Notas de prensa

Cineuropa 31: cinema, xuventude e revolución na capital de Galicia

Do 7 ao 28 de novembro, Compostela acolle a trixésimo primeira edición do festival Cineuropa. 264 filmes e 17 seccións nun certame que medra en proxeccións, número de premiados, xornadas e espazos de exhibición, e que mantén a aposta pola calidade cinematográfica dos anos anteriores. Inaugúrase co filme La Villa, do ealizador francés Robert Guédiguian, no Teatro Principal.

O alcalde de Santiago, Martiño Noriega, conduciu a rolda de prensa de presentación da mostra, que contou coa presenza da vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín; a concelleira de Acción Cultural, Branca Novoneyra, e o director de Cineuropa 31, José Luis Losa.

Noriega puxo en valor a colaboración das diferentes institucións e entidades privadas que apoian a 31ª edición do festival, que definiu como unha das máis ambiciosas das ofrecidas até o momento. O alcalde agradeceu, neste senso, a colaboración da Deputación da Coruña, que se suma en 2017 ao corpo de organismos que posibilitan o crecemento do festival.

Goretti Sanmartín amosouse compracida porque o festival Cineuropa entre a formar parte da rede de certames que contan con apoio da Deputación da Coruña e parabenizou á organización do festival pola escolla da "revolución" como eixo temático desta edición que, considerou, nos "achega episodios que teñen ver coa épica, a utopía, a xuntanza de vontades para facer real cuestións que nos parecían imposibles".

A concelleira de Acción Cultural, Branca Novoneyra, salientou a aposta do festival pola visibilidade do cinema do país a través do Panorama Audiovisual Galego, e puxo en valor a interacción do certame con outras iniciativas culturais da cidade, como os concertos da RFG, a Banda Municipal de Música e as Xornadas de Música Contemporánea.

A seguir, o director de Cineuropa 31, José Luis Losa, detallou a programación desta nova edición, e incidiu na súa reivindicación do cinema como experiencia colectiva e na especial atención que o certame presta este ano á mocidade para contribuír á xeración de novos públicos.

37 filmes na Sección Oficial Europea

O filme de Robert Guédiguian abre unha das seccións máis esperadas de Cineuropa, coas propostas máis recentes e anovadoras do cinema europeo. Ofrece unha ampla seleccións dos filmes máis aplaudidos do último ano no circuíto de festivais, cos últimos traballos de cineastas como Robin Campillo (Gran Premio do Xurado e FIPRESCI en Cannes 2017), Pedro Pinho (Premio FIPRESCI en Cannes), Mathieu Amalric (Premio Un Certain Regard en Cannes 2017), Roberto de Paolis (One Future Prize no Festival de Cine de Múnic 2017), Léonor Serraille (Mellor ópera prima Un Certain Regard en Cannes 2017), Xavier Legrand (Mellor ópera prima e mellor director en Venecia 2017), Philippe Garrel (Premio SACD ao mellor filme francófono no Festival de Cannes 2017), Andrei Zvyagintsev (Gran premio do xurado en Cannes 2017), Amanda Kernell (Nomeada aos Premios LUX e Mellor directora novel no Festival de Venecia 2016), Kantemir Balagov (Gañadora da sección Un Certain Regard no Festival de Cannes 2017), Ruben Östlund (Palma de Ouro á mellor película no Festival de Cannes 2017), Joachim Trier, Katarina Zrinka Matijevic, Claire Denis (Quincena dos realizadores ‘ex-aequo’ no Festival de Cannes 2017) e Agnés Vardá e JR (Mellor documental no Festival de Toronto 2017).

A sección inclúe unha sesión especial coa proxección en pre-estrea do filme A estación violenta, da realizadora galega Anxos Fazáns. A proxección da película, baseada na novela homónima de Manuel Jabois e rodada entre Compostela e a Illa de San Simón, contará coa presenza da autora pontevedresa, que manterá un coloquio co público asistente o sábado 25 de novembro ás 20:30 horas.

22 fitas do Panorama Internacional

Juliana Rojas, Marco Dutra, Frederick Wiseman, Naomi Kawase, Michel Franco, Cristiane Oliveira, João Moreira Salles, Chloé Robichaud, Javier Izquierdo e Lucrecia Martel son só unha parte das grandes figuras cinematográficas que congrega esta sección dedicada á contorna internacional. Nela, destaca a estrea estatal de Napalm (2017), o último traballo do xornalista e realizador Claude Lanzmann, no que o reconstrúe a súa traxectoria como activista en Corea do Norte durante Guerra Fría, e o filme Lucky (2017), de John Carroll Lynch, o último traballo interpretativo do finado actor Harry Dean Stanton.

Outras seccións e actividades

Alén dos programas mencionados, o festival inclúe seccións ben coñecidas polo público de Cineuropa como LatidoAmericano, Fantastique Compostela, Docs Cineuropa; Panorama Audiovisual Galego, Cinefilias: Cult Movies e o tradicional Maratón. Como novidade, en conmemoración do 100º aniversario da Revolución de Outubro de 1917, a 31ª edición propón un ciclo temático que, baixo o título Novecento: o século das revolucións, reúne unha ampla escolma de filmes capitais para a unha reflexión crítica do devir internacional do século XX. Así, ao longo do mes de novembro, Cineuropa 31 ofrécenos a posibilidade de redescubrir clásicos como O Acorazado Potemkin (1925), de Sergei M. Eisenstein; La Chinoise (1967), de Jean Luc Godard; La Batalla de Chile (1975-79), de Patricio Guzmán, ou Le fond de l’air est rouge (1977), de Chris Marker, pero tamén garda lugar para outro tipo de aproximacións a estes momentos históricos, como a que ofrecen as pezas Nicholas and Alexandra (1971), de Franklin J. Schaffner, ou Marie Antoinette (2006) de Sofia Coppola.

O obxectivo é achegarse ao proceso revolucionario dende perspectivas diversas, ao tempo que reivindicar a dimensión colectiva no cinema, a súa práctica en sociedade, como pracer e como feito subversivo nun momento no que as fórmulas e tendencias de ocio incitan, cada vez máis, ao seu consumo individualizado e acrítico.

O catálogo desta edición inclúe tamén unha sección dedicada ao Cinema e Dereitos Humanos, unha ollada retrospectiva ás obras de Pedro Pinho e Claude Saudet; un ciclo para a rapazada, Cineuropa Miúda; o Foco Islandia e o programa 10 Sombras Recobradas, alén de concertos en colaboración con outras iniciativas culturais de Compostela, como a tempada de abono da RFG, as Xornadas de Música Contemporánea e o Ciclo de Outono da Banda Municipal.

Premios Cineuropa e Premios Xurado Novo

Costa-Gavras, Manuel Martín Cuenca, Leonardo Sbaraglia e Carla Simón recibirán os Premios Cineuropa 2017 e protagonizarán varias sesións de proxección con entrada libre previa retirada de invitacións no Teatro Principal.

Entre as novidades deste ano, figura a convocatoria para seleccionar a un Xurado Novo, que comporán sete mozas e mozos de entre 18 e 25 anos e que entregarán Premios á Mellor Película, Mellor Director, Mellor Guión, Mellor Interpretación Feminina e Mellor Interpretación Masculina. O convite a participar neste xurado non se limita ao estudantado universitario, senón que procura achegarse a toda a mocidade interesada no cinema. Alén do requisito de idade, esíxese dispoñibilidade para ver a selección de filmes que se someten a avaliación nas sesións de #Cineuropa’31. O proceso de selección do Xurado Novo finaliza hoxe, e a súa composición farase pública mañá.

Redes sociais

A seguir coa campaña xerada en 2016 para conmemorar o cumprimento dos 30 anos do certame, a Concellaría de Acción Cultural anima a seguidoras e seguidores de Cineuropa a compartir as súas impresións, lembranzas e imaxes en redes sociais mediante o emprego do cancelo #Cineuropa31. A partir do día 1, a web cineuropa.gal porá a disposición do público a programación detallada desta edición. É posible seguir o día a día de Cineuropa a través dos seus perfís en redes sociais: Twitter, Facebook e Instagram. Ademais, Cineuropa31 conta cunha canle de Telegram dende a as persoas subscritas poderán recibir información sobre axenda do día e os cambios de última hora que se produzan no programa.

Sedes do festival

Canda o Teatro Principal, o Salón Teatro, o Centro Galego de Arte Contemporáneo, a sede da Afundación, o Auditorio de Galicia e o cinema Numax, a rede de pantallas do festival amplíase en 2017 coa incorporación dos Multicines Compostela. As entradas e abonos estarán á venda a partir da tarde do venres, día 3, tanto nos despachos de billetes como por internet.

Apoios e colaboracións

Cineuropa é un festival organizado polo Concello de Santiago coa colaboración do Consorcio de Santiago, a Deputación da Coruña, o CGAC, Afundación e o ICAA. Conta tamén co apoio do Instituto Camões, os Multicines Compostela, a Asociación de Actores e Actrices de Galicia, o Hostal dos Reis Católicos, Autos Rayma, María Castaña, Café de Altamira, o Curro da Parra, Moha, Icelandic Film Centre, Terratreme, Stilmoving e Meikincine Entertainment.

Gabinete de Comunicación do Concello de Santiago de Compostela, 2017-10-30

Actualidad

Foto del resto de noticias (cgac-2021.jpg) A Xunta de Galicia pon en marcha no Centro Galego de Arte Contemporánea o Club de escoita, unha actividade na que as persoas participantes lle porán banda sonora ás creacións artísticas que acolle esta entidade pública e que está dirixida polo músico galego Santi Araújo. O proxecto, que bota a andar a tarde de hoxe e desenvolveranse ata finais de maio, complementarase cunha actividade que se desenvolverá no pub Modus Vivendi, na nova liña estratéxica do Centro Galego de Arte Contemporánea de abrir aínda máis a súa programación á sociedade en contacto co resto de accións culturais que se levan a cabo na súa contorna.
Foto de la tercera plana (economia-porcentaxe.jpg) O presidente da Xunta informou de que o Consello deu luz verde ao proxecto de Lei de Orzamentos da Comunidade Autónoma para 2027, unhas contas que contan con 15.158 millóns de euros, 'o que supón un 6,4% máis que este ano' e que inclúen 'rebaixas de impostos para as clases medias e con menos recursos, para abaratar a vivenda e facilitar a transmisión da empresa familiar'. 'Galicia aprobará as súas contas, un ano máis, en tempo e forma. O que debería ser norma e non unha excepción para todas as Administracións. Os orzamentos son a ferramenta para que calquera Goberno poida facer axeitadamente o seu traballo.

Notas

A Cátedra Rosalía de Castro da USC, dirixida por María do Cebreiro Rábade Villar e Fernando Cabo Aseguinolaza, acaba de publicar Cartas de Alejandra Murguía de Castro a Ángela Santamarina (1916-1925), un epistolario que recupera a voz dunha muller durante moito tempo eclipsada polas figuras dos seus pais e que achega novos datos sobre a familia Murguía-Castro e sobre a vida e a obra de Rosalía de Castro.
O Congreso XoveTIC, organizado polo CITIC e a Facultade de Informática da UDC, recoñeceu os mellores traballos presentados na súa novena edición, destacando a excelencia investigadora e a innovación tecnolóxica en distintos ámbitos das tecnoloxías da información e das comunicacións. Este congreso consolídase como un espazo de intercambio de coñecemento e presentación de resultados científicos.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES