Notas de prensa

'Responsabilizar a unha cepa do caos que estamos vivindo é unha enorme simplificación do algoritmo da pandemia”'

O rol dos super-contaxiadores como “catalizadores perfectos” da pandemia por mor da COVID-19, acaba de ser subliñado polos profesores da USC Antonio Salas e Federico Martinón na revista Science. “Responsabilizar a unha cepa do caos que estamos vivindo é unha enorme simplificación do algoritmo da pandemia”, apuntan os científicos logo de analizar máis de 166.000 xenomas completos do coronavirus.

Os super-contaxiadores seguen a ser “o motor” da crise sanitaria actual, sinalan, e poden dar orixe a grandes gromos máis alá de cal sexa a cepa predominante do SARS-CoV-2.

O grupo liderado por Salas e Martinón decidiu explorar o modelo de super-contaxio nunha base de datos moito máis ampla que a que xa se utilizara nun traballo publicado por estes autores en maio de 2020. Nesta nova contribución que acaba de ver a luz como eLetter en Science, os científicos abordan centos de eventos ocorridos en distintas partes do mundo ao longo da pandemia. Ao explorar miles de xenomas do virus, lograron corroborar que unha boa parte dos contaxios explícanse por mor do super-contaxio. Segundo Salas, “é moi gratificante observar como afloran evidencias cada vez máis consistentes que indican a importancia do super-contaxio na transmisión do virus”.

A revista Science deu conta recentemente de dous eventos de super-contaxio sucedidos en Boston durante a primeira vaga. O estudo de Salas e Martinón reacciona ante ese artigo. “Un dos dous eventos de Boston xa o reportamos hai meses xunto con outras ducias máis, e o outro evento non puidemos detectalo porque non tiñamos acceso ás secuencias”, apunta Antonio Salas. “Agora que puidemos acceder a unha base de datos moito máis ampla e empregando exactamente a mesma metodoloxía que usamos en maio, si o detectamos, así como uns cantos de centos máis”, explica.

Cepas e vacinas

Pola súa parte, o profesor Martinón destaca “a importancia que ten facer un seguimento das cepas que circulan no mundo, porque pode alertarnos sobre a necesidade de establecer medidas preventivas, así como a re-orientar, se fose preciso, as vacinas existentes e as que están por vir. Sería relativamente fácil actualizar as vacinas coas novas variantes que vaian aparecendo”. Segundo os tamén científicos do Instituto de Investigación Sanitaria (IDIS), a aparición de cepas novas do virus non é algo extraordinario no SARS- CoV-2. Segundo Salas, “entender a dinámica do virus axúdanos a poñer en contexto cepas como a británica, a brasileira, ou a xaponesa. Cando se di que unha cepa é máis transmisible que outra, é importante poñer esta afirmación en contexto, e non esquecer que o modelo de transmisión e o comportamento social son dous potentes motores da pandemia”, explica. “En termos xerais, unha persoa que usa máscara e mantén a distancia social, prevén o contaxio, sexa portador ou non dunha variante ou outra. Doutra banda, un super-contaxiador é un catalizador perfecto e pode orixinar grandes gromos e así converter unha mutación que xorde nun único individuo, nunha mutación predominante”, conclúe.

Segundo Salas, a valoración sobre a maior ou menor capacidade infecciosa das cepas debe facerse sempre nun contexto relativo. “A capacidade infecciosa dunha cepa estúdase sempre nun espazo xeográfico concreto e compárase contra outras variantes que circulan no mesmo contexto epidemiolóxico, pero non contra todas as que están a circular no mundo ou as que xa se extinguiron e que tamén, en momentos determinados foron dominantes nalgún lugar”, explica Salas. “Responsabilizar a unha cepa do caos que estamos a vivir é unha enorme simplificación do algoritmo da pandemia, aínda que é unha maneira eficaz de xustificar o que a nivel social non soubemos controlar. Cos datos actuais, as chamadas novas cepas non estaban circulando en España ou eran moi minoritarias en decembro, polo que parece razoable pensar que ‘salvemos o nadal’ puido ser o detonante desta terceira vaga”, apunta o profesor da USC.

Resultados de peso

A poucos meses do inicio da pandemia, o grupo de Salas e Martinón fixo públicos os primeiros resultados das súas investigacións sobre o xenoma do SARS-CoV-2. Neste primeiro traballo, publicado en Genome Research, os investigadores estudaron diversos aspectos relacionados coa orixe do virus a partir dun salto zoonótico e descartando a súa creación artificial nun laboratorio, así como os seus patróns de variabilidade xenómica a escala mundial, a árbore filoxenética (xenealóxica) do SARS- CoV-2 e a dispersión das súas cepas ao longo e ancho do mundo.

Con todo, un dos resultados do grupo máis imprevisibles, foi o que levou a estes autores a propoñer o modelo de super-contaxio na transmisión do virus. Este traballo foi pioneiro a escala internacional e os seus resultados co paso do tempo foron gañando máis e máis peso, de maneira que xa son moitos os artigos publicados en revistas como Science e Nature que referendan esta proposta do grupo galego. Nun artigo posterior dos autores, e aplicando este mesmo modelo analítico, estudaron os patróns pandémicos do xenoma do virus en España na súa primeira onda de expansión; onde puideron observar que case todos os casos do Estado explicábanse pola presenza de cinco cepas, e en concreto, dúas delas alcanzaban case o 70% de todas as infeccións da base de datos (cepas B3a e A2a5). Naquel momento, as mutacións que deron lugar a B3a e A2a5 eran absolutamente dominantes en todo o territorio.

Universidade de Santiago de Compostela, 2021-02-04

Actualidad

Foto del resto de noticias (gnight-2026.jpg) Medio milleiro de investigadoras e investigadores e máis de 150 actividades científicas nas sete cidades galegas: Vigo, Ourense, Pontevedra, Santiago, A Coruña, Ferrol e Lugo. Así se celebrará en Galicia a sexta edición da Noite Galega das Persoas Investigadoras, G-Night 2026, unha actividade na que a comunidade científica galega une talento e esforzos co obxectivo de achegar a ciencia á cidadanía e espertar vocacións científicas, ao tempo que se ofrecen propostas de lecer científico, cultural e educativo para toda a familia.
Foto de la tercera plana (20260916-xunta.jpeg) A Xunta de Galicia reclama ao Goberno central medidas estruturais de apoio ao sector agrogandeiro. Do mesmo xeito, esíxese que se teña en conta a realidade de cada territorio á hora de levar a cabo estas actuacións, que deben executarse de xeito urxente. Así o trasladou a conselleira do Medio Rural, María José Gómez, na Conferencia Sectorial celebrada en Madrid, na que se dirixiu ao ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luis Planas, para facer estas reclamacións. Alí, reafirmou tamén o compromiso do Executivo galego con este sector.

Notas

A colaboración entre a UDC, a USC, a UVigo e o Sergas permitirá reforzar a prevención, facilitar a detección temperá de situacións de malestar emocional e garantir a continuidade asistencial cando sexa necesaria. O documento nace do traballo conxunto de profesionais das tres universidades e da Administración sanitaria, integrando a experiencia práctica e a evidencia científica.
Berenguela de Castela, María de Molina, Inés de Castro, Leonor de Guzmán, María de Padilla ou Catalina de Lancaster son algunhas das mulleres que protagonizan 'Señoras de Castilla. Reinas y damas medievales en la literatura peninsular', a exposición que pode visitarse na Facultade de Filoloxía e Tradución. A mostra percorre a vida e a fortuna literaria de catorce figuras femininas da nobreza da Baixa Idade Media.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES