
Un total de 15 formacións competirán nas tres seccións a concurso da décima edición do Certame Galego de Bandas de Música, que se desenvolverá os días 26 e 27 de novembro no Auditorio de Galicia, en Santiago de Compostela. A Federación Galega de Bandas de Música Populares (FGBMP) organiza este evento de carácter anual, para o que volve contar co apoio económico da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic).
O Salón Teatro de Santiago acolleu a presentación do programa deste ano a cargo de Anxo Lorenzo, secretario xeral de Cultura; Noa Morales, concelleira de Mocidade, Deporte e Benestar Animal de Santiago; Jacobo Sutil, director da Agadic; e Armando Morales, presidente da FGBMP.
Berce da cultura musical
O Certame Galego de Bandas de Música constitúe unha iniciativa de visibilización e tamén de convivencia e de valoración dunhas agrupacións musicais que son un dos selos da nosa cultura, asegurou Anxo Lorenzo. Segundo o secretario xeral, as bandas de música foron e seguen sendo verdadeiros berces para a nosa cultura musical, para promover a afección pola música en cada localidade, pero tamén, en moitísimos casos, como formacións dun notable virtuosismo musical, que xa foi en numerosas ocasións recoñecido internacionalmente.
Polo tanto engadiu, as bandas conforman non só un rico tecido cultural depositario dunha parte fundamental do noso patrimonio artístico e de formación de instrumentistas, senón que xogan tamén un papel protagonista na proxección da nosa cultura ao máis alto nivel.
Nese marco é onde se sustenta o apoio institucional da Consellería de Cultura e Educación ao traballo das bandas que, como explicou o director da Agadic, se materializa nun programa anual de colaboración coa súa federación, colectivo que agrupa 91 bandas do país e, en consecuencia, presta atención a uns 6.700 instrumentistas. A colaboración da Xunta busca reforzar este labor a través de actividades como o X Certame Galego de Bandas, o IX Concurso Galego de Composición e o I Festival de Bandas Infantís e Xuvenís, celebrado o pasado verán.
Tres seccións a concurso
As 15 bandas finalistas da décima edición do certame competirán polos premios en tres categorías a concurso. A Banda de Música Cultural de Teo, Sons e Soños de Rábade-Begonte-Outeiro de Rei e a Unión Musical de Meaño son as seleccionadas na sección primeira, para formacións de máis de 71 integrantes.
Na sección segunda, participarán as bandas da Escola de Música de Rianxo, a de Sanxenxo, Belas Artes de Cangas e a de Catoira. Todas elas contan nas súas filas con entre 51 e 70 músicos, mentres que na sección terceira intervirán oito formacións con ata 50 integrantes: Banda de Música de Antas de Ulla, Unión Musical de Cabral, Agrupación Musical de Belesar, Banda de Música de Visantoña, Banda de Música Popular de Moaña Airiños do Morrazo, A Lira de Ribadavia, Agrupación Músico-Cultural de Ribadumia e Banda de Música de Salvaterra.
A soprano, compositora e directora de orquestra madrileña Pilar Jurado, o músico e compositor galego Paulino Pereiro e o compositor e profesor norirlandés Laurence Roman son os membros do xurado internacional encargado de elixir as formacións gañadoras, cuxos nomes se darán a coñecer o domingo 27 durante o acto de clausura. Outorgaranse un total de tres premios para cada unha das categorías, con diferentes dotacións que suman 9.900 euros. A maiores, a Agadic achega para cada sección un recoñecemento económico á mellor interpretación dunha obra galega.
Obras de autoría galega
As formacións participantes presentaranse sobre o escenario cun pasodobre de composición galega e, xa en concurso, ofrecerán unha obra de libre de elección e outra de autoría galega proposta pola organización: Sinfonietta das Cantigas, de José Ignacio Blesa Lull, para a sección primeira; As lúas, de Juan Pérez Berná, para a segunda; e Olimpo dos celtas, de Santiago Barreiro Davila, para a terceira. Estas tres pezas foron as gañadoras nas súas respectivas modalidades da pasada edición do Concurso Galego de Composición, que este ano está a desenvolver a súa novena edición. As obras premiadas este ano anunciaranse na gala de clausura do X Certame Galego de Bandas de Música, no transcurso da que tamén se fará entrega dos galardóns aos seus autores.
Foi inaugurada no Museo do Pobo Galego a exposición 'Transfronteiriza', da artista e cineasta tudense Diana Gonçalves, que permanecerá aberta ao público ata o 28 de marzo de 2027. A mostra parte do documental 'Mulleres da Raia', da mesma autora, e froito de tres anos de investigación. A través da linguaxe cinematográfica, de materiais documentais, arquivos históricos e elementos patrimoniais, a proposta constrúe unha experiencia arredor da memoria compartida entre Galicia e o norte de Portugal. En concreto, Transfronteiriza recupera a memoria das mulleres que viviron na fronteira entre ambos territorios a mediados do século XX, que desempeñaron un papel fundamental no comercio transfronteirizo e na supervivencia económica das familias.
Trátase dunha iniciativa que nace como evolución de Circo Presente Continuo e que se vai desenvolver por primeira vez fóra de Madrid. A Cidade da Cultura, o Teatro Principal e o Salón Teatro serán as súas sedes na capital galega, reunindo artistas, compañías, profesionais da programación, distribuidoras e institucións para compartir proxectos e favorecer novas oportunidades de colaboración e contratación. O programa inclúe oito espectáculos, seis mostras breves e catro traballos en proceso. Entre as propostas figuran Naufragio, de Labsurda; Serena, de Circ Bover; Matrimonio, de Kolektivo Konika; Siku, de Jessica Arpin; e Sen patrón, de Pistacatro, que ofreceu un adianto artístico durante a presentación.