Actualidad de Cultura

Noticias cultura

O volume presentado en Santiago nun acto no que tamén estivo o reitor da USC, Antonio López, está feito baixo a dirección do catedrático Ramón Villares e afonda na evolución da Facultade de Xeografía e Historia a través de estudos, biografías e testemuños directos, ofrecendo unha obra coral e ilustrada que proporciona unha estampa rigorosa e de calidade dun centro universitario senlleiro que, durante décadas, foi a única licenciatura ofrecida na USC no eido das Humanidades.
A organización do Festival Internacional de Música Pórtico do Paraíso presentou hoxe o cartel da súa 17ª edición, que se celebrará do 3 ao 12 de maio en diferentes espazos singulares dos concellos de Ourense, Castro Caldelas e Cea. Trátase dun evento dedicado á difusión da música culta desde escenarios arquitectónicos patrimoniais, que este ano ofrecerá cinco concertos a cargo de formacións de Serbia, Francia e España, ademais do dúo integrado polo arpista galego Manuel Vilas e a mezzo-soprano polaca Paulina Ceremuzynska.
A programación de abril da Filmoteca de Galicia arranca mañá martes coa última sesión de Lazos que unen, retrospectiva da cineasta estadounidense Su Friedrich, que se exhibe na Coruña en colaboración co Festival Punto de Vista de Pamplona. Proxectaranse os filmes The Odds of Recovery e Today como arranque desta nova carteleira, na que destaca a conmemoración fílmica dos 50 anos da Revolución dos Caraveis. En colaboración coa Cinemateca Portuguesa, entre o 24 de abril e o 3 de maio proxectaranse unha serie de documentais filmados nos días da revolución portuguesa e tamén ficcións que retratan a xente nas rúas e as manifestacións, así como o proceso de reforma agraria.
Francisco Asorey (1889-1961) está considerado un dos renovadores da arte galega e unha das figuras máis relevantes na renovación escultórica española do século XX. Traballou a pedra e a madeira nas súas esculturas e con este último material realizou no seu obradoiro de Santiago unha serie de tallas policromadas nas que a protagonista é a muller galega. Nelas experimenta coa cor, levando a cabo un tratamento naturalista aplicando sutilmente a policromía sen perder a calidade da madeira e dotando as pezas de gran humanidade.
A Filmoteca de Galicia avanza no seu labor de recuperación, restauración e conservación do noso patrimonio audiovisual coa recente dixitalización de máis de 30 películas de diferentes xéneros e formatos, realizada ao abeiro do programa Hub Audiovisual da Xunta co obxectivo de poñer en valor e difundir o seu arquivo histórico. Con tal fin, a programación que desenvolve na Sala José Sellier da Coruña conta este ano cunha nova sección que, baixo a denominación Materiais para unha historia do cinema en Galicia, está a exhibir diferentes pezas do fondo da cinemateca, entre as que se atopan filmacións de carácter industrial ou familiar, moitas veces anónimas, pero de gran valor documental á hora de reconstruír a historia do noso cinema.
O equipo, eminentemente galego e cunha moi alta porcentaxe feminina, está a filmar en distintas localizacións das provincias da Coruña e Lugo, a través das que se reconstrúe o nacemento e a evolución da mítica fábrica de cerámica, que se deu en chamar a “Bauhaus galega” polas cores, formas e deseños vangardistas das súas creacións. Ao tempo, contarase tamén a historia de Galicia a través do seu deseño, cos seus elementos diferenciais e de calidade no centro do discurso. Outros dos escenarios polos que discorrerá Hoxe e o resto do mundo son Cervo (Lugo), onde comeza esta historia a primeiros do século XIX, Sada (A Coruña) e Santiago de Compostela, ademais doutros espazos da cidade herculina.
O CDG celebra os 40 anos da súa fundación desenvolvendo unha intensa programación que estende a súa actividade á produción e participación en 15 espectáculos e proxectos escénicos, a máis de 100 concellos de toda a Comunidade e á colaboración con entidades dunha decena de países en Europa e América. En palabras de Román Rodríguez, conselleiro de Cultura, a unidade teatral continuará avanzando nunhas liñas mestras que, desde o respecto ao pasado, poñen o foco en novas vías de encontro coa cidadanía, na accesibilidade, na proxección exterior ou na creación galega.
A Xunta de Galicia abriu hoxe ao público a nova sala de arqueoloxía do Centro de Interpretación de Ons, o primeiro museo dedicado a poñer en valor e divulgar os principais restos patrimoniais, arqueolóxicos e etnográficos atopados na illa no marco das escavación realizadas nos últimos anos. A vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda en funcións, Ángeles Vázquez, inaugurou a exposición esta mañá acompañada do delegado da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, da directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, e do director conservador do Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas de Galicia, José Antonio Fernández.
O Galiverso abre este mes de marzo unha nova fiestra ao universo dixital que conecta a Cidade da Cultura cos 11 centros que forman parte da Rede de Museos xestionados polo Goberno galego. O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, participou na presentación deste novo Galiverso dos Museos, que poderá visitarse a partir do martes, de balde, na Cidade da Cultura. Román Rodríguez salientou o potencial dun proxecto que une arte e tecnoloxía para construír experiencias educativas e de ocio singulares coas que descubrir o patrimonio galego, e que visitaron xa máis de 18.000 persoas. Nesta quinta montaxe, o Galiverso dos Museos permite achegarse á colección artística, etnográfica e arqueolóxica conservada nos museos públicos galegos.
A Mostra Primavera enDanza de Carballo celebrará a súa 22ª edición do 12 ao 30 de abril cunha carteleira que inclúe seis citas coreográficas programadas a través da Rede Galega de Teatros e Auditorios, o circuíto de espectáculos que a Xunta de Galicia promove en colaboración coas entidades xestoras dos seus 41 espazos asociados. A carteleira preparada para o ciclo comeza con Vaivén, peza unipersoal de Marcia Vázquez, programada para o día 12 de abril; e Multiperspectivas #2, de Paula Quintas Cía., o día 13.
« Anterior | 2  de  260 | Siguiente »

Notas cultura

O escultor lugués Álvaro de la Vega inaugurou no Colexio de Fonseca a exposición 'Xéneros e números', na que propón agrupamentos abigarrados de mulleres e homes tallados en madeira que nos observan, que se fan observar ou que se desprazan emerxentes e decididos, sen mirar atrás. 'Trato de pór o foco sobre a atmosfera que crea a disposición dos agrupamentos de individuos fronte á figura illada dun neno espido á vez que sobre as sombras que se proxectan en cada un dos corpos'.
Do 11 de abril ao 9 de maio, a cidade de Ourense acolle a celebración da 29ª Mostra Internacional de Teatro Universitario de Ourense (Miteu), que contará con 23 espectáculos de teatro, música e danza, ademais de formación. Unha edición máis a Universidade de Vigo volve a ter un protagonismo destacado nela, non só no seu patrocinio e organización senón tamén coa actuación das aulas de teatro e danza dos seus tres campus.
Será a mediados de mes cando teña lugar en Lugo o Festival de Teatro Universitario (cinco compañías presentarán no auditorio Gustavo Freire outras tantas producións), e uns días despois en Compostela a Mostra de Teatro Universitario de Galicia, que se completarán con obradoiros de arte escénica, a iniciativa ‘escaparArte’ e a presentación do exercicio final da Escola de Teatro.
A familia e os amigos de Santiago Rodríguez López teñen a dor de comunicar o pasamento do destacado biólogo, escritor e catedrático na Universidade de Bristol, ocorrido o pasado 19 de marzo, aos 52 anos de idade, despois dunha breve enfermidade. Precisamente, o Concello de Paradela celebrará mañá xoves unha sesión plenaria, na que se levará a cabo a culminación do expediente de nomeamento de Santiago Rodríguez López como Fillo Adoptivo do Concello a título póstumo.
Malia que 'é moi suxestivo' o título da mostra, 'As mulleres e o mar', en realidade busca poñer en valor o relevante papel das mulleres 'no proceso máis duro de industrialización do mar', explicaba na inauguración da exposición a vicerreitora de Estudantes e Cultura, Pilar Murias Fernández. A exposición inclúe varios paneis con forma de latas de conservas e un vídeo que recolle fragmentos da actividade na fábrica de Massó Hermanos a principios do século XX.
Cada curso académico, a Aula de Teatro do Campus de Ourense Maricastaña crea unha obra teatral coa que logo xira por diferentes festivais e espazos escénicos da península ibérica. Despois de varios meses de traballo, a produción deste ano xa está lista. Trátase de Desequilibrios, que acaba de ser estreada en Portugal, no 28º Ciclo de Teatro Universitario da Beira Interior, onde acadou o premio do público.
A mostra está composta por nove paneis que recollen as obras de mulleres clave dos últimos dous séculos: Mary Shelley -con Frankestein ou o moderno Prometeo-, Harriet Beechet Stowe -con A cabana do Tío Tom-, Bertha Von Suttner -con Abaixo as armas-, Betty Friedan -con A mística da feminidade-, Clara Campoamor –con O voto feminino e eu-, Harper Lee -con Matar a un reiseñor-, Rachel Carson -con Primavera silenciosa- e Hanna Arendt -con Eichmann en Xerusalén-.
Resultado dun proceso de traballo, no que contou coa colaboración dun grupo de estudantes da Facultade de Belas Artes, o artista británico Simon Callery presenta na Sala Universitaria Profesor Manuel Moldes unha obra de grandes dimensións que é o resultado final de semanas de traballo en contacto directo coas paisaxes do río Lérez, Cabo Udra e Mogor.
O Centro Dramático Galego (CDG) convida o estudantado da USC a acudir á preestrea do espectáculo 'Manuela Rey is in da house' que terá lugar este mércores 13, a partir das 20.30 horas, no Teatro Principal de Santiago de Compostela. Esta iniciativa enmárcase dentro da nova vaga de Faiscas Culturais centradas na recuperación da figura da actriz galega Manuela Rey. A mindoniense converteuse na grande estrela lisboeta de mediados do século XIX.
A doutora Déborah González, investigadora do Grupo de Investigación de Románicas da Universidade de Santiago -grupo de referencia internacional para os estudos vencellados co patrimonio literario e cultural da Idade Media-, dirixiu a creación do portal web Redes Socioculturais da Lírica Galego-Portuguesa que ofrece información literaria, histórica e biográfica sobre trobadores e xograres, coa posibilidade de visualizar graficamente as conexións entre eles.


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES