
As Xornadas sobre Dramaturxia Galega Dramaturxente reúnen do 8 ao 10 de decembro no Salón Teatro de Santiago destacados profesionais dos distintos ámbitos implicados na escrita teatral e a creación escénica. O Centro Dramático Galego (CDG) e a nova Asociación Galega de Dramaturxia DramaturGA organizan este encontro co obxectivo de analizar desde un punto de vista integrador a situación do sector en Galicia, ao tempo que se busca darlle unha maior visibilidade social.
Así o explicou Jacobo Sutil, director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), durante a presentación destas xornadas na sede do CDG, onde compartiu mesa con Fefa Noia, directora do Centro Dramático Galego, e os representantes de DramaturGA Clara Gayo e Zé Paredes.
Máis de trinta relatores entre dramaturgos, creadores, estudosos, críticos e editores intervirán nas diferentes mesas de debate arredor das que se desenvolverá este evento, de matrícula gratuíta. O prazo de inscrición para profesionais e estudantes permanecerá aberto ata o 6 de decembro a través do formulario que se pode descargar no web www.centrodramatico.gal. O público xeral terá acceso libre ata completar a capacidade da sala.
Traballo conxunto
O responsable da Agadic enmarcou a organización de Dramaturxente na liña de traballo emprendida pola compañía pública baixo a dirección de Fefa Noia, quen definiu o traballo conxunto cos dramaturgos e dramaturgas como un dos eixos básicos da nova etapa do Centro Dramático Galego. Ademais, a súa chegada ao CDG coincidiu temporalmente coa posta en marcha este ano da nova asociación DramaturGA, que reúne autores e autoras dedicados especificamente á escrita teatral co obxectivo de visibilizar a súa actividade diante da sociedade e do propio sector das artes escénicas.
Así mesmo e a través da propia Axencia Galega das Industrias Culturais, a Consellería de Cultura e Educación vén apoiando este colectivo a través de iniciativas como a convocatoria dos premios Álvaro Cunqueiro para textos teatrais, Manuel María de literatura dramática infantil e Barriga Verde de textos para teatro de monicreques (modalidades adultos e infantil) que, na súa última edición, acaban de obter Manuel Lourenzo, Carlos Labraña, Roi Vidal Ponte e Inacio Vilariño, respectivamente.
En palabras de Jacobo Sutil, estes catro nomes son claros exemplos do que é a escrita teatral galega hoxe en día. Constitúen a expresión dunha diversidade de xeracións, de temas e de estilos presentes nun rico panorama creativo que cómpre poñer en valor e difundir de xeito urxente, asegurou, ao tempo que constatou a elevada produtividade neste eido, xa que a Agadic recibiu máis de 70 obras orixinais e inéditas na última convocatoria dos seus galardóns.
Programa
O dramaturgo e director de escena Manuel Lourenzo, gañador do XIII Álvaro Cunqueiro, será precisamente o encargado do relatorio inaugural das xornadas Dramaturxente, que terá lugar na tarde do xoves 8 cunha conferencia na que abordará a evolución histórica da dramaturxia galega, coas súas eivas e as súas conquistas.
Xa na xornada do venres, o programa articularase ao redor de tres mesas de debate baixo os títulos Editar teatro, por e para que (con Afonso Becerra de Becerreá, Juan Luis Blanco Valdés, Manuel Bragado, Paco Macías, Afonso Ribas e Manuel Vieites), Dramaturxia e crítica literaria (Zé Paredes, Camilo Franco, Inma López Silva, Roi Vidal e Manuel Xestoso) e Texto/Performance: Dramaturxias escritas/non escritas (Julio Fernández, Afonso Becerra de Becerreá, Cristina Domínguez, Cándido Pazó, Marta Pazos e Ana Vallés).
O sábado terán lugar outras tres mesas Teatro para nenas e nenos (Fran Godón, Paula Carballeira, Rosalía Fernández Rial, Carlos Labraña e Inacio Vilariño), Mulleres na dramaturxia (Clara Gayo, María Armesto, Marta Pérez, Mª Xosé Queizán e Vanesa Sotelo) e Urdimes máis alá do drama (Antón Lopo, Antón Coucheiro, Javier Martín, AveLina Pérez, Xesús Ron e Carlos Santiago), que lles darán paso á sesión de conclusións das xornadas e ao encontro final dos asistentes.
Foi inaugurada no Museo do Pobo Galego a exposición 'Transfronteiriza', da artista e cineasta tudense Diana Gonçalves, que permanecerá aberta ao público ata o 28 de marzo de 2027. A mostra parte do documental 'Mulleres da Raia', da mesma autora, e froito de tres anos de investigación. A través da linguaxe cinematográfica, de materiais documentais, arquivos históricos e elementos patrimoniais, a proposta constrúe unha experiencia arredor da memoria compartida entre Galicia e o norte de Portugal. En concreto, Transfronteiriza recupera a memoria das mulleres que viviron na fronteira entre ambos territorios a mediados do século XX, que desempeñaron un papel fundamental no comercio transfronteirizo e na supervivencia económica das familias.
Trátase dunha iniciativa que nace como evolución de Circo Presente Continuo e que se vai desenvolver por primeira vez fóra de Madrid. A Cidade da Cultura, o Teatro Principal e o Salón Teatro serán as súas sedes na capital galega, reunindo artistas, compañías, profesionais da programación, distribuidoras e institucións para compartir proxectos e favorecer novas oportunidades de colaboración e contratación. O programa inclúe oito espectáculos, seis mostras breves e catro traballos en proceso. Entre as propostas figuran Naufragio, de Labsurda; Serena, de Circ Bover; Matrimonio, de Kolektivo Konika; Siku, de Jessica Arpin; e Sen patrón, de Pistacatro, que ofreceu un adianto artístico durante a presentación.