Notas de prensa

Presentados dous concursos para que os máis novos participen na Estratexia dixital de Galicia 2030

A Amtega quere contar coas achegas dos máis novos na elaboración da Estratexia Dixital de Galicia 2030. Así, a Axencia autonómica lanza dous concursos, cuxos obxectivos son explorar a creatividade dos máis novos a través do debuxo ou a narración, estimular a reflexión sobre como a transformación dixital afectará a nosa Comunidade nos próximos 10 anos, así como sensibilizar sobre o impacto da dixitalización na nosa Comunidade e dar a coñecer o proceso de elaboración da Estratexia Dixital de Galicia 2030.

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) quere contar coas achegas dos máis novos na elaboración da Estratexia Dixital de Galicia 2030 (EDG2030). Con este obxectivo a Axencia autonómica lanza dous concursos, un de debuxo para nenos e nenas de entre 5 e 12 anos, e outro de microrrelatos, dirixido a mozos e mozas de entre 11 e 18 anos, cuxas bases se publicarán mañá no espazo web amtega.xunta.gal/edg2030/concursos.

Os obxectivos dos certames son explorar a creatividade dos máis novos a través do debuxo ou a narración, estimular a reflexión sobre como a transformación dixital afectará a nosa Comunidade nos próximos 10 anos, así como sensibilizar sobre o impacto da dixitalización na nosa Comunidade e dar a coñecer o proceso de elaboración da Estratexia Dixital de Galicia 2030.

Concurso de debuxo

Baixo o nome “Captura a sociedade dixital!”, este concurso está orientado a que alumnos e alumnas de Educación Primaria, cunha idade comprendida entre os 5 e os 12 anos (ambas as dúas inclusive), combinen o seu talento creativo para o debuxo coa súa visión do futuro.

En concreto, os participantes deberán plasmar nun debuxo o impacto que consideran terá a dixitalización na sociedade galega no 2030: o uso das TIC, novos hábitos e necesidades que xorden pola transformación dixital, as oportunidades derivadas da aplicación das novas tendencias dixitais, etc.

Concurso de microrrelatos

“Viaxe ao 2030” é o título do concurso de microrrelatos para estudantes de ESO ou Bacharelato, cunha idade comprendida entre os 11 e os 18 anos (ambas as dúas inclusive), que deberán agudizar o seu enxeño e capacidade imaxinativa para describir o futuro.

A misión dos participantes neste certame será reflexionar sobre como esperan que a transformación dixital impacte na nosa vida diaria nos 10 próximos anos e expresalo a través dun microrrelato, describindo así a Galicia do 2030.

Posta en marcha e desenvolvemento dos certames

O persoal docente será o responsable de inscribir aos alumnos e alumnas interesados/as en participar a través dos formularios web correspondentes a cada concurso accesibles desde a web da Amtega. O período de inscrición estará aberto desde o hoxe día 16 de decembro ata o próximo 17 de xaneiro.

Os traballos, que poderán entregarse desde a apertura das inscricións ata o día 24 de xaneiro do 2020, serán enviados seguindo as instrucións recollidas nas bases e deberán cumprir coas características detalladas para cada un dos concursos.

Un xurado especializado no ámbito da Sociedade da Información e as Tecnoloxías Dixitais será o encargado de preseleccionar as cinco obras finalistas por cada certame. Posteriormente, publicaranse no Facebook da Amtega para que calquera internauta que o desexe poida votar aqueles que consideren que mellor representan a Galicia do 2030 a través das tecnoloxías dixitais. Premiarase ás obras gañadoras que serán os 3 debuxos e os 3 microrrelatos que máis “gústame” obteñan.

Participación na elaboración da Estratexia Dixital de Galicia 2030

Ambos concursos forman parte do proceso de elaboración da Estratexia Dixital de Galicia 2030, que arrincou no mes de xullo coa celebración do I Foro de debate profesional, no que participaron arredor de 200 axentes sociais e económicos da Comunidade, implicados en procesos de transformación dixital en distintos ámbitos de actuación.

Ademais, este mes de decembro constituíuse o Comité de expertos, integrado por 22 académicos de diferentes disciplinas das tres universidades galegas, que complementará a visión dos centros tecnolóxicos e empresas, e axentes económicos e sociais que están a participar no proceso de elaboración da EDG2030.

Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, 2019-12-16

Actualidad

Foto del resto de noticias (museo-peregrinacions-santiago.jpg) O Museo das Peregrinacións e de Santiago celebrará esta fin de semana obradoiros, concertos e un espectáculo de danzas do mundo no para conmemorar o décimo aniversario da apertura, na compostelá Praza das Praterías, da súa sede expositiva, un programa diverso e aberto a todos os públicos, para recoller a mesma esencia e cerna do museo. A programación do sábado, día 8, botará a andar ás 10,30 horas coa artesá Cristina Molares, quen desenvolverá un obradoiro de demostración de vidraría artística. Pola tarde, será a quenda de concertos musicais nas propias salas do museo para os que non será necesario inscribirse. A primeira das actuacións será a de Ãlex Salgueiro, ao clavicordio; á que lle seguirá Eloi Pérez cun repertorio de melodías celtas interpretadas con gaita irlandesa, e que rematará Juan Collado, un dos fundadores do grupo Odaiko Percussión, cun concerto de vibráfono.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro seco e moi cálido. En concreto, o pasado mes caracterizouse por unha primeira parte, ata o día 18, con predominio de altas presións, que deixaron tempo seco e moi cálido. A partir do día 19, as temperaturas descenderon e as precipitacións foron aparecendo con máis frecuencia e intensidade. Con todo, as temperaturas medias do mes quedaron moi por riba do que sería de agardar en outubro e as precipitacións que se foron acumulando nos últimos días non puideron chegar aos valores propios deste mes na maior parte de Galicia.

Notas

Tras unha década sen que o acordo de descentralización de Medicina se fixese efectivo e case medio ano despois de que a UDC solicitase a implantación do grao, os reitores do Sistema Universitario Galego confirmaron en Santiago de Compostela a consecución dun preacordo entre as tres universidades, que terá que ser validado, primeiro polo grupo de traballo, do que tamén forman parte as consellerías de Educación e Sanidade, e representantes da Facultade de Medicina e do SERGAS.
A UDC vén de celebrar o acto de entrega dos Premios de Emprendemento, unha das actividades incluídas na xornada UDC TALENTO, a I Feira de Emprendemento e de Apoio ao Emprego da UDC desenvolvida no marco de IMPULSA-T. O acto deu comezo coa entrega dos Premios Santander X Spain Awards, uns galardóns que teñen como obxectivo recoñecer as ideas de negocio universitarias e startups máis innovadoras e prometedoras.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES