
O espectáculo de monicreques Os soños na gaiola, de Títeres Alakrán, será representado o sábado 19 de novembro no auditorio da Casa-Museo Manuel María, situada na vila de Outeiro de Rei. A función, especialmente dirixida a público familiar, será ás 18 horas e ten un prezo de entrada de 2 . A súa duración é de 50 minutos.
Os soños na gaiola estreouse o pasado 1 de abril do presente ano e desde aquela leva percorrido xa boa parte da xeografía galega, incluídos espazos tan importantes como a Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia, a Mostra de monicreques de Ribeira ou o Festival internacional Galicreques de Santiago de Compostela.
A montaxe, con dirección e dramaturxia a cargo de Roi Vidal Ponte e escenografía e manipulación a cargo de Borja Ínsua Lema, é a particular homenaxe con que a compañía Títeres Alakrán quere honrar a Manuel María no ano en que se lle dedican as Letras Galegas. Como o título ben indica, trátase dunha particular adaptación dos poemas que o autor chairego publicou por vez primeira en 1968 para lle mostrar ás nenas e nenos de Galiza como era o mundo do que el procedía; un libro que pasa por ser o inaugurador da poesía infantil en lingua galega. Ao mesmo tempo, a historia bebe tamén do clásico Alicia no país das marabillas, de Carroll. Desta combinación nace a historia que mañá se representará.
O director e responsábel da dramaturxia destes Soños na gaiola, Roi Vidal, vén de ser un dos recentes galardoados cos premios da AGADIC para pezas de literatura dramática. En concreto, Vidal fíxose co premio Barriga Verde na súa categoría de adultos pola obra Marcha fúnebre para un monicreque.
Dado o aforo limitado do auditorio da Casa-Museo é recomendábel reservar por adiantado as localidades. A reserva anticipada funcionará mañá até as 16 horas a través do correo electrónico [email protected] ou do teléfono 698 177 621. As entradas poderanse retirar a partir das 17 horas na propia Casa-Museo, e até 10 minutos antes do inicio da función. Poranse á venda no momento aquelas entradas que non foren reservadas até completar o aforo do auditorio.
Foi inaugurada no Museo do Pobo Galego a exposición 'Transfronteiriza', da artista e cineasta tudense Diana Gonçalves, que permanecerá aberta ao público ata o 28 de marzo de 2027. A mostra parte do documental 'Mulleres da Raia', da mesma autora, e froito de tres anos de investigación. A través da linguaxe cinematográfica, de materiais documentais, arquivos históricos e elementos patrimoniais, a proposta constrúe unha experiencia arredor da memoria compartida entre Galicia e o norte de Portugal. En concreto, Transfronteiriza recupera a memoria das mulleres que viviron na fronteira entre ambos territorios a mediados do século XX, que desempeñaron un papel fundamental no comercio transfronteirizo e na supervivencia económica das familias.
Trátase dunha iniciativa que nace como evolución de Circo Presente Continuo e que se vai desenvolver por primeira vez fóra de Madrid. A Cidade da Cultura, o Teatro Principal e o Salón Teatro serán as súas sedes na capital galega, reunindo artistas, compañías, profesionais da programación, distribuidoras e institucións para compartir proxectos e favorecer novas oportunidades de colaboración e contratación. O programa inclúe oito espectáculos, seis mostras breves e catro traballos en proceso. Entre as propostas figuran Naufragio, de Labsurda; Serena, de Circ Bover; Matrimonio, de Kolektivo Konika; Siku, de Jessica Arpin; e Sen patrón, de Pistacatro, que ofreceu un adianto artístico durante a presentación.