáneo”, salientaba este deseñador, que levou á pasarela unha serie de propostas nas que blusas de seda, punto de mohair e algodóns mesturábanse con moarés estampados, chalecos de abelorios ou tafetás de nailon.

Universidade de Vigo, 2021-04-12

Actualidad

Foto del resto de noticias (mariscadoras.JPG) O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, informou esta mañá de que o Consello deu luz verde aos textos 'dos estatutos das mulleres do rural e do sector marítimo-pesqueiro de Galicia', que entran así na súa última fase de tramitación coa súa remisión ao Consello Consultivo para que emita o informe preceptivo 'e estean aprobados a finais de ano'. Este trámite, que coincide coas vésperas do Día Internacional das Mulleres Rurais -que se conmemora cada 15 de outubro- busca 'avanzar no recoñecemento das mulleres' destes eidos e 'mellorar o seu acceso a novas oportunidades e recursos'. Ambos documentos buscan ademais, tal e como explicou Calvo, visibilizar a súa contribución ao desenvolvemento territorial; garantir o seu acceso en igualdade a dereitos, oportunidades e recursos; fomentar a contratación feminina en profesións masculinizadas ou impulsar a titularidade compartida en explotacións e embarcacións.
Foto de la tercera plana (economia-porcentaxe.jpg) A economía galega medrará catro décimas máis do previsto hai un ano, cando se elaboraron os orzamentos vixentes. Así se desprende do Informe sobre as previsións macroeconómicas que se incluirán nos orzamentos da Xunta de Galicia para o ano 2027, elaborado polo Instituto Galego de Estatística (IGE) e que hoxe foi avalado pola AIReF. Deste xeito, segundo constata o documento, Galicia medrará máis do previsto para este ano. Non en van, se en xullo, cando se aprobou o teito de gasto non financeiro, a Comunidade xa mellorou a previsión de crecemento que estaba nos orzamentos para este ano en dúas décimas, pasando do 1,9 % ao 2,1 %, agora volve a facelo, mellorando noutras dúas décimas (ata o 2,3 %) a previsión para o peche de 2026.

Notas

A Rede de Centros Singulares de Investigación da USC conmemora o 24 de outubro o 10º aniversario de Ciencia Singular, a xornada de portas abertas que desde 2017 achega a miles de persoas o labor científico punteiro da USC. Esta iniciativa cumpre unha década ofrecendo á cidadanía a oportunidade de coñecer o traballo que realizan centos de investigadores en química, tecnoloxías intelixentes, medicina molecular, física de partículas ou tecnoloxías ambientais, descubrindo a aplicación práctica do coñecemento científico.
Entre os meses de outubro de 2026 e xuño de 2027 desenvolverase o VI Plan Ciencia de ida e volta, unha nova tempada de actividades de divulgación científica na UVigo, impulsado pola Unidade de Cultura Científica e da Innovación (co financiamento da FECYT-Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades. Ao longo de nove meses sucederase un amplo programa de actividades de lecer científico, co que a UVigo volverá sacar a ciencia dos laboratorios ás rúas.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES