
A cidade do Lérez acolle a exposición central das Letras Galegas 2017, Os mundos de Carlos Casares, que foi presentada en rolda de prensa no Sexto Edificio do Museo de Pontevedra. Durante o acto, que contou coa participación de representantes das entidades que promoven e colaboran coa iniciativa, o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, salientou o interese da mostra para lle achegar á cidadanía a vida e a obra dunha figura central da literatura galega como Carlos Casares, ao tempo que incidiu no interese das diversas iniciativas desenvolvidas durante todo o ano ao abeiro das Letras Galegas para afondar no legado do escritor ourensán.
Promovida pola Fundación Carlos Casares coa colaboración da Consellería de Cultura e Educación a través das secretarías xerais de Cultura e de Política Lingüística, Os mundos de Carlos Casares é a iniciativa central da conmemoración das Letras Galegas 2017. Baixo o comisariado de Chus Martínez Domínguez e de Gustavo Adolfo Garrido, a exposición constrúe un percorrido pola vida e obra do escritor ourensán, con atención ás súas principais creacións pero tamén ás súas relacións de amizade e familiares, as súas múltiples afeccións e o seu incansable activismo cultural en favor do galego e das artes.
Cunha novidosa proposta expositiva, a mostra conta con soporte audiovisual, ademais de paneis textuais explicativos, obxectos cotiáns, documentos e pezas históricas e fotografías orixinais, encadrados nun fondo histórico que permite coñecer mellor a época que lle tocou vivir a Casares.
Acto de inauguración
Á rolda de prensa de presentación na que tamén interviñeron Christian Casares, fillo do escritor e membro da fundación; Xosé Leal, deputado de Cultura e Normalización Lingüística da Deputación de Pontevedra; Carme da Silva, concelleira de Cultura do Concello de Pontevedra; e Chus Martínez, comisaria da mostra seguirá esta tarde, ás 19:00 horas no Claustro do Edificio Sarmiento, o acto de inauguración da mostra, que contará coa participación do secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, en representación da Xunta de Galicia.
Desde o pasado mes de abril, mostra está a percorrer diversos municipios das catro provincias galegas, co fin de dar a coñecer o legado literario e as diversas facetas de Casares no ámbito cultural. A cidade de Ourense foi o punto de partida da itinerancia da exposición, que nos últimos meses tamén se puido visitar nos municipios da Coruña, de Ribeira, de Arzúa e mais de Vigo.
Próximas paradas da mostra
Logo do seu paso pola cidade do Lérez, Os mundos de Carlos Casares viaxará ata o Centro Cultural Vello Cárcere de Lugo, onde se poderá visitar do 29 de decembro ata o día 26 de Nadal. A última parada será no municipio ourensán de Xinzo de Limia, onde transcorreu a infancia do escritor. O calendario da mostra pode consultarse nas webs www.cultura.gal/axenda e www.lingua.gal.
Un referente das letras galegas
Membro numerario da Real Academia Galega (RAG) ata o seu falecemento no ano 2002, Carlos Casares Mouriño foi un dos autores de referencia da narrativa galega do século XX. A través das súas obras literarias e das súas colaboracións na prensa, o autor adquiriu un compromiso co gran público lector, ao tempo que exerceu un destacado papel como xestor e dinamizador de proxectos de gran relevancia para a cultura e a lingua galegas. Entre eles destacan a editorial Galaxia, da que foi director; o Consello da Cultura Galega, que presidiu entre os anos 1996 e 2002; ou o Centro PEN Galicia, ademais da propia RAG.
Casares tamén levou a cabo un importante traballo a prol da difusión exterior da literatura galega, coa súa participación permanente en espazos de encontro internacional de escritores e escritoras.
A Xunta de Galicia pon en marcha no Centro Galego de Arte Contemporánea o Club de escoita, unha actividade na que as persoas participantes lle porán banda sonora ás creacións artísticas que acolle esta entidade pública e que está dirixida polo músico galego Santi Araújo. O proxecto, que bota a andar a tarde de hoxe e desenvolveranse ata finais de maio, complementarase cunha actividade que se desenvolverá no pub Modus Vivendi, na nova liña estratéxica do Centro Galego de Arte Contemporánea de abrir aínda máis a súa programación á sociedade en contacto co resto de accións culturais que se levan a cabo na súa contorna.
O presidente da Xunta informou de que o Consello deu luz verde ao proxecto de Lei de Orzamentos da Comunidade Autónoma para 2027, unhas contas que contan con 15.158 millóns de euros, 'o que supón un 6,4% máis que este ano' e que inclúen 'rebaixas de impostos para as clases medias e con menos recursos, para abaratar a vivenda e facilitar a transmisión da empresa familiar'. 'Galicia aprobará as súas contas, un ano máis, en tempo e forma. O que debería ser norma e non unha excepción para todas as Administracións. Os orzamentos son a ferramenta para que calquera Goberno poida facer axeitadamente o seu traballo.