
Vinganza e xustiza marcan o comezo e constitúen unha boa parte das reflexións que pretendo suscitar con este libro, que non son outras que rastrexar as dimensións, os xiros da xustiza, as conexións entre xustiza e democracia, a articulación de cooperación pacífica e igualdade democrática tomando como fío condutor a xustiza e a súa relación coa igualdade, coa idea do igual valor humano, co trato igual e co ser tratados como iguais. O parágrafo corresponde ao texto introdutorio da profesora María Xosé Agra Romero presentando o que é o seu último traballo editorial. Como a súa propia autora destaca, a xustiza, quizais o problema máis antigo da filosofía política, é o núcleo de ¿Olvidar a Clitemnestra? Sobre justicia e igualdad , un ensaio que desprega interrogantes ante o desconcerto, os medos, as incertezas e vulnerabilidades do mundo contemporáneos, páxinas que provocan reflexións sobre a xustiza e a igualdade.
A catedrática de Filosofía Política María Xosé Agra, xunto coa vicerreitora de Estudantes, Cultura e Responsabilidade Social, Dolores Álvarez Pérez, e o director do Servizo de de Publicacións, Juan Blanco Valdés, presentaron o libro o martes 22 de novembro no Salón Reitoral do Colexio de San Xerome. O fío condutor da obra é a xustiza democrática e a igualdade, tomando como punto de partida a lección de Esquilo. Neste senso, María Xosé Agra considera que as achegas da filosofía feminista, das teóricas da xustiza constitúen un lugar privilexiado, nin exclusivo nin excluínte, para comprender a complexidade e os dilemas dunha política democrática e dunha sociedade máis xusta.
Tal e como a autora puxo de manifesto no acto público de presentación, as 222 páxinas do seu novo libro ofrecen reflexión e interrogación que tento trasladar para que a xente pense comigo ou contra min, porque para ser quen de abordar conflitos hai que escoitar á outra parte, xa que oír a voz dos outros/as está no cerne da xustiza.
María Xosé Agra
Catedrática de Filosofía Política na Facultade de Filosofía da USC, a liña de investigación da profesora Agra céntrase na filosofía política contemporánea, nas teorías da xustiza e na teoría crítica feminista. É autora de libros e artigos en revistas especializadas sobre xustiza, igualdade, cidadanía, multiculturalismo, vulnerabilidade e violencia.
USC editora
Herdeira da vella colección Monografías da USC que entre 1971 e 2009 publicou 219 títulos, USC Editora é unha iniciativa editorial creada en 2009. A través das series Académica, Clave, Cuadernos de Español como Lengua Extranjera, Ensaio, Manuais e Textos, concíbese como un selo comercial da USC rexistrado como marca europea que, dentro do Servizo de Publicacións e Intercambio Científico, proporciona canle editorial a unha serie de publicacións sometidas a un sistema propio de avaliación por pares externos á USC. O selo conta, ademais, cun elenco estable de editores internos, que someten os orixinais a unha avaliación previa.
Foi inaugurada no Museo do Pobo Galego a exposición 'Transfronteiriza', da artista e cineasta tudense Diana Gonçalves, que permanecerá aberta ao público ata o 28 de marzo de 2027. A mostra parte do documental 'Mulleres da Raia', da mesma autora, e froito de tres anos de investigación. A través da linguaxe cinematográfica, de materiais documentais, arquivos históricos e elementos patrimoniais, a proposta constrúe unha experiencia arredor da memoria compartida entre Galicia e o norte de Portugal. En concreto, Transfronteiriza recupera a memoria das mulleres que viviron na fronteira entre ambos territorios a mediados do século XX, que desempeñaron un papel fundamental no comercio transfronteirizo e na supervivencia económica das familias.
Trátase dunha iniciativa que nace como evolución de Circo Presente Continuo e que se vai desenvolver por primeira vez fóra de Madrid. A Cidade da Cultura, o Teatro Principal e o Salón Teatro serán as súas sedes na capital galega, reunindo artistas, compañías, profesionais da programación, distribuidoras e institucións para compartir proxectos e favorecer novas oportunidades de colaboración e contratación. O programa inclúe oito espectáculos, seis mostras breves e catro traballos en proceso. Entre as propostas figuran Naufragio, de Labsurda; Serena, de Circ Bover; Matrimonio, de Kolektivo Konika; Siku, de Jessica Arpin; e Sen patrón, de Pistacatro, que ofreceu un adianto artístico durante a presentación.