Notas de prensa

Unha nova aplicación para teléfonos móbiles axudará a monitorizar a distribución de velutinas en Galicia

Na procura de predicir o patrón de expansión que pode chegar a ter a avespa asiática, un equipo da USC desenvolveu a plataforma ‘VeluMap’ para a predición da distribución, tanto espacial como temporal, deste insecto. Coñecer en tempo real onde se localiza a avespa velutina e poder cruzar estes datos coas características ambientais actuais desas localizacións permite mellorar o coñecemento da especie.

Esta é unha aplicación operativa no Centro de Supercomputación de Galicia (Cesga) e accesible na web no enderezo http://webs-gis.cesga.es/velutina que xurde no contexto do convenio de colaboración coa Deputación da Coruña para o ‘Estudo da problemática asociada a avespa velutina’. Esta plataforma está dispoñible de xeito gratuíto tanto para móbiles con sistema Android como IOS nas súas correspondentes plataformas de descarga.

Coñecer en tempo real onde se localiza a avespa velutina e poder cruzar estes datos coas características ambientais actuais desas localizacións “permite mellorar o coñecemento da autoecoloxía da especie a producir mapas actualizados de como será a súa distribución en tempo practicamente real”, aclara o doutor Luis Rodríguez Lado, investigador responsable do traballo, no que tamén participou o técnico do Cesga Abraham Martínez Gracia. Como explica o doutor Lado, VeluMap está baseada no concepto de mostreo colaborativo, a partir do cal os seus usuarios poderán comunicar de xeito sinxelo a presenza de individuos e niños á plataforma de monitorización a través dun rexistro de observación no seu teléfono móbil.

A plataforma VeluMap recibe os datos enviados por usuarios /as e actualiza automaticamente as predicións de distribución agardada para a especie. Como engade Rodríguez Lado “supón un grande avance xa que, ademais de ter datos de presenza en tempo real, está dispoñible un medio para identificar a presenza de avespa asiática en lugares remotos, pouco accesibles ou con pouca poboación, nos que actualmente non existe certeza da súa presenza porque simplemente non se teña comunicado oficialmente”. O equipo destaca o interese do uso desta ferramenta na medida en que canta máis xente use VeluMap e achegue datos, máis información dispoñible haberá sobre a localización da velutina, ao tempo que “mellor serán os resultados dos modelos preditivos para coñecer a expansión e distribución desta especie invasora en Galicia”.

Ata agora o principal limitante á hora de producir modelos actualizados foi a dispoñibilidade de datos en tempo real e a necesidade de recorrer a datos históricos de comportamento da especie observados no pasado para elaborar posibles modelos cos que poder predicir a súa potencial distribución de cara ao futuro. Con VeluMap xa é posible dispoñer de estimacións e mapas de distribución fiables para analizar a colonización das avespa velutina en Galicia utilizando datos de presenzas comunicados por usuarios/as en tempo real.

Proceso

A partir do rexistro como usuario, as persoas que utilicen VeluMap deberán elixir entre engadir observacións de individuos illados ou niño. Así se inicia a captura de datos, proceso no que se introducirá a imaxe correspondente, ben realizando a foto no momento ou recuperando imaxes da galería. No caso de que exista dúbida sobre a identificación da especie, a aplicación conta cunha guía simplificada da Consellaría de Medio Ambiente que axuda a verificar que se trate dunha velutina.

Unha vez tirada a foto, poderanse engadir comentarios sobre o ambiente no que se atopa a especie, para posteriormente sinalar o emprazamento xeográfico da observación e outros datos de interese como hora ou clima na localidade no momento da observación. Todos os datos recompilados súbense a unha base de datos para o seu almacenamento. En VeluMap pódense consultar os datos de presenza rexistrados e os mapas de distribución potencial xerados polo sistema a partir das distintas observacións achegadas.

Universidade de Santiago de Compostela, 2019-08-01

Actualidad

Foto del resto de noticias (proxecto-xenoma-galicia.jpg) A primeira fase do piloto do proxecto Xenoma Galicia permitiu detectar, entre os máis de 1.000 participantes aos que se lle recolleu unha mostra de sangue, 14 novos casos de alto risco para as patoloxías investigadas de cancro de mama e ovario hereditario, síndrome de Lynch e hipercolesterolemia familiar. A Consellería de Sanidade presentou esta mañá ante o Consello da Xunta un informe de situación do piloto do proxecto Xenoma Galicia. Cun investimento de 20 millóns de euros, o Goberno galego márcase o obxectivo de recompilar o ADN de 400.000 persoas. Pola porcentaxe de poboación incluída, Xenoma Galicia é un dos proxectos de maior envergadura do mundo. Permitirá ofrecer tratamentos farmacolóxicos individualizados, predicir o risco de enfermidades antes de apareceren para poder anticiparse a elas e evitalas grazas ao estudo do xenoma e da historia clínica.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) No marco do Plan de Actuacións fronte aos posibles efectos das altas temperaturas sobre a saúde, a Xunta de Galicia vén de rebaixar a alerta por altas temperaturas aos niveis 1 e 2. Deste xeito, a vaga de calor iniciada pasado venres, que na xornada de onte acadou o nivel 3 de alerta en diversas áreas de Galicia, agora queda establecida nos dous primeiros niveis de alerta. En concreto, as zonas que ficarán no nivel 2 son o noroeste de Ourense, o interior de Pontevedra, así como o Centro e a Montaña da provincia de Lugo. Pola súa banda, defínese o nivel de alerta 1 por vaga e calor as zonas do interior de Coruña, o sur de Lugo, Miño de Ourense, montaña de Ourense, sur de Ourense, Valdeorras, litoral de Pontevedra e a zona Miño de Pontevedra.

Notas

A décimo terceira edición do Campus de Verán XuvenCiencia, no que participan case un cento de adolescentes de terceiro e cuarto da ESO, primeiro e segundo de BAC e ciclos medios de FP, arrancou este luns e desenvolverase ata o sábado 5 en facultades, centros de investigación e laboratorios do Campus de Lugo da USC. Como en anos anteriores, o programa inclúe obradoiros prácticos, visitas a centros de investigación da USC en Lugo e doutros puntos da contorna, así como diversas actividades deportivas e de ocio.
Investigadores do grupo Encomat e do grupo e-Materiais da UVigo levan varios meses traballando de maneira conxunta para incrementar a vida útil de estruturas de formigón reforzadas con aceiros de memoria de forma. A súa proposta é a aplicación de películas intelixentes autorreparadoras ou smart coatings, cuxa viabilidade están a estudar no marco do proxecto SmartCoDur, seleccionado dentro do Plan Estatal de Investigación Científica, Técnica e de Innovación.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES