
No soño dos ollos
Esta obra, editada por Edicións Fervenza, componse duns corenta poemas, ilustrados todos eles- por delicadas e sinxelas obras a cargo da ilustradora vilalbesa María Guerrero.
No soño dos ollos, érguese como un poemario desvergoñadamente onírico, que gusta de reter entre as mans a esencia da nai terra, concibida coma unha trindade cósmica, ou coma tres vértices precisos e preciosos nos que o autor espreita, experimenta e compón. Velaí que nese triángulo fiquen o tempo, a substancia identitaria e totémica da Matria e o panteísmo absoluto (todo é sagrado no que nos arrodea). Alén dos temas e motivos que moven e conmoven tanto ao autor como a quen le este libro de poemas carrexa unha esencia metafísica que profunda no porque das cousas, e sucumbe nunha cosmovisión non monoteísta do orbe.
Obras teatrais
Neste mesmo acto, presentaranse as dúas últimas obras teatrais de Xosé Lois García, trátase de O proceso a Lucía Fidalgo e Auto do demo e da viñateira.
O proceso a Lucía Fidalgo recrea nun ambiente semimáxico os momentos tráxicos da vida de Lucía Fidalgo, dende a súa violación con trece anos á morte da súa nai e os procesos aos que a someteron por bruxería. Localizada no seu contexto histórico o século XVII e, ao tempo, nun ambiente mítico, nunha paisaxe real pero cargada de simbolismo e fantasía, reivindícase a singularidade cultural galega, eses mundos máxicos construídos polo pobo galego dos séculos escuros para transcender a realidade material de desigualdade e pobreza de gran parte da poboación, sen esquecer que no século XVIII a dispoñibilidade de producións agrarias vaia deixando atrás os meirandes pesares.
A peza de Xosé Lois García combina a documentación histórica rigorosa nunha localización real cun ambiente imaxinario no que conviven tradicións populares e imaxinacións do autor. Todo isto constitúe unha peza tráxica contada con certo humor e cunha dramaturxia viva, rica e imaxinativa.
Por outra banda está Auto do demo e da viñateira, un breve caderno teatral que se ambienta nun enclave único, o mosteiro románico de Pesqueiras, en Chantada, para dramatizar o encontro entre unha viñateira e o demo e como a primeira desconfía da veracidade das historias que o demo lle conta pois, se a súa propia natureza é ser o demo quen di ser-, como é posible que poida entrar no mosteiro?
O autor
Xosé Lois García, naceu en Lugo o 22 de abril de 1945. Criouse na parroquia de Merlán (Chantada). Aos vinte anos pasou a vivir a Barcelona, traballando como operario metalúrxico. Estudou varios cursos de socioloxía no Instituto de Ciencias Sociais e Políticas de Barcelona que, mais tarde, abandona para ingresar na Universidade de Barcelona, onde se licenciou en Filosofía e Letras (Historia Contemporánea).
Profesor, fundador e director do Arquivo Histórico Municipal de Sant Andreu de la Barca (Barcelona) e responsábel do Patrimonio Histórico. Desenvolveu diversos labores na divulgación da cultura galega en Cataluña. Conferenciante, articulista en varias publicacións na Galiza, España e o estranxeiro. Columnista semanal do xornal, Galicia Hoxe, A Nosa Terra, Sermos Galiza, entre outros.
Autor de diversas publicacións de historia, ensaio, teatro, literatura infantil e sobre simboloxía románica da Ribeira Sacra. Como poeta ten publicado mais de trinta libros. Recoñecido como un dos mais importantes especialistas da literatura de expresión portuguesa en África e destacado divulgador da lusofonía, antólogo e tradutor.
O xurado dos Premios da Cultura Galega 2026 reuniuse hoxe en Santiago de Compostela para outorgar os recoñecementos desta edición. A xuntanza, que tivo lugar na Cidade da Cultura de Galicia, estivo presidida polo conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos. Ao remate do acto, fíxose público o fallo nas distintas categorías propostas, resultando galardoados María Solar, en Letras; Almudena Fernández Fariña, en Artes Visuais; a compañía Elefante Elegante, en Artes Escénicas; a Asociación Galega de Empresas Musicais, en Música; Alfonso Zarauza, na categoría Audiovisual; Espazo Lectura, en Lingua; o Obradoiro de Gaitas Seivane, en Patrimonio Cultural; e o Festival EmigraSON, en Proxección Exterior.
O obxectivo desta rede de recursos é acompañar ás persoas con discapacidade ao longo da súa vida, desde os primeiros anos ata que se fan maiores, ofrecendo respostas axeitadas a cada etapa e a cada necesidade. Desde o ano 2016, o número de unidades de atención temperá aumentou ata as 57. Estes servizos públicos e gratuítos dirixidos a nenas e nenos de 0 a 6 anos de idade son fundamentais para detectar, previr e actuar ante trastornos de desenvolvemento. A Rede galega de atención temperá na actualidade chega a máis de 200 concellos e a 6.000 familias.