Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A cidade fainos cidadáns

martes, 05 de noviembre de 2013
A cidade está entretecida de rúas, edificios públicos, fontes con estatuas e sen elas, casas, prazas, parques. Pero é moito máis. O número de habitantes non define a grandeza da cidade: iso é demografía. A cidade é moito máis, tan grande que nela colle o mundo enteiro: microcosmos, espello da aldea global.

A cidade non é só teatro de grandes infraestruturas, viadutos e equipamentos arquitectónicos de deseño que neste tempo de faraóns sempre cuadriplican o presuposto inicial. Hai que dotar a esas obras imprescindibles do perfume e da presenza das persoas, afacelos á estatura humana, recuperando os vellos valores da convivencia e da calidade ambiental.

A cidade constrúese nos lugares de encontro e de intercambio. Como recordaba Ortega, ‘hai que saír das casas se queremos atopar a cidade’. Nas casas satisfacemos as necesidades cotiás pero é na cidade onde nos construímos como cidadáns, como “animais políticos, zoon politikon, dicía Aristóteles.

Non son as casas, nin os palacios, nin as fermosas esculturas das prazas as que fan a cidade, senón as persoas que se relacionan nos espazos públicos. Esa cidadanía hai que conquistala: non é empadroamento senón o dereito e o deber de participar na vida da cidade. É o compromiso das persoas libres, é un ingrediente esencial da liberdade.

A Grecia máis luminosa relanzou a cidade, invento con miles de anos no lombo. Moito despois, superado o réxime feudal, reinvéntase a cidade con persoas capaces de crear as condicións da propia liberdade. “O aire da cidade fainos libres”, dicían. A cidade non fai vasalos nin súbditos, nin metecos, nin escravos, crea cidadás e cidadáns.

Só na cidade son posibles as utopías, as de Platón e Bacon, as de Tomás Moro e Campanela. E as nosas. Só na cidade foi posible o espertar das luces da razón e os principios da liberdade, da igualdade, da fraternidade que cimentaron a democracia e os dereitos humanos.

A cidadanía está entretecida de xentes, de identidades, de culturas que van fundíndose e mesturándose no crisol das rúas. A cidade é creación humana na que todos somos inmigrantes. Sempre será un proxecto para a igualdade. A cidade educa para a cidadanía, os intercambios e a convivencia, pero tamén pode marxinar e condenar á exclusión social.
É necesario que os cidadáns reivindiquen e ocupen a cidade. A saúde ecolóxica da cidade está en relación directa coa presenza de nenos xogando nas prazas, en relación inversa coa presenza de coches nas rúas.

As cores da cidade non son as cores inquietantes do cemento e do ladrillo senón as das caras da xente, as dos ollos dos nenos, as do tempo pausado dos vellos.

A cidade educa cando fai pedagoxía do seu meirande tesouro: a cidadanía.

A política non é unha guerra de lobos pola preeminencia dos privilexios e unha loita descarnada polo poder. A política é pedagoxía e os políticos teñen o imperativo moral de educar politicamente aos cidadáns.

A cidade educa no respecto, na participación, na tolerancia ante os diferentes. A cidade integra e socializa. É unha oportunidade, un espazo de liberdade e de solidariedade onde a xente non goza en solitario da liberdade senón onde a liberdade é unha tarefa inacabada de todos.

Si, a cidade fainos libres, pero cada día temos que aprender a respirar en liberdade.
Pinto Antón, J.A.
Pinto Antón, J.A.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES