//if ($dataid['id'] == 2){ ?>
Noticias cultura
Foi presentada a novena edición do Festival Clasclás que, baixo lema de 'Paixón', se vai celebrar, do 20 ao 27 de xuño, en Vilagarcía de Arousa, cunha ambiciosa programación que aposta pola vangarda e a ciencia. Así, este certame convértese nunha das grandes citas internacionais da música clásica, cunha programación que abrangue desde a excelencia da Orquestra Sinfónica de Galicia e da música de cámara ata o virtuosismo de solistas chegados de diferentes partes do mundo. O evento inclúe a celebración dun 'concerto inmersivo' para conmemorar a eclipse solar, que terá lugar en agosto.
A programación musical abrirase o venres 8 de maio na ourensá Igrexa de Santiago das Caldas co concerto inaugural de Vandalia, cuarteto vocal sevillano especializado no repertorio renacentista e barroco español. Fundado en 2012, o grupo desenvolveu unha ampla traxectoria en España e no estranxeiro e foi recoñecido tanto pola súa discografía como polo seu labor de recuperación do patrimonio musical, con distincións como o Premio XEMA da Prensa ao mellor grupo español de música antiga. O domingo 10, o festival trasladarase ao Pazo de Vilamarín da man da soprano valenciana Mariví Blasco e do intérprete de guitarra barroca Álex Pernas. Especializada en música antiga, Blasco colaborou con formacións de referencia como Europa Galante, LArpeggiata ou Accademia del Piacere.
Para a edición de 2026, chegan desde o outro lado do Atlántico La Cura e El Vacío (ambas estreas en España), nas que o coreógrafo cubano Julio César Iglesias dirixe á prestixiosa Compañía Colombiana de Danza Contemporánea. Tamén a conferencia escénica Arder Épica (Cap. 1) na que o artista brasileiro Reinaldo Ribeiro constrúe unha nova memoria colectiva a partir das cinzas que deixou o incendio do Museo Nacional do Brasil en 2018. Forma parte tamén da programación a instalación inmersiva Hecatombe II: Movementos e rituais para a renovación do mundo, da colombiana de orixe indíxena Martha Hincapié Charry, que rescata saberes ancestrais de líderes nativos das primeiras nacións americanas.
O Centro Dramático Galego amplía desde esta semana a experiencia de exhibición do seu novo espectáculo, Hamlet, cunha programación paralela que incorpora tres pases de Mala vida e pior morte de Ricardo III, os días 25 de marzo, 1 e 8 de abril ás 20,30 horas, e, por outra, unha nova entrega das ImproVersións a través da proposta A propósito de William, que levará a cabo o colectivo Improversados os domingos 29 de marzo e 5, 12, 19 e 26 de abril á mesma hora. O desenvolvemento desta programación expandida completarase cunha acción especial na véspera do Día Mundial do Teatro, que reunirá o xoves 26 de marzo preto de 73 estudantes de secundaria e ensinanzas escénicas.
Coralinda é unha comedia xestual dirixida a público familiar e infantil. A través dunha linguaxe xestual fundamentada na manipulación de obxectos e na interacción constante co dispositivo escénico, a obra constrúe un universo cómico e poético que transita do realismo á hipérbole da vida cotiá. Unha proposta escénica ao estilo dos debuxos animados que aborda a temática da inmigración e do medio ambiente desde o humor, a poesía visual e a emoción. A obra convida a reflexionar sobre as experiencias das persoas que viaxan lonxe da súa terra.
Publicada en 1603, a traxedia do príncipe de Dinamarca pisa agora o escenario do Centro Dramático Galego cunha versión que sitúa no presente os seus conflitos e as tensións da coñecida trama: Hamlet enfróntase á morte do pai, ao precipitado matrimonio da súa nai co seu tío e á aparición dun fantasma que lle esixe vinganza, nunha historia marcada pola traizón, o remorso e a procura de certezas nun mundo moralmente corrompido. Nesta nova montaxe constrúese ao longo de 130 minutos unha peza viva, accesible e tamén divertida, sen renunciar á profundidade do texto orixinal. A intención é ofrecer un espectáculo no que o público galego poida verse reflectido dalgún xeito, recoñecendo cuestións, contradicións e dilemas que tamén forman parte da nosa época.
Con esta decisión, procúrase ampliar a internacionalización, unha maior apertura á creatividade dixital coa irrupción das novas tecnoloxías e darlle pulo a súa descentralización dentro e fóra de Galicia. O obxectivo con esta renovación é impulsar estes eidos na actividade deste centro museístico, referente da arte contemporánea en Galicia e España, tras case once anos con Santiago Olmo á fronte da súa dirección. Como resultado do seu labor, o Centro Galego de Arte Contemporánea acadou en 2025 ser recoñecido como Insignia da cultura galega polo Observatorio da Cultura da Fundación Contemporánea, segundo os resultados do prestixioso informe elaborado coas valoracións de máis de 400 expertos e profesionais de toda España.
O Festival Internacional de Animación Afundación 'Imaxinaria' despediuse na Coruña tras cinco días dedicados a conectar ao público galego coa mellor animación nacional e internacional. O xurado da sección oficial do festival -formado por Giovanna Lopalco, Cynthia Alfonso e Manu Viqueira- recoñeceu no palmarés desta cuarta edición a curta francesa Dieu est timide, do director francés Jocelyn Charles, co Premio Imaxinaria; a curta portuguesa Cão Sozinho, da directora portuguesa Marta Reis Andrade, co Premio do Xurado; e a galega O Corpo de Cristo, adaptación do Premio Nacional de Cómic da creadora coruñesa Bea Lema, co Premio Territorio. O festival resolveu ademais o concurso «Talento Novo», aberto por primeira vez a centros educativos de toda Galicia.
A edición deste ano celebrarase baixo o título 'A porta a universos infinitos' e a cita inaugural será en Ferrol, do 23 ao 26 de abril. A continuación será a quenda de Santiago de Compostela, que terá lugar do 2 ao 10 de maio. En Lugo, pola súa banda, será do 13 ao 17 do mesmo mes, mentres que chegará ao Porriño do 14 ao 17 de maio. No mes de xuño, Redondela acollerá a súa feira do 11 ao 14 de xuño, mentres que en Ourense será do día 17 ao 20. Xa no mes de xullo, Vigo abrirá o día 1, prolongándose ata o día 7, continuando en Ponteareas desde o día 9 ata o 12 e en Rianxo do 23 ao 26. Finalmente, en agosto, as Feiras do Libro viaxarán ata A Coruña, do 1 día ata o 10, Viveiro do día 13 ao 19, Foz do 20 ao 23, e rematarán en Monforte de Lemos onde se celebrará do día 26 ao 29 de agosto.
A Filmoteca de Galicia programa en marzo unha carteleira marcada polo inicio dun ciclo dedicado ao cineasta alemán Rainer Werner Fassbinder, que se prolongará ata maio, e pola celebración dunha nova edición de Olladas de muller en colaboración co Consello da Cultura Galega. Ao tempo, a Sala José Sellier acolle o peche do especial Béla Tarr / László Krasznahorkai, tres miniciclos de dúas sesións con presentacións e coloquios e novas propostas de Fóra de serie, Off Galicia, Filmoteca Júnior e Materiais para unha historia do cine en Galicia. A partir do 17 de marzo, a cinemateca da Xunta inicia Rainer Werner Fassbinder (I) cun primeiro bloque de proxeccións con versións restauradas que abre o ciclo sobre o realizador xermano, un dos principais representantes do Novo Cinema Alemán dos anos sesenta e setenta.
A Primavera Cultural da USC continúa agromando con múltiples propostas. Así, no Campus de Lugo, a danza, o teatro e a creación audiovisual protagonizan as citas máis inmediatas. Entre os días 19 e 23 de abril, regresa o Festival de Teatro Universidade a Lugo, na que será a súa trixésimo segunda edición. O certame de curtametraxes Findecurta mantén aberto o seu prazo de inscrición ata o 21 de abril. O día 24 realizarase a tradicional sesión informativa na Casa do Saber na que se lles explicará ás persoas participantes o reto desta edición do certame.
Especialistas de dez países, desde Canadá ata Xapón, pasando por Francia, Bélxica ou Noruega, participarán o 24 e 25 de abril en Vigo no congreso internacional Escrituras potenciais: o ordinario e o infraordinario, unha cita coorganizada entre as universidades de Vigo e Sorbonne Nouvelle polos profesores e destacados especialistas Hermes Salceda e Alain Schaffner, figuras claves no estudo da narrativa contemporánea francesa.
Normal, o Espazo de Intervención Cultural da Universidade da Coruña, acollerá entre os días 15 e 29 de abril o ciclo de cinema feminista E ti que miras?, unha proposta coordinada por Bea Saiáns que reúne unha selección de filmes realizados por mulleres e de especial relevancia no panorama audiovisual nacional e internacional. A programación foi deseñada baixo o criterio de visibilizar obras que abordan temáticas inherentes ao patriarcado, ao tempo que se pon en valor o papel das creadoras no ámbito cinematográfico.
Creatividades híbridas, entre o virtual e o matérico é o lema escollido polo Campus Crea como eixe vertebrador da semana de actividades que impulsa cada ano con motivo da conmemoración do Día Internacional da Creatividade, co propósito de servir como escaparate do proxecto de especialización do campus pontevedrés. Promovida co apoio da Deputación de Pontevedra, a programación da Semana Crea 2026 desenvolverase entre o 20 e o 24 de abril e permitirá reflexionar sobre a evolución da creatividade en diferentes eidos, nuns tempos marcados polas tecnoloxías dixitais.
Pontes Semana do Cinema Galego e Portugués abre o prazo de inscrición para a súa sexta edición, que se celebrará en Vigo durante o mes de outubro de 2026. A convocatoria, está dirixida a curtametraxes e longametraxes producidos en Galicia, por creadores galegos ou creadores de calquera dos países da Comunidade de Países de Lingua Portuguesa (CPLP).
O teatro galego celebrou a súa gran festa no Teatro Rosalía Castro da Coruña coa entrega dos XXX Premios de Teatro María Casares, o principal recoñecemento das artes escénicas en Galicia. Nunha gala marcada pola emotividade e o espírito festivo, a obra Reconversión, da compañía Ibuprofeno Teatro, erixiuse como a gran gañadora da edición ao acadar un total de seis galardóns.
Chega a Vigo a súa gran cita anual coa Mostra Internacional de Teatro Universitario, Miteu, unha actividade que acada xa a súa 28 edición e que, un ano máis, reúne na cidade unha mostra moi significativa do teatro que se está a facer no seo das universidades galegas e, moi especialmente, na UVigo, tal e como recalca a vicerreitora de Extensión Universitaria, Susana Reboreda, quen convida a toda a cidadanía a aproveitar esta grande oportunidade que brinda a mostra para mergullarse no teatro que se está facendo na actualidade en Galicia, e tamén no estranxeiro.
A Primavera Cultural da USC regresará á volta de Semana Santa con diversas citas nas que a tradición e a vangarda camiñan collidas da man. Así, o talento musical emerxente darase cita o 8 de abril na final da terceira edición do Certame de grupos musicais da USC. O 9 de abril será a quenda do Curso de Primavera, na Facultade de Humanidades de Lugo; do concerto de Kid Mount + ünder & Diego Flâneur na lucense Praza de Santa María; e do V Tradi-Fest, no Xardín das pedras que falan en Compostela.
Do 23 de abril ao 8 de maio celebrarase a 31ª Mostra Internacional de Teatro Universitario de Ourense (Miteu). Co lema O espazo que ti habitas, traerá a diferentes espazos escénicos da cidade unha vintena de espectáculos nos que as aulas de teatro e danza dos diferentes campus da Universidade de Vigo terán un papel destacado. A cita foi presentada este martes no Teatro Principal de Ourense por representantes das entidades que financian ou apoian a actividade.
A Área de Normalización Lingüística da UVigo, coa colaboración da Deputación de Pontevedra, organiza entre os meses de marzo de abril a 3ª edición do ciclo A lingua galega no cinema, que inclúe a proxección dunha decena de pezas audiovisuais entre documentais, curtas, animación e longametraxes. O ciclo arrancará o luns 23 coa proxección, do documental 'Ramón Otero Pedrayo, dereito á paisaxe', dirixido pola catedrática da UVigo María José Bravo Bosch.