Notas de prensa

Remata a exposición "In tempore sueborum", visitada por 44.299 persoas

A mostra, a que máis público recibiu na historia de Ourense e a máis importante de Galicia, "contou con pezas de 39 museos de 10 países sobre un tema que nunca antes había sido obxecto de exposición, os suevos, e relacionada coa nosa identidade e co primeiro reino medieval de Occidente", expresou Manuel Baltar no acto de clausura. No acto estreouse o documental In Tempore Sueborum, dirixido por Jesús María Caramanzana.

A exposición "In tempore sueborum", organizada pola Deputación de Ourense, pechou hoxe as súas portas logo dunha exitosa acollida de publico e crítica, que desbordou todas as expectativas, converténdoa na mostra máis visitada na historia da provincia de Ourense -44.299 persoas- e a máis importante de Galicia, "contando con pezas de 39 museos de 10 países sobre un tema que nunca antes había sido obxecto de exposición, os suevos, e relacionada coa nosa identidade e co primeiro reino medieval de Occidente", expresou Manuel Baltar no acto de clausura.

A mostra, a máis importante de Europa sobre o mundo suevo, foi o acontecemento cultural de máis relevancia, chegando ao seu final cunha aceptación sobresaínte por parte de público de todas as idades e colectivos educativos, sociais, culturais e académicos, que coinciden na calidade deste proxecto cultural desenvolvido pola Deputación de Ourense.

A clausura tivo lugar esta tarde no Centro Cultural "Marcos Valcárcel" coa participación do presidente do goberno provincial, Manuel Baltar; do comisario da mostra, Jorge López; do presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices; do director de Abanca en Ourense, Rubén Saavedra; do alcalde de Ourense, Jesús Vázquez; e do conselleiro de Cultura da Xunta, Román Rodríguez. No acto estreouse o documental In Tempore Sueborum, dirixido por Jesús María Caramanzana Carrera e tivo lugar o espectáculo musical "Peregrinatio", dedicado ás músicas nos camiños de peregrinación medievais, que abriu o acto.

Manuel Baltar expresou que "In tempore sueborun" "sitúa a Ourense no mapa das grandes exposicións e como referente cultural, dentro desa visión integral de provincia que defendemos, onde a posta en valor da cultura é algo fundamental", e agradeceu o traballo desenvolvido "polos comisarios e por todas as persoas e institucións de tantas nacións que fixeron posible este fito na historia de Ourense, de Galicia e de Europa que impulsou e desenvolveu a Deputación de Ourense para salientar o noso pasado con maiúsculas, innovando e estando na vangarda das investigación sobre a nosa historia, como fixo esta exposición".

Das cifras de audiencia relativas a "In tempore sueborum" destaca que máis de 14 millóns de persoas en Europa e América recibiron noticias sobre a mostra, e os espazos dedicados a información suporían millóns de euros, traducidos en espazos publicitarios de diferentes formatos en prensa, radio, televisión e Internet. Só a través das redes sociais In Tempore Sueborum relacionouse con 10.000 persoas ao día, sendo a audiencia acumulada en redes de case 600.000 persoas. Con respecto á prensa escrita, a exposición figurou 303 veces en medios locais, 37 veces en medios nacionais, e en seis ocasións en medios internacionais, sendo os países máis destacados México, Venezuela, Portugal e Gran Bretaña.

Documental

No acto de clausura estreouse o documental In Tempore Sueborum, produción realizada por Jesús María Caramanzana, con guión e asesoramento científico do profesor Jorge López Quiroga, comisario da exposición. O documental é unha visita guiada á exposición, ilustrada cos lugares aos que pertencen as pezas que se puideron contemplar nas vitrinas. Foi rodado entre Galicia, Castela e León, Estremadura, Braga e Oporto, entre outros lugares. O traballo, que contou coa colaboración de Mónica Rodríguez Lovelle, autora da banda sonora da exposición, foi rodado con proxección internacional co obxectivo de perpetuar a máis importante exposición que se celebrou en Europa sobre o tempo dos suevos, organizada pola Deputación de Ourense.

"In Tempore Sueborum" reuniu por primeira vez o maior número de pezas da época do primeiro reino suevo de occidente, localizado en Ourense, no territorio da Gallaecia (411-585), amosando un total de 262 elementos procedentes de 39 museos de 10 países: España, Portugal, Austria, República Checa, Hungría, Eslovaquia, Polonia, Bélxica, Francia, Alemaña. Os tres espazos expositivos da cidade de Ourense estaban organizados segundo as temáticas: o Centro Cultural "Marcos Valcárcel" acolleu a deconstrución dos bárbaros; a Igrexa de Santa María Nai, o proceso de cristianización na Gallaecia da época sueva, e o Museo Municipal, o ámbito social e organizativo dos suevos cos galaico-romanos.

Deputación de Ourense, 2018-05-08

Actualidad

Foto del resto de noticias (20261016-xunta.jpg) O xurado dos Premios da Cultura Galega 2026 reuniuse hoxe en Santiago de Compostela para outorgar os recoñecementos desta edición. A xuntanza, que tivo lugar na Cidade da Cultura de Galicia, estivo presidida polo conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos. Ao remate do acto, fíxose público o fallo nas distintas categorías propostas, resultando galardoados María Solar, en Letras; Almudena Fernández Fariña, en Artes Visuais; a compañía Elefante Elegante, en Artes Escénicas; a Asociación Galega de Empresas Musicais, en Música; Alfonso Zarauza, na categoría Audiovisual; Espazo Lectura, en Lingua; o Obradoiro de Gaitas Seivane, en Patrimonio Cultural; e o Festival EmigraSON, en Proxección Exterior.
Foto de la tercera plana (apoio.jpg) O obxectivo desta rede de recursos é acompañar ás persoas con discapacidade ao longo da súa vida, desde os primeiros anos ata que se fan maiores, ofrecendo respostas axeitadas a cada etapa e a cada necesidade. Desde o ano 2016, o número de unidades de atención temperá aumentou ata as 57. Estes servizos públicos e gratuítos dirixidos a nenas e nenos de 0 a 6 anos de idade son fundamentais para detectar, previr e actuar ante trastornos de desenvolvemento. A Rede galega de atención temperá na actualidade chega a máis de 200 concellos e a 6.000 familias.

Notas

A Cátedra Rosalía de Castro da Universidade de Santiago de Compostela, dirixida por María do Cebreiro Rábade Villar e Fernando Cabo Aseguinolaza, acaba de publicar Cartas de Alejandra Murguía de Castro a Ángela Santamarina (1916-1925), un epistolario que recupera a voz dunha muller durante moito tempo eclipsada polas figuras dos seus pais e que achega novos datos sobre a familia Murguía-Castro e, de maneira moi especial, sobre a vida e a obra de Rosalía de Castro.
O Congreso XoveTIC, organizado polo CITIC e a Facultade de Informática da UDC, recoñeceu os mellores traballos presentados na súa novena edición, destacando a excelencia investigadora e a innovación tecnolóxica en distintos ámbitos das tecnoloxías da información e das comunicacións. Este congreso consolídase como un espazo de intercambio de coñecemento e presentación de resultados científicos.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES