
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez González, e o director de Instituto Cervantes, Juan Manuel Bonet, anunciaron na Cidade da Cultura de Galicia que ambas institucións organizarán de xeito conxunto unha gran exposición para recuperar e pór en valor a obra de Baldomero Pestana (Castroverde, Lugo. 1917-2015), fotógrafo galego descoñecido para o gran público, pero un referente da imaxe segunda metade do século XX.
A exposición, titulada Pestana, a verdade entre as más, inaugurarase o 15 de febreiro na sede do Cervantes en Madrid e chegará o 27 de abril ao Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura (Santiago de Compostela), onde poderá visitarse ate o 2 de setembro. O proxecto está comisariado pola galega Chus Villar e polo escritor Juan Bonilla, e conta coa implicación dos familiares de Pestana, Antonio Polín Pérez e Carmen Rico Coira, responsables dos fondos.
Na mostra, a máis ambiciosa realizada até o momento sobre Pestana, exhibiranse 150 fotografías, imaxes de denuncia social e retratos de escritores e intelectuais, como Pablo Neruda, García Márquez, Vargas Llosa, Man Ray ou Dizzy Gillespie. O visitante poderá seguir o seu periplo vital nas tres cidades nas que se enmarca a vida de Pestana antes de regresar a Galicia: Bos Aires, Lima e París.
Rescatar do esquecemento
Román Rodríguez subliñou a transcendencia dun proxecto que rescatará dun inxusto esquecemento a un mestre da cámara descoñecido para o gran público e permitirá pór en valor a un galego que viviu conectado á escena cultural do seu tempo, deixando imaxes imprescindibles para achegarse á efervescencia artística do Perú dos anos cincuenta ou ao boom latinoamericano da década dos sesenta en París.
Juan Manuel Bonet comprometeu os esforzos do Instituto Cervantes para dar a coñecer dentro e fóra de España a obra de Pestana, situándoo no lugar que lle corresponde entre os grandes fotógrafos da segunda metade do século XX.
A presentación do proxecto contou coa presenza do secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo Suárez, da directora da Fundación Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez Reboredo, dos familiares de Pestana, Antonio Polín Pérez e Carmen Rico Coira, e dun dos comisarios da exposición, Chus Villar, quen chamou a atención non só sobre a calidade artística das fotografías, senón tamén sobre a extraordinaria biografía dun galego que percorreu o mundo cunha ollada sensible e intuitiva, de admiración, de humildade e de interese polo detalle, por riba da procura do espectáculo.
Precisamente para achegarse á vida e ao universo creativo de Pestana, con motivo da exposición exhibirase tamén o documental A imaxe reb/veleda, produción dirixida por Andrea Vázquez García, producida por Miramemira e que se gravou durante os últimos anos de vida do fotógrafo, despois do seu regreso a Galicia.
Homenaxe a Casares no Cervantes
Con esta exposición, a Xunta e o Instituto Cervantes continúan nun estratexia de colaboración para pór en valor figuras da cultura galega aproveitando a capacidade de proxección da Cidade da Cultura e a rede de centros do Instituto Cervantes no exterior. Precisamente a exposición José Suárez, uns ollos vivos que pensan, producida pola Fundación Cidade da Cultura de Galicia, ten viaxado da man do Cervantes a París, Toquio e, actualmente, atópase en Nova Delhi.
Nesta mesma liña de colaboración institucional, o director do Cervantes e o conselleiro de Cultura anunciaron hoxe que o vindeiro 19 de decembro se lle vai facer unha homenaxe Carlos Casares na sede madrileña do Instituto Cervantes.
A Xunta de Galicia pon en marcha no Centro Galego de Arte Contemporánea o Club de escoita, unha actividade na que as persoas participantes lle porán banda sonora ás creacións artísticas que acolle esta entidade pública e que está dirixida polo músico galego Santi Araújo. O proxecto, que bota a andar a tarde de hoxe e desenvolveranse ata finais de maio, complementarase cunha actividade que se desenvolverá no pub Modus Vivendi, na nova liña estratéxica do Centro Galego de Arte Contemporánea de abrir aínda máis a súa programación á sociedade en contacto co resto de accións culturais que se levan a cabo na súa contorna.
O presidente da Xunta informou de que o Consello deu luz verde ao proxecto de Lei de Orzamentos da Comunidade Autónoma para 2027, unhas contas que contan con 15.158 millóns de euros, 'o que supón un 6,4% máis que este ano' e que inclúen 'rebaixas de impostos para as clases medias e con menos recursos, para abaratar a vivenda e facilitar a transmisión da empresa familiar'. 'Galicia aprobará as súas contas, un ano máis, en tempo e forma. O que debería ser norma e non unha excepción para todas as Administracións. Os orzamentos son a ferramenta para que calquera Goberno poida facer axeitadamente o seu traballo.