
O Centro Coreográfico Galego (CCG) entra na recta final da xira que está a levar a cabo en 2016 con As catro estacións, a súa última produción propia, que representará o sábado 26, ás 21.00 horas, no Auditorio do Pazo da Cultura de Pontevedra. A través das coreografías creadas especificamente por Iker Gómez e Kenneth Tindall, neste espectáculo a compañía pública achégalle ao público a súa recreación en clave contemporánea da famosa composición clásica de Antonio Vivaldi.
A responsable do Centro Coreográfico, Mercedes Suárez, asumiu tamén a dirección desta montaxe, coa que se busca continuar a difundir a danza entre o gran público. Neste caso, establécese un paralelismo coa paisaxe galega a través das coreografías contemporáneas e do onirismo das imaxes que se proxectan no escenario.
Elenco
As bailarinas Ailén Ramos, Inés Vieites, Elena Roses e Raquel Santacruz, e os bailaríns Juan Miguel Hernández, Víctor Molina, Pastor R. Feal e Pablo Aradillas conforman o elenco seleccionado a través dunha convocatoria pública de audicións. O corpo de baile preparou este espectáculo xunto aos creadores das catro coreografías que o integran: o director e videocreador vasco Iker Gómez, colaborador habitual no programa formativo do CCG e titular da súa propia compañía de danza; e mais o británico Kenneth Tindall, un dos valores emerxentes na creación coreográfica internacional, como demostra a súa recente designación nos Dance Awards Critics Circle.
Gómez asina as variacións de Primavera e Inverno, en tanto que Tindall asumiu as de Verán e Outono. Outros membros do equipo artístico son Christelle Horna como repetidora, Alberto Casas no deseño de luces, Antonio Cid no vídeo e Manuel Lemos no deseño e fotografía. Tanto o son do espectáculo como a produción e a realización do vestiario foron levadas a cabo polo persoal propio do Centro Coreográfico Galego.
Últimas funcións en Santiago
Estreado o pasado mes de setembro en Vigo, Pontevedra será a penúltima parada na xira de 2016 de As catro estacións, que mañá mesmo se representará tamén no Teatro Municipal Lauro Olmo do Barco de Valdeorras. A continuación, viaxará a Santiago de Compostela para ofrecer as súas tres últimas funcións do ano no Salón Teatro do 1 ao 3 de decembro.
As entradas para a representación no Pazo da Cultura poden adquirirse na billeteira electrónica de ataquilla.com, así como no despacho de billetes o propio sábado desde as 19.00 horas. As catro estacións insírese no programa Summun, a través do que o espazo pontevedrés ofrece unha selección de espectáculos de relevancia no panorama escénico estatal. Ademais, forma parte da súa oferta Black Friday, que implica un 25% de desconto nas entradas para todas as funcións desta fin de semana.
Foi inaugurada no Museo do Pobo Galego a exposición 'Transfronteiriza', da artista e cineasta tudense Diana Gonçalves, que permanecerá aberta ao público ata o 28 de marzo de 2027. A mostra parte do documental 'Mulleres da Raia', da mesma autora, e froito de tres anos de investigación. A través da linguaxe cinematográfica, de materiais documentais, arquivos históricos e elementos patrimoniais, a proposta constrúe unha experiencia arredor da memoria compartida entre Galicia e o norte de Portugal. En concreto, Transfronteiriza recupera a memoria das mulleres que viviron na fronteira entre ambos territorios a mediados do século XX, que desempeñaron un papel fundamental no comercio transfronteirizo e na supervivencia económica das familias.
Trátase dunha iniciativa que nace como evolución de Circo Presente Continuo e que se vai desenvolver por primeira vez fóra de Madrid. A Cidade da Cultura, o Teatro Principal e o Salón Teatro serán as súas sedes na capital galega, reunindo artistas, compañías, profesionais da programación, distribuidoras e institucións para compartir proxectos e favorecer novas oportunidades de colaboración e contratación. O programa inclúe oito espectáculos, seis mostras breves e catro traballos en proceso. Entre as propostas figuran Naufragio, de Labsurda; Serena, de Circ Bover; Matrimonio, de Kolektivo Konika; Siku, de Jessica Arpin; e Sen patrón, de Pistacatro, que ofreceu un adianto artístico durante a presentación.