Dous vellos e unha soa soidade (VII)
Carballo, Xosé Manuel - jueves, 07 de noviembre de 2013
TOÑA E MANUEL, XUNTOS NO CAMIÑO DE VOLTA
As casas pechadas de Bouza Vella, a aldea de Toña e Manuel, que os catro mociños e un neno da cidade, que viñan en busca do castro, ían deixando tras de si dende que apearan do autobús, e o espeso silencio que os envolvía, asolagábanlles o corazón e infundíanlles certo desacougo, especialmente a Pepiño, que non contaba máis de oito anos.
Con ese temor, moi propio de quen se atopa en lugar descoñecido, preguntoulle Andrés, o meirande dos cinco, a Manuel, que os contemplaba a todos embobado.
-Faría o favor de dicirnos se imos ben para o castro e se nos falta moito para chegar?
Manuel, collendo pola man ao mozo coma se tivese medo a que se fosen moi á presa, respondeu:
-Ides ben, si... Tedes que seguir por aí por tras da casa. Xa vos falta pouco... E logo, tedes moito interese polo castro?
Contestoulle María:
-Si, faláronnos del no colexio e os nosos pais deixáronnos vir velo a todos xuntos.
Con gran tenrura que se manifestaba mesmo nos seus ollos cansos seguiu falando Manuel:
-Está ben. Non hai moito que comezaron a foscallar nel, por iso aínda non debe ter gran cousa que ver. Eu levo pasadas moitas horas alí, polo castro e polos arredores, arando ou apañando toxo e sempre me chamou a atención, aínda que nunca lle din maior importancia; pero se expropiaron algunhas terras de labradío e se puxeron a sachar nel, por algo será... Aínda non subín ver o que levan feito dende que comezaron coas escavacións, porque agora as costas xa non son para min. Antes non me metía medo andar.
Tanto eu como a miña muller temos andado moito, tirando sempre cara a adiante; pero agora xa estamos os dous no camiño de volta.
Pepiño, por ser o máis novo era tamén o máis fantasioso, e preguntou revertendo inxenuidade:
-Nunca atopaches ningún tesouro?
Sorriu Manuel antes de responder:
-Non, meu neniño. Só atopei o tesouro do trigo e do centeo que teño sementado e segado en dúas leiras que tiñamos alí; pero ningún tesouro se atopa así como así. Hai que suar moito a camisa para dar con eles, e ás veces, nin con iso se atopan.
Cando Toña chegou ao curral e se atopou con aqueles rapaciños en animada conversa con Manuel, sentiu un primeiro impulso de bicalos a todos un por un; pero contívose por esa especie de recato mal entendido que a veces nos impide deixar ceibes as expresións da afectividade.
Mirándoos vía neles aos netiños que tanto soñara con ter preto de si e que, sen embargo, estaban tan lonxe.
A súa pregunta foi:
-E estes neniños?
Respondeu Manuel:
-Veñen ver o castro.
Toña, enfilando a porta da casa, seguiu preguntando:
-Pois, logo, que facedes que non entrades para dentro?.

Carballo, Xosé Manuel
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora