
Precisamente, coa idea de recuperar ese patrimonio oculto que atesoura Galicia o proxecto Rutas de Historia, pon en marcha a súa segunda xeira de roteiros históricos por toda Galicia para concienciar á sociedade galega da importancia que ten a súa historia e o seu patrimonio. Uns roteiros que queren servir para fixar na poboación a idea de que as pedras, os vellos mosteiros, castelos e castros, ou as lendas de mouros e reis teñen unha importancia cultural e natural fundamental para entender a idiosincrasia de Galicia.
Neste sentido, Rutas de Historia, ten previsto a realización de oito andainas históricas polas catro provincias galegas para ir fixando na poboación a idea de que a historia e o patrimonio tamén poden ser riqueza para un país. As rutas previstas abarcan varios períodos históricos; desde o neolítico ata a época contemporánea.
Na realización destas andainas, que están coordinadas polo portal www.historiadegalicia.gal e que contan co soporte de Abanca e da Deputación de Lugo, colaboran representantes de importantes entidades de defensa do patrimonio como Mariña Patrimonio, Patrimonio Galego, Sociedade Antropolóxica Galega (SAGA), Patrimonio dos Ancares, o Proxecto Arqueolóxico do Castro de San Lourenzo, o Colado do Vento, a Asociación María Castaña ou o Colectivo Capitán Gosende.
Así, entre os guías destas andainas estarán Manuel Miranda, presidente de Mariña Patrimonio; Miguel Losada, secretario da Sociedade Antropolóxica Galega (SAGA); Manuel Gago, director de Cultura Galega e investigador; Elixio Vieites, investigador e membro de Patrimonio Galego; Xabier Moure, presidente de Patrimonio dos Ancares; Paula Vázquez Verao, do Colado do Vento ou Xurxo Ayán e Xosé Gago do Proxecto Arqueolóxico do Castro de San Lourenzo.
Andainas
Os roteiros previstos son oito:
Na procura dos castros que naceron á beira do mar
Polas terras irredentas de Lemos: A ultima gran batalla dos guerrilleiros en Galicia
As pegadas prehistóricas, románicas e etnográficas no Canón do Sil, o río que fixo Galicia
As Ánimas, os mouros e os misterios milenarios dos Ancares
Camiñando pola Idade do Ferro na carretera da República
A ruta das pedras lendarias de Santa Mariña de Esteiro
Cabaleiros, Xinetes e Monxes Arraianos. Os castelos e os mosteiros que fixeron A Limia
A Galicia dos señores. Os segredos do Pazo de Oca
As andainas comezarán o 15 de setembro e rematarán o 20 de outubro de 2017. Teñen unha duración de entre catro e cinco horas e serán realizados durante as mañás do sábado ou do domingo. Os guías explicarán, en varios puntos, os contextos históricos por onde pasan os camiñantes. Serán circulares e as persoas interesadas terán que levar roupa axeitada e comida e bebida para o camiño. Todos os participantes deberán inscribirse, previamente, na páxina web do proxecto cunha antelación de máis de 24 horas.
Importancia da xente e das asociacións
A presentación destas novas andainas tivo lugar este mércores en Lugo coa participación de Manuel Miranda, presidente de Mariña Patrimonio; Argelio Fernández, alcalde da Fonsagrada e vicepresidente da Deputación e Xurxo Salgado, impulsor de Historia de Galicia.
Durante a presentación deste martes Manolo Miranda destacou a importancia que as asociacións e a cidadanía teñen na conservación do patrimonio en Galicia. Sen elas non se entendería a conservación de moitos bens e monumentos deste país, dixo. Un feito que tamén destacou Xurxo Salgado que indicou que este proxecto de rutas non se podería facer sen a fundamental implicación destas entidades e, sobre todo, da concienciación da xente que participa nelas. A forza disto está precisamente neses homes e mulleres que fan unha chea de quilómetros, ás veces ata 200, para coñecer e disfrutar dun fantástico pedado da nosa historia, indicou.
Pola súa banda, Aregelio Fernández incidiu na vertente cultural, paisaxística e turística destas andaianas. Con este ciclo pretendemos achegar a riqueza paisaxística e patrimonial coa que contamos na provincia, incidindo na importancia de conservar o medio ambiente, dixo. Ademais, destacou que a xente que participa nelas axuda a dinamizar a economía do rural lugués.
Roteiros en 2017
Rutas de Historia realizou en 2017 a primeira xeira deste proxecto que consistiu en sete roteiros históricos. A inscrición en todos os roteiros tivo que pecharse ao terceiro día de abrir o sitio oficial debido a enorme demanda e expectativa que xeraron. Máis de 6.000 persoas consultaron a web www.rutasdehistoria.gal durante eses tres primeiros días. Nos sete roteiros participaron, finalmente, case 500 persoas e a valoración do conxunto do proxecto foi dun 4,75 sobre cinco, cun 77% dos participantes que deron a máxima puntuación.
O xurado dos Premios da Cultura Galega 2026 reuniuse hoxe en Santiago de Compostela para outorgar os recoñecementos desta edición. A xuntanza, que tivo lugar na Cidade da Cultura de Galicia, estivo presidida polo conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos. Ao remate do acto, fíxose público o fallo nas distintas categorías propostas, resultando galardoados María Solar, en Letras; Almudena Fernández Fariña, en Artes Visuais; a compañía Elefante Elegante, en Artes Escénicas; a Asociación Galega de Empresas Musicais, en Música; Alfonso Zarauza, na categoría Audiovisual; Espazo Lectura, en Lingua; o Obradoiro de Gaitas Seivane, en Patrimonio Cultural; e o Festival EmigraSON, en Proxección Exterior.
O obxectivo desta rede de recursos é acompañar ás persoas con discapacidade ao longo da súa vida, desde os primeiros anos ata que se fan maiores, ofrecendo respostas axeitadas a cada etapa e a cada necesidade. Desde o ano 2016, o número de unidades de atención temperá aumentou ata as 57. Estes servizos públicos e gratuítos dirixidos a nenas e nenos de 0 a 6 anos de idade son fundamentais para detectar, previr e actuar ante trastornos de desenvolvemento. A Rede galega de atención temperá na actualidade chega a máis de 200 concellos e a 6.000 familias.