Notas de prensa

O CDG crea o grupo de escrita teatral Dramaturxa con Manuel Lourenzo

Abre ata o 22 de xaneiro o prazo de solicitude cara á selección dos 10 autores e autoras desta primeira edición da iniciativa, que xurde ao abeiro do programa de apoio á dramaturxia galega contemporánea ‘Dramaturxente’. De entre as obras resultantes, elixiranse tres para ser levadas a escena conxuntamente como nova produción propia do CDG.

O Centro Dramático Galego (CDG) acaba de abrir o proceso de selección dos dez autores e autoras que formarán parte do primeiro Grupo DramaturXa, baixo a coordinación do escritor e director escénico Manuel Lourenzo. Esta nova iniciativa xurde ao abeiro do programa Dramaturxente de apoio, fomento e promoción da autoría teatral galega contemporánea, que a compañía pública mantén en colaboración coa Asociación Galega de Dramaturxia DramaturGA.

Este grupo de traballo reunirase periodicamente durante seis meses, a partir de primeiros de febreiro, co fin de reflexionar sobre a identidade galega e de que cada un dos seus integrantes desenvolva unha peza teatral ao respecto. De entre as dez obras resultantes, seleccionaranse tres para ser levadas a escena conxuntamente como parte dunha nova produción propia do CDG.

Autor referente

A coordinación e asesoramento correrá a cargo de Manuel Lourenzo, un dos principais referentes da nosa dramaturxia actual. Desde os seus inicios no mundo escénico, o seu obxectivo foi a creación dun teatro galego contemporáneo que non ignorase as súas raíces históricas nin estéticas. Neste sentido, fundou e impulsou compañías como O Facho, Escola Dramática Galega ou Casahamlet, ademais de contar cunha prolífica traxectoria no ámbito da escrita teatral, recoñecida con importantes galardóns como o Rafael Dieste, Premio da Cultura Galega, Otero Pedrayo, Álvaro Cunqueiro ou Premio Nacional de Literatura Dramática.

Os autores e autoras interesados en participar neste grupo de traballo teñen de prazo ata o 22 de xaneiro para enviar as súas solicitudes ao Centro Dramático Galego seguindo as instrucións que se indican no web www.centrodramatico.gal. Xunto co formulario, deberán achegar o seu currículo actualizado e dous fragmentos de textos teatrais da súa autoría para seren valorados pola comisión de selección.

Dentro do mesmo programa Dramaturxente, o CDG porá en marcha este ano outras tres novas iniciativas para lle dar unha maior visibilidade ao traballo que se está a desenvolver actualmente neste ámbito. Así, Teatrhoxe será a denominación dun apartado específico na nova web do Centro Dramático Galego, onde cada tres meses se publicará unha reflexión escénica ou pequena peza teatral de autoría galega, mentres que Lanzadeira porase a disposición dos creadores, a través dunha convocatoria pública, para presentar ou facer unha lectura dun fragmento das súas obras inéditas. Ademais, un dos talleres formativos desta temporada estará orientado especificamente á escrita teatral.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2018-01-03

Actualidad

Foto del resto de noticias (20261016-xunta.jpg) O xurado dos Premios da Cultura Galega 2026 reuniuse hoxe en Santiago de Compostela para outorgar os recoñecementos desta edición. A xuntanza, que tivo lugar na Cidade da Cultura de Galicia, estivo presidida polo conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos. Ao remate do acto, fíxose público o fallo nas distintas categorías propostas, resultando galardoados María Solar, en Letras; Almudena Fernández Fariña, en Artes Visuais; a compañía Elefante Elegante, en Artes Escénicas; a Asociación Galega de Empresas Musicais, en Música; Alfonso Zarauza, na categoría Audiovisual; Espazo Lectura, en Lingua; o Obradoiro de Gaitas Seivane, en Patrimonio Cultural; e o Festival EmigraSON, en Proxección Exterior.
Foto de la tercera plana (apoio.jpg) O obxectivo desta rede de recursos é acompañar ás persoas con discapacidade ao longo da súa vida, desde os primeiros anos ata que se fan maiores, ofrecendo respostas axeitadas a cada etapa e a cada necesidade. Desde o ano 2016, o número de unidades de atención temperá aumentou ata as 57. Estes servizos públicos e gratuítos dirixidos a nenas e nenos de 0 a 6 anos de idade son fundamentais para detectar, previr e actuar ante trastornos de desenvolvemento. A Rede galega de atención temperá na actualidade chega a máis de 200 concellos e a 6.000 familias.

Notas

A Cátedra Rosalía de Castro da Universidade de Santiago de Compostela, dirixida por María do Cebreiro Rábade Villar e Fernando Cabo Aseguinolaza, acaba de publicar Cartas de Alejandra Murguía de Castro a Ángela Santamarina (1916-1925), un epistolario que recupera a voz dunha muller durante moito tempo eclipsada polas figuras dos seus pais e que achega novos datos sobre a familia Murguía-Castro e, de maneira moi especial, sobre a vida e a obra de Rosalía de Castro.
O Congreso XoveTIC, organizado polo CITIC e a Facultade de Informática da UDC, recoñeceu os mellores traballos presentados na súa novena edición, destacando a excelencia investigadora e a innovación tecnolóxica en distintos ámbitos das tecnoloxías da información e das comunicacións. Este congreso consolídase como un espazo de intercambio de coñecemento e presentación de resultados científicos.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES