Notas de prensa

O CGAI inicia curso chamando á reflexión sobre o estado de Europa cunha escolma de 14 fitas recentes

O Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI- Filmoteca de Galicia) inicia o curso 2018-2019 querendo chamar á reflexión sobre o estado das cousas no continente europeo. Faino co ciclo Espectros de Europa, que abre a programación este mércores 12 de setembro coa proxección de Caras y lugares, o último traballo da prestixiosa directora francesa Agnès Varda, en colaboración co artista gráfico JR, filme de retratos que leva os autores por toda Francia tomando o pulso do seu pais, das súas vilas, rúas e xentes.

O ciclo reúne 14 producións recentes que abordan a convivencia, os conflitos derivados da emerxencia do racismo, a xenofobia ou o nacionalismo. Esta escolla de filmes fala do pasado (particularmente Stefan Zweig: adiós a Europa) e do presente, cando non de dúas temporalidades que se solapan, de forma literal (como en En tránsito) ou coa saída á luz dun pasado que se quixo soterrar para mantelo agachado (Ida e Escoréu, 24 d'avientu de 1937).

As películas seleccionadas tratan tamén as tensións étnicas (Demasiado cerca, A Ciambra), a aparición do outro, do inmigrante (El otro lado de la esperanza, The Square), o colonialismo económico (Toni Erdmann, Western), as consecuencias directas e máis inmediatas da crise (La fábrica de nada) ou o sentimento tan abstracto como desencantado do que outrora puido supor a utopía europea, cando menos para a xuventude (Park, Europa).

Novas apostas polo cine galego

Buscando sempre iniciativas de apoio ao cine feito en Galicia, o CGAI inaugura unha nova sección en colaboración coa Academia Galega do Audiovisual. Baixo o nome de A ilusión é perfecta, este programa ten como obxectivo recuperar, reivindicar e lembrar persoas e obras que, por diversos motivos, xogaron un papel destacado na historia do noso audiovisual.

O primeiro destes programas, o 25 de outubro, estará dedicado á figura de José Nieto. Seis veces gañador do premio Goya á mellor música, tres veces premio do Círculo de Escritores Cinematográficos e primeiro compositor en obter o Premio Nacional de Cinematografía, está considerado o máis relevante compositor español entre as décadas dos 70 e dos 90.

Ademais, a sección coordinada por Antón Reixa Pensando en cine/Pensando en Galicia, convida nesta ocasión á gaiteira e compositora Susana Seivane a presentar Crebinsky o 29 de setembro, mentres que outras cinco sesións distribuídas entre os programas Off Galicia e Desencadres achegan algúns dos traballos galegos recentes máis estimulantes.

Foco no fantástico e reivindicación de Bergman

Como é xa habitual cada ano, o CGAI acolle do 16 ao 20 de outubro o FKM Festival Internacional de Cinema Fantástico da Coruña, que nesta edición pon o foco no tema Sexo, provocación e censura e rende homenaxe ao director polaco Walerian Borowczyk.

O cine fantástico tamén será protagonista na sección Fóra de serie, na que se pasa La noche de los muertos vivientes, de George A. Romero (4 de outubro). Este filme, que marcou un antes e un despois no xénero dos zombies, cumpre precisamente 50 anos este outubro e a proxección concíbese a xeito de homenaxe pola efeméride.

Por último, continúase coa retrospectiva de Ingmar Bergman no ano do seu centenario, proxectándose títulos tan senlleiros da súa filmografía como Persona (26 de setembro) ou Sonata de otoño (3 de outubro), entre outros.

CGAI, 2018-09-10

Actualidad

Foto del resto de noticias (20261016-xunta.jpg) O xurado dos Premios da Cultura Galega 2026 reuniuse hoxe en Santiago de Compostela para outorgar os recoñecementos desta edición. A xuntanza, que tivo lugar na Cidade da Cultura de Galicia, estivo presidida polo conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos. Ao remate do acto, fíxose público o fallo nas distintas categorías propostas, resultando galardoados María Solar, en Letras; Almudena Fernández Fariña, en Artes Visuais; a compañía Elefante Elegante, en Artes Escénicas; a Asociación Galega de Empresas Musicais, en Música; Alfonso Zarauza, na categoría Audiovisual; Espazo Lectura, en Lingua; o Obradoiro de Gaitas Seivane, en Patrimonio Cultural; e o Festival EmigraSON, en Proxección Exterior.
Foto de la tercera plana (apoio.jpg) O obxectivo desta rede de recursos é acompañar ás persoas con discapacidade ao longo da súa vida, desde os primeiros anos ata que se fan maiores, ofrecendo respostas axeitadas a cada etapa e a cada necesidade. Desde o ano 2016, o número de unidades de atención temperá aumentou ata as 57. Estes servizos públicos e gratuítos dirixidos a nenas e nenos de 0 a 6 anos de idade son fundamentais para detectar, previr e actuar ante trastornos de desenvolvemento. A Rede galega de atención temperá na actualidade chega a máis de 200 concellos e a 6.000 familias.

Notas

A Cátedra Rosalía de Castro da Universidade de Santiago de Compostela, dirixida por María do Cebreiro Rábade Villar e Fernando Cabo Aseguinolaza, acaba de publicar Cartas de Alejandra Murguía de Castro a Ángela Santamarina (1916-1925), un epistolario que recupera a voz dunha muller durante moito tempo eclipsada polas figuras dos seus pais e que achega novos datos sobre a familia Murguía-Castro e, de maneira moi especial, sobre a vida e a obra de Rosalía de Castro.
O Congreso XoveTIC, organizado polo CITIC e a Facultade de Informática da UDC, recoñeceu os mellores traballos presentados na súa novena edición, destacando a excelencia investigadora e a innovación tecnolóxica en distintos ámbitos das tecnoloxías da información e das comunicacións. Este congreso consolídase como un espazo de intercambio de coñecemento e presentación de resultados científicos.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES