Notas de prensa

Educación publica unha guía para a aprendizaxe a distancia durante a suspensión das clases polo COVID-19

A Consellería de Educación vén de difundir, a través do Centro Autonómico de Formación e Innovación do Profesorado e da súa rede de formación permanente, unha guía para facilitarlles aos docentes a aprendizaxe a distancia durante o período de suspensión das clases polo COVID-19. A guía recomenda facer unha planificación preliminar, desde a titoría e non por materia, co obxectivo de non sobrecargar con tarefas o alumnado e de establecer rutinas que permitan un esquema de traballo similar ao habitual.

No referido ás ferramentas que se poden usar, a guía recomenda empregar as institucionais, como as que proporciona a Consellería, que permiten enviar contidos, recibir tarefas e traballar en equipo. En calquera caso, indica que se seleccionasen outras diferentes sería recomendable consensualas entre todo o profesorado para facilitarlles o acceso ás familias.

Neste sentido cómpre lembrar que o departamento educativo da Xunta de Galicia pon ao dispor de cada un dos centros educativos unha aula virtual creada no entorno Moodle así como outras plataformas institucionais coma Agueiro (ferramenta corporativa de creación de portafolios dixitais educativos), Redeiras (rede social do profesorado galego), Espazo Abalar (repositorio de contidos educativos da Xunta de Galicia) e abalarMóbil.

Esta última aplicación permite, ademais, que as familias consulten información dos seus fillos a través do teléfono móbil desde calquera lugar, de forma cómoda e rápida. Así, van poder consultar os posibles avisos ou notificacións por parte do profesorado ou do centro educativo a través dun servizo de mensaxes que ten como obxectivo prioritario facilitar a comunicación das familias co centro educativo.

Tamén se lles ofrece aos docentes orientacións técnicas para a creación de vídeos e materiais (arredor das licenzas axeitadas, limitación de espazos), así como unha descrición do posible desenvolvemento dunha xornada lectiva a través da rede.

Doutra banda, o documento relaciona diferentes espazos virtuais con recursos educativos de diferentes materias e niveis, unha listaxe de ferramentas específicas con diversas aplicacións (de debuxo técnico, software matemático, deseño 3D, aprendizaxe de linguas, etc). Así mesmo recorda que as webs de institucións como museos e pinacotecas (como o Museo do Pobo Galego, o MUPEGA ou o Museo do Prado, entre moitos outros) ofrecen percorridos virtuais e materiais didácticos.

Formación e asesoramento

Por último, a guía recorda as opcións do profesorado galego para a teleformación e asesoramento, tanto a través da plataforma da Rede de Formación do Profesorado, Platega, que continúa a desenvolverse con normalidade, como a través dos contidos en aberto que anuncia o CAFI a través das súas redes sociais. En calquera caso, todos os docentes que precisen resolver dúbidas poden contactar co persoal asesor da Rede de Formación.

Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, 2020-03-19

Actualidad

Foto del resto de noticias (vilablues-2026.jpg) Un dos elementos diferenciais do Vilablues é que a súa programación transcende o recinto principal e se integra na propia vida do municipio. O festival conta con concertos, pasarrúas, sesións, jam sessions e actividades dirixidas a diferentes públicos, facendo que a música dialogue co espazo público, coa hostalaría, co comercio e coa actividade cotiá de Vilanova de Arousa. O cartel desta undécima edición estará encabezado por Dr. Feelgood, unha das grandes lendas británicas do pub rock.
Foto de la tercera plana (tecnoloxia-cuantica.jpg) A incorporación da intelixencia artificial (IA), o internet das cousas (IoT) e o big data nos sistemas xeoespaciais corporativos da Xunta, xunto co despregamento da plataforma de soporte a xemelgos dixitais, están a transformar a xestión territorial de Galicia, segundo o balance de 2025 da Estratexia Galicia Dixital 2030. O novo modelo, resultado do Programa de Xestión Territorial Intelixente, permite aproveitar as oportunidades en materia de xestión e coñecemento do territorio, de acordo coa visión estratéxica dunha transformación dixital adaptada ás necesidades específicas de Galicia.

Notas

Dous investigadores acaban de construír as primeiras ‘xeometrías de Einstein’ non homoxéneas sobre un dos espazos máis fundamentais das matemáticas, os espazos proxectivos complexos. Con isto responden afirmativamente nas dimensións n = 4 e n = 6 unha pregunta que o xeómetra francés Marcel Berger formulou en 1965 e que se resistira durante seis décadas.
No marco do convenio asinado pola USC e a Deputación da Coruña, o grupo de investigación Histagra da USC, tamén pertencente ao Centro de Investigación Interuniversitario das Paisaxes Atlánticas Culturais (CISPAC), está a coordinar o estudo histórico e arqueolóxico das fosas localizadas no cemiterio de Serantes (Ferrol). A primeira cata arqueolóxica neste espazo desenvolverase entre o luns 31 de agosto e o venres 11 de setembro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES