Notas de prensa

O pleno do Consello da Cultura Galega destaca os vínculos co mundo lusófono

O conselleiro de Cultura e Educación valorou moi positivamente a recente incorporación do Consello da Cultura Galega á Comunidade dos Países de Língua Portuguesa (CPLP), no que representará a Galicia e destaca o traballo conxunto para afianzar os vínculos co mundo lusófono.

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, destacou, con motivo da celebración do pleno do Consello da Cultura Galega (CCG), o traballo conxunto entre administracións e institucións culturais de Galicia e Portugal para seguir afianzando os vínculos co mundo lusófono, dada a recente incorporación do organismo estatutario á Comunidade dos Países de Língua Portuguesa (CPLP).

Un fito, segundo trasladou o titular do departamento de Cultura da Xunta de Galicia, posible grazas ao apoio e colaboración da Embaixada de Portugal en España na xestión pola que, por acordo das tres partes e a proposta dos gobernos galego e español, o homólogo portugués accedeu a presentar diante da CPLP a candidatura do Consello da Cultura Galega.

Neste sentido, felicitou ao CCG pola súa incorporación a esta entidade de máximo nivel no ámbito lusófono, na que exercerá como observador consultivo en representación de Galicia. O dito ingreso foi abordado hoxe con motivo do pleno do CCG, no que se valorou a relevancia, tanto para Galicia como para a comunidade lusófona, deste novo nexo de unión co país veciño, que se suma a todas as iniciativas desenvolvidas polos dous gobernos desde a aprobación da Lei 1/2014 de aproveitamento da lingua portuguesa e vínculos coa lusofonía, xa coñecida como Lei Paz-Andrade.
Iniciativas en común

Dentro deste marco normativo, cómpre destacar a sinatura, en febreiro de 2015, do memorando de entendemento, ao abeiro do que a administración educativa galega, en colaboración co Instituto Camoês, incorporou o portugués como lingua estranxeira de opción e avaliación curricular no ensino non universitario.

Entre outros asuntos, tamén destacan senllos memorandos de entendemento en materia de deporte (asinado en marzo de 2015), cultura (asinado en abril de 2015), relacións económicas (pesca, medio ambiente e turismo, asinado en xaneiro de 2016); así como a candidatura acadada no marco do Programa INTERREG V-A, España-Portugal (POCTEP 2014-20) que presentou a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) para a recolección e difusión do patrimonio colectivo da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, en virtude da que se impulsou a nova versión traducida ao portugués do Diario Oficial de Galicia.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2016-11-17

Actualidad

Foto del resto de noticias (museo_do_pobo_galego_2.jpg) Foi inaugurada no Museo do Pobo Galego a exposición 'Transfronteiriza', da artista e cineasta tudense Diana Gonçalves, que permanecerá aberta ao público ata o 28 de marzo de 2027. A mostra parte do documental 'Mulleres da Raia', da mesma autora, e froito de tres anos de investigación. A través da linguaxe cinematográfica, de materiais documentais, arquivos históricos e elementos patrimoniais, a proposta constrúe unha experiencia arredor da memoria compartida entre Galicia e o norte de Portugal. En concreto, Transfronteiriza recupera a memoria das mulleres que viviron na fronteira entre ambos territorios a mediados do século XX, que desempeñaron un papel fundamental no comercio transfronteirizo e na supervivencia económica das familias.
Foto de la tercera plana (cdc-00.jpg) Trátase dunha iniciativa que nace como evolución de Circo Presente Continuo e que se vai desenvolver por primeira vez fóra de Madrid. A Cidade da Cultura, o Teatro Principal e o Salón Teatro serán as súas sedes na capital galega, reunindo artistas, compañías, profesionais da programación, distribuidoras e institucións para compartir proxectos e favorecer novas oportunidades de colaboración e contratación. O programa inclúe oito espectáculos, seis mostras breves e catro traballos en proceso. Entre as propostas figuran Naufragio, de Labsurda; Serena, de Circ Bover; Matrimonio, de Kolektivo Konika; Siku, de Jessica Arpin; e Sen patrón, de Pistacatro, que ofreceu un adianto artístico durante a presentación.

Notas

O concerto de Sofía Ros na Casa do Saber do Campus de Lugo este luns, 26 de outubro, ás 20.15 horas, abre unha nova semana ateigada de citas culturais na USC. Música, diversos faladoiros, así como proxeccións audiovisuais integrarán os vindeiros eventos do Outono Cultural. Ese mesmo 26 de outubr,o no Pazo de Montenegro, a partir das 17.30 horas, desenvolverase o primeiro dos encontros 'Memoria democrática'. María Valcárcel, profesora da USC e periodista cultural, é a persoa coidadora deste proxecto. O acceso require inscrición previa.
A música folk será neste 2026 a gran protagonista do ciclo Música para reCREAr, que a Vicerreitoría do campus promove coa colaboración do Concello de Pontevedra, ao abeiro dun convenio de colaboración. Esta programación botará a andar este xoves 29 de outubro, ás 20.30 horas, no Pazo da Cultura, cunha actuación do grupo Caldo, mentres que o 12 de novembro, á mesma hora, poderá coñecerse o proxecto musical do dúo Abril.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES