
A Cidade da Cultura recibiu unha visita dun grupo de profesionais de grupos de comunicación, produtoras e empresas do mundo do cine e da televisión interesados en coñecer os diferentes espazos arquitectónicos do Gaiás para valoralos como localizacións de futuras producións audiovisuais.
O grupo participou nunha visita guiada especial organizada pola Fundación Cidade da Cultura de Galicia na que puideron explorar non só os espazos exteriores e interiores do complexo, senón outro tipo de zonas habitualmente non abertas ao público xeral, como a galería subterránea que comunica todos os edificios, a zona de caldeiras ou baixo cubertas.
A visita forma parte das xornadas I+P, ideas para producir organizada pola Film Commission, o Concello de Santiago de Compostela e o Cluster Audiovisual Galego, e que inclúe no seu programa un percorrido por partes emblemáticas da capital galega. En edicións anteriores visitaron, por exemplo, a Catedral de Santiago ou o Pazo de Fonseca.
No grupo que participou nesta visita participaban representantes de Mediaset, RTPA, Canal #0, Filmax, A Contracorriente Films, DeAPlaneta, Mod Producciones ouMusic Library, ademais do propio Clúster do Audiovisual Galego e a Film Commission.
A forza visual da Cidade da Cultura converte os seus espazos arquitectónicos en escenario habitual de rodaxes audiovisuais e proxectos fotográficos profesonais, como ten ocorrido neste mesmo ano conSicixia, a nova película de Ignacio Vilar, ou con firmas de moda como Pull& Bear.
Foi inaugurada no Museo do Pobo Galego a exposición 'Transfronteiriza', da artista e cineasta tudense Diana Gonçalves, que permanecerá aberta ao público ata o 28 de marzo de 2027. A mostra parte do documental 'Mulleres da Raia', da mesma autora, e froito de tres anos de investigación. A través da linguaxe cinematográfica, de materiais documentais, arquivos históricos e elementos patrimoniais, a proposta constrúe unha experiencia arredor da memoria compartida entre Galicia e o norte de Portugal. En concreto, Transfronteiriza recupera a memoria das mulleres que viviron na fronteira entre ambos territorios a mediados do século XX, que desempeñaron un papel fundamental no comercio transfronteirizo e na supervivencia económica das familias.
Trátase dunha iniciativa que nace como evolución de Circo Presente Continuo e que se vai desenvolver por primeira vez fóra de Madrid. A Cidade da Cultura, o Teatro Principal e o Salón Teatro serán as súas sedes na capital galega, reunindo artistas, compañías, profesionais da programación, distribuidoras e institucións para compartir proxectos e favorecer novas oportunidades de colaboración e contratación. O programa inclúe oito espectáculos, seis mostras breves e catro traballos en proceso. Entre as propostas figuran Naufragio, de Labsurda; Serena, de Circ Bover; Matrimonio, de Kolektivo Konika; Siku, de Jessica Arpin; e Sen patrón, de Pistacatro, que ofreceu un adianto artístico durante a presentación.