Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Cancións de ida e volta

miércoles, 06 de noviembre de 2013
É curioso como o noso tempo histórico vainos deixando unha banda sonora difícil de borrar. Unha determinada canción pódenos saber a verán, a inverno ou mesmo a namoro. Incluso pode chegar a ter un nome propio que se albisca nun cheiro melancólico entre a música. Neste sentido, as cancións, os poemas ou os libros teñen tantas historias como lectores ou oíntes; e cando se pechan fican na conciencia de quen os lee, para sempre.

Podemos falar de cancións como “la poesía es un arma cargada de futuro”, coa que acabaron moitas manifestacións; hoxe en día, podémonos volver a identificar facilmente con aquilo de
“maldigo la poesía concebida como un lujo
cultural por los neutrales”

Pero aparte de Gabriel Celaya, que tan ben cantou Paco Ibáñez, podemos falar doutro poeta pola mesma voz cantado, Blas de Otero, que nos dicía

“Si he perdido la vida, el tiempo,todo
lo que tiré, como un anillo, al agua,
si he perdido la voz en la maleza,
me queda la palabra”

E como di o cantautor citado cando introduce este poema “en tiempos de ignominia nos queda la palabra”. Quizais por iso, hai uns anos, Paco Ibáñez lanzouse a facer recitais nos que combina os cinco idiomas da Península Ibérica co francés e mesmo co provenzal.

Pero se seguimos con cancións que volven debuxar a nosa realidade, podemos falar daquela de Benedicto que nos falaba dun home que divagaba pola rúa á procura dun pitillo que non podía mercar. Ou daquela de Xerardo Moscoso titulada “O umbral”, onde despois de describir situacións de pobreza extrema afirmaba que “non hai umbral para a pobreza”.

En xeral, as cancións daquela época falan dunha realidade decadente causada por un poder caciquil. Voces ceibes en Galicia deixounos cancións como “No desterro” de Miro Casabella, “ A cea” de Vicente Araguas ou “María Soliña”, poema de Celso Emilio musicado por Xavier González, onde se debuxa a soidade daquela muller que acabou en mans da inquisición, que era parecida a das “viúvas de vivos”.

Posteriormente podemos falar de cancións de grupos como Saraibas ou Fuxan os ventos que volven a estar de plena actualidade. Así, do primeiro, podemos falar da canción “ Os dereitos humanos”, onde un home con dores de lombo comeza un periplo por médicos e avogados á procura dunha solución para a súa dor e ao mesmo tempo unha xubilación acorde con toda unha vida traballada; dous anos despois ninguén lle da resposta.

Poderíamos seguir con aquela estrofa dun cantar de cego composto por Fuxan os Ventos que na voz de Mini dicía:

“O leite que nos mal pagan
E que venden a 35
E por riba a democracia
Que hasta aghora é un conto chino”.

Ou mesmo aquela copla de Suso Vaamonde que dicía:
“Qué ganas tengo yo
De que la tortilla dé vueltas
Para que los pobres coman pan
Y los ricos mierda, mierda”.

E aínda podemos citar outra que recolle Benedicto no seu libro “Sonata de amigos”:

“Un galo con tantas plumas
En pé non se pode manter.
O señor notario cunha soa
Mantén fillos e muller”.

E postos a falar de cantautores non me esquezo do sempre presente Facundo Cabral, que segue acompañando coa súa voz os meus momentos de saudade. Dicía Facundo:

“A veces yo me pregunto
Quién es más ladrón, hermano,
Si los que roban un banco
O aquellos que lo fundaron”.

Vivimos tempos de ida e volta que lles devolve a razón a aqueles que un día alguén dixo trasnoitados. Mais a canción protesta volve cobrar sentido, porque volvemos a estar presos da estaca de Lluis Llach, e volvemos tamén sentir a necesidade de berrar aquilo de “ O que faz falta é liberar à malta” que nos ensinou José Afonso.

Case ninguén lle deu a importancia que merecían as “Grandoladas” deste ano, sempre considerei a Grândola un himno atemporal ( como dixo Luís Pastor, “el himno más cercano a la humanidad”) pero as cancións que volven son un síntoma de cómo a nosa realidade retrocede no tempo...
Santalla, Iago
Santalla, Iago


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PROMOCIÓN
PUBLICACIONES
Publicaciones
Publicaciones Amencer
Revista Egap
Obradoiro de Artesania