Notas de prensa

Preséntase a 17ª Feira Internacional de Turismo Gastronómico: Xantar 2016

O Salón Internacional de Turismo Gastronómico, Xantar 2016, celébrase en Expourense desde o mércores, día 3 de febreiro, ata o domingo día 7, e trátase do único certame internacional celebrado en España dedicado conxuntamente ao turismo e a gastronomía. México é o país convidado da edición de 2016.

A delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, participou na rolda de prensa de presentación desta nova edición de Xantar, e xa van dezasete, e destacou que “Xantar é xa un referente entre os amantes da arte culinaria en Galicia pero ademais nos últimos anos acadou unha enorme proxección internacional”. Na súa intervención, Díaz Mouteira recordou que a gastronomía é un dos principais atractivos turísticos de Galicia e que esta feira contribúe a pór en valor os produtos da nosa terra e os profesionais da cociña galega.

A máxima representante do Goberno galego en Ourense asegurou que a enogastronomía en Galicia non só destaca pola cantidade, senón tamén pola calidade. Así aludiu a existencia de 13 restaurantes con Estrela Michelín, 26 restaurantes que atesouran 37 Soles Repsol e 51 establecementos de restauración coa Q de calidade turística.

Apoio institucional

Díaz Mouteira subliñou o respaldo de distintos departamentos autonómicos a este evento internacional de turismo gastronómico “xa que se trata dun salón multidisciplinar que, ademais, da compoñente turística, defende a calidade dos nosos profesionais hostaleiros contribuíndo á formación dos mesmos, promociona os beneficios para a saúde da Dieta Atlántica e mostra as posibilidades culinarias e nutricionais dos nosos produtos agrarios e do mar”.

Así, indicou que o IGAPE a través da liña de feiras de alcance internacional cofinancia este evento xa que pola presenza de profesionais de México, Costa Rica, Portugal e España Xantar convértese nun centro de negocios internacional que abre novas oportunidades para as empresas galegas. A Consellería de Medio Rural contará cun restaurante propio dende o que dará a coñecer os produtos con Denominación de Orixe e Indicación Xeográfica Protexida da nosa comunidade. Ademais, tanto Medio Rural como Mar contarán con dúas aulas gastronómicas onde, da man de profesionais da nosa cociña, celebraránse obradoiros e demostracións.

A delegada territorial asegurou que “Xantar, ao longo dos seus dezasete anos de traxectoria, contribuíu, sen dúbida, ao posicionamento de Galicia como destino gastronómico de calidade”.

A 17ª edición do Salón Internacional de Turismo Gastronómico, terá como país convidado a México e convocará en Expourense a 166 expositores que ocuparán 12.000 metros cadrados de superficie e entre os que destacan 14 restaurantes que ofrecerán arredor de vinte menús con prezos comprendidos entre os 12 e os 30 euros baseados nos produtos autóctonos e de calidade de cada rexión procedentes de México, Portugal e España. Haberá ademais menús infantís e adaptados para celíacos.

A presenza nesta edición de expositores e participantes de 10 países (España, Portugal, Costa Rica, México, A Arxentina, Francia, Perú, Cuba, Ecuador e Paraguai) ven consolidar a súa condición de "Feira Comercial Internacional", un selo outorgado pola Secretaría de Estado de Comercio do Ministerio de Economía e Competitividade, que o converte nunha das cinco citas internacionais de turismo celebradas en España (dúas das cales organiza Expourense) e na única especializada en gastronomía.


Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2016-01-29

Actualidad

Foto del resto de noticias (programacion-karmica-2026.jpg) O calendario de Programación Kármica arranca este 25 de setembro con Taïn na Sala Guión de Pontedeume. A seguinte cita será o 16 de outubro, con Camellos e Cora Yako en La Conservera de Viveiro, mentres que o 24 de outubro actuarán Javier Lago e Santi Araújo na Pousada da Galiza Imaxinaria de Boiro. O ciclo chegará precisamente á sala que acolle hoxe a súa presentación, A Cofradía de Vilanova de Arousa, o 27 de novembro, coas actuacións de Montedapena e Nuntia. O programa de 2026 pecharase o 26 de decembro na Pousada da Galiza Imaxinaria con Portosanto e Hermanos Visi.
Foto de la tercera plana (hoteis-galicia.jpg) O Instituto Nacional de Estatística (INE) publicou este martes os datos da enquisa de ocupación hoteleira na comunidade galega, que revelan que os hoteis e pensións galegas ingresaron nos oito primeiros meses do ano 334,7 millóns de euros, que revelan un incremento do 6,6% con respecto ao mesmo período do pasado ano. A rendibilidade hoteleira medra nos oito primeiros meses do ano o 7,5%. Só no mes de agosto, o sector tivo uns ingresos de 92,4 millóns de euros que se traducen nunha suba do 8,8% con respecto ao mesmo mes do ano pasado. Por primeira vez supérase a barreira dos 90 millóns de euros de ingresos no mes de agosto rexistrando un máximo histórico.

Notas

O luns 28, Día Internacional do Dereito a Saber, arranca na Facultade de Dereito da Universidade de Santiago de Compostela (USC) a XI edición do Congreso Internacional de Transparencia e Bo Goberno (CIT), que se prolongará ata o martes 29 co apoio institucional da Xunta de Galicia, o Consello de Contas e o Consello Consultivo, entre outras institucións e organismos.
137 traballos científicos elaborados por preto de 260 autores vinculados a 52 institucións académicas e de investigación de máis dunha ducia de nacionalidades. A Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da UVigo acollerá o 1 e 2 de outubro, o ITC’26, 18º Congreso Internacional de Turismo, un encontro académico e profesional no que se reunirá persoal investigador, docente e experto en turismo transfronteirizo procedente de catro continentes.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES