Notas de prensa

O proxecto internacional rurALLURE divulgará o patrimonio que rodea ás grandes vías de peregrinación de Europa

'rurALLURE: Promoción de museos e sitios culturais en áreas rurais na contorna dos camiños de peregrinación de Europa' é unha mestura de termos en inglés (rural; lure, atraer e alure, encanto) que dá nome ao proxecto internacional liderado pola Universidade de Vigo, no que participan máis dunha decena de socios de seis países europeos, e que ten por obxectivo a divulgación do patrimonio cultural que rodea ás grandes vía de peregrinación de Europa.

Financiado con preto de 3 millóns de euros procedentes do programa Horizonte 2020 da Comisión Europea, rurALLURE: Promoción de museos e sitios culturais en áreas rurais na contorna dos camiños de peregrinación de Europa, procurará cun enfoque multidisciplinar e o traballo de grupos de investigación de universidades, empresas, institucións públicas e museos, ampliar as experiencias dos peregrinos que discorren polas grandes vías europeas, achegándolles a oferta cultural das áreas rurais próximas, a través de ferramentas tecnolóxicas e estratexias de innovación. “Trátase de promover o patrimonio rural como un engadido cara ao interese que poida suscitar unha ruta de peregrinación que se fai de extremo a extremo ou por tramos”, explicou o docente e investigador da UVigo e investigación principal do proxecto, Martín López Nores, na presentación de rurALLURE, celebrada hoxe no campus de Vigo e na que tamén participaron o reitor, Manuel Reigosa, e a vicerreitora de Investigación, Belén Rubio.

Tanto Reigosa, como Rubio, felicitaron ás e aos investigadores dos departamentos de Enxeñaría Telemática; Historia, Arte e Xeografía; Didácticas Especiais e Socioloxía da Universidade de Vigo, que participan no proxecto, do que destacaron o seu carácter multidisciplinar. Neste sentido, a vicerreitora de Investigación incidiu no incremento rexistrado no número de proxectos H202 solicitados e concedidos á UVigo desde a posta en funcionamento da Oficina de Proxectos Internacionais (OPI), ao tempo que animou a outros grupos “a seguir este exemplo de proxecto multidisciplinar no que hai grupos de historia, turismo, tecnoloxía e que é una oportunidade de potenciar o patrimonio cultural nas rutas de peregrinación europeas”, sinalou Rubio.

De España a Romanía, pasando por Italia e Noruega

rurALLURE ten a súa orixe nunha conversa mantida hai un ano entre Martín López Nores e os responsables da Fundación Uxio Novoneyra, na que se falou de aproveitar o tirón do Camiño de Santiago para derivar ás e aos peregrinos a contornas rurais próximas. Tendo en conta o atractivo económico (só o ano pasado calcúlase que se xeraron 300 millóns de euros arredor do Camiño de Santiago), a diversidade do público que realiza peregrinacións e que o impacto desta actividade queda exclusivamente limitada aos lugares por onde discorren os camiños, o proxecto traballará en “desviar” o impacto desta actividade ás zonas rurais circundantes, “aumentando a visibilidade e accesibilidade a museos, lugares de interese patrimonial e cultural e expoñendo aos peregrinos a achados inesperados”, explica o investigador de atlanTTic. Cunha duración de tres anos e a participación de universidades como a de A Coruña, Autónoma de Madrid, Bratislava, Padua, Boloña ou a Universidade Noruega de Ciencia e Tecnoloxía, o consorcio, ademais de conformar unha rede de institucións, desenvolverá unha plataforma tecnolóxica que reúna os lugares con patrimonio que rodean as grandes vías de peregrinación e institucións de interese cultural (patrimonio relixioso, etnográfico, museos, recursos naturais, etc.) e os porá en relación cos servizos da zona (aloxamento, restauración, transporte), coa finalidade de definir un produto turístico completo que enriqueza e amplíe a experiencia da peregrinación.

Co obxectivo de validar os resultados da investigación e o funcionamento da plataforma, o proxecto desenvolverá catro experiencias piloto, unha delas sobre o patrimonio literario no Camiño de Santiago, no que se poñerá en valor o patrimonio literario nas inmediacións dalgúns tramos do camiño como de Pedrafita do Cebreiro a Santiago, das Médulas a Chantada e de Porto a Vilarinho, pasando po Vila do Conde en Portugal. A partir de aí tamén se abordará o patrimonio termal nos camiños a Roma; o patrimonio etnográfico do Camiño de San Olaf (Noruega) e o patrimonio natural nas vías de peregrinación mariana a Sumuleu Ciuc (Romanía). “Esperamos que nos tres próximos anos o proxecto se deixe sentir en España, Portugal, Hungría, Eslovaquia e Noruega porque temos aí socios directamente representados no consorcio. Así mesmo tamén temos contactos preliminares con axencias de amigos do camiño e similares en países do Benelux, Irlanda, Lituania e ao longo do próximo ano temos que falar con axentes que están a traballar en Albania, Macedonia, Grecia e na parte europea de Turquía”, detalla o investigador principal do proxecto.

Unha iniciativa axeitada á era covid

Na presentación do proxecto, no que a decana da Facultade de Historia, Susana Reboreda, incidiu na importancia de establecer colaboracións entre os ámbitos humanístico e tecnolóxico, Martín López Nores tamén se referiu ao valor extra que este proxecto adquire nun contexto afectado por unha pandemia como a xerada pola covid-19. “Os destinos rurais están a gañar interese por ser menos concorridos e polo tanto máis seguros, ao tempo que derivando aos peregrinos a outras zonas, desconxestiónanse os albergues”, explico o IP do proxecto, que tamén sinalou que estes destinos encaixan perfectamente nun contexto no que as persoas procurarán, cando pase ou remita a pandemia, alivio espiritual e experiencias lentas.

Universidade de Vigo, 2020-11-09

Actualidad

Foto del resto de noticias (incendios-xente.jpg) O Consello da Xunta analizou na súa reunión de hoxe un informe da Consellería do Medio Rural sobre o anteproxecto de Lei de loita contra os incendios forestais de Galicia (LLCIF), antes da súa remisión para consulta ao Consello Forestal de Galicia, cuxa reunión está prevista para mañá martes. A futura normativa prioriza reforzar a protección da poboación e a xestión integral do territorio. O presidente do Goberno autonómico, Alfonso Rueda, lembrou que actual lexislación sobre incendios forestais 'ten case 20 anos' e 'cómpre actualizarla e adaptala aos novos tipos de lumes así como aos avances que houbo tanto na loita como na prevención de incendios'.
Foto de la tercera plana (tecnoloxia-cuantica.jpg) Galicia é a rexión que máis solicitudes presentou en Europa para participar en proxectos interrexionais de I+D+i. Así o indican os datos da Vanguard Initiative, alianza europea da que a nosa Comunidade forma parte, xunto a outras rexións, para estimular o crecemento europeo da I+D+i a través da colaboración entre territorios de distintos países e a especialización intelixente. Precisamente a Xunta vén de publicar a convocatoria VInnovate Galicia, unha liña de axudas para organismos de investigación e empresas que presenten proxectos con outras rexións. Para poder candidatar á convocatoria VInnovate Galicia da Xunta, cuxo prazo de presentación de propostas está aberto desde hoxe ata o 19 de outubro, os posibles participantes teñen que presentarse antes á fase europea.

Notas

A iTERRA Night 2026 achegará o 25 de setembro a investigación que se realiza dende o Instituto de Saúde Global e Desenvolvemento Sostible do Campus Terra da USC á cidadanía a través dunha tarde de ciencia, experimentación e aprendizaxe para diferentes idades. A iniciativa desenvólvese no soto da Praza de Abastos lucense como evento asociado á European ResearchersÂ’ Night, unha iniciativa das Marie Skłodowska-Curie Actions (MSCA).
Os laboratorios do Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina da Universidade de Vigo (CINBIO), pertencente á Rede Cigus, volveron converterse nun espazo aberto á cidadanía coa celebración dunha nova edición da súa xornada de portas abertas, unha iniciativa integrada no programa de divulgación científica Ciencia con C de CINBIO. Máis de 80 persoas de diferentes idades participaron nesta actividade, deseñada para achegar a investigación que se desenvolve no centro ao público dun xeito participativo e próximo.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES