Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

'O Jalogüin'

lunes, 04 de noviembre de 2013
Se lle dou para atrás ó reloxo e me coloco no día de tódolos santos de 2012 ou nos días previos, non sabería dicir, presíntome escribindo unha columna semellante, consciente -tamén é certo- de que por máis que eu e outros moitos continuemos atrincheirados no comité de resistencia, o movemento cultural é imparable e os nenos e as nenas ourensáns, galegos e españois xa contan no calendario -mal que nos pese- cunha nova celebración 'tradicional' coma esa da que daba conta este mesmo xornal en primeira plana na edición de onte, con media ducia de nenas e dous nenos termando cuns cordeis unhas caretas presuntamente fantasmagóricas, realizadas sobre a cortiza dunhas cabazas de cor laranxa que eu, sinceramente, non teño visto por ningunha explotación agrícola do meu radio de influencia.

Aparte de ter a sensación de que, perante a chegada do fotógrafo, as crianzas non souberon moi ben qué expresión debían expoñer, é de supoñer que porque aínda non teñen moi interiorizados os porqués desta nova celebración de Santos, chamoume dun xeito especial a homoxeneidade das cabazas (os cabazos son doutro xeito), tanto na súa cor coma incluso nas súas case exactas dimensións coma se foran producto de invernadoiro, onde si é posible conseguir tal control.

Entón dixen para min, '¡que lle imos facer!, se a xente quere isto, tampouco é cuestión de facer causa sobre o asunto, que se divirtan e punto e que cada quen faga da súa capa un saio e lle peta, que para iso vivimos nun país libre'.

Agora ben, sexa 'Halloween', sexa 'Samaín' ou o que sexa, polo menos -digo eu- que postos a baleirar cabazos que elixan cabazos do país, é dicir, deses raiados verdes e amarelos que aínda se ven por moitas leiras da provincia, e algúns de xenerosas proporcións, e que aínda se utilizan para botarlle ós chourizos gordos e darlle ese saboroso doce que tan ben lle queda ó resto do mondongo como aportación ó festival de sabores que caben nun bo cocido deste tempo.

Se ten que ser, que -por desgracia para o futuro da nosa cultura propia- xa é, adaptemos, cando menos, a festa a nós mesmos e deixémonos de papanatismos uniformistas que non farán outra cousa ca converternos en seres inertes e sen conciencia de seu.

Se ten que ser. Que xa é, consumamos producto do país. É dicir, procuremos a declaración de denominación de orixe do 'cabazo galego', organicemos unha macrofesta gastronómica do cabazo ou do chourizo de cabazo -que non sei se a hai- e contratemos á orquestra Panorama para amenizar a sesión nocturna. Así non faremos seguidismo de ninguén. Nin dos yanquis nin dos escoceses. Celebraremos o 'jalogüín' como galegos, que e como ten que ser.
Piñeiro, Antonio
Piñeiro, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES