Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A trampa da Xestión Clínica

viernes, 01 de noviembre de 2013
Nos últimos días de xullo, coa oposición desactivada e a maioría dos profesionais agardando as necesarias vacacións, o goberno publicou no BOE a Ley 10/2013. Trátase dunha norma aparentemente inocua sobre cuestións de farmacovixilancia. Mais, despois de moitas páxinas, aparece unha disposición final quinta que fai referencia a un asunto de maior calado: posibilita a creación de Áreas de Xestión Clínica (AXC) cun réxime laboral distinto ao estatutario dos traballadores da sanidade pública. Abre a porta á laboralización do persoal sanitario que se integre en ditas unidades, coa perda dos dereitos laborais que hoxe teñen.

Esta manobra tramposa non é nova. O PP ten usado esta estratexia falaz e vergonzosa noutras ocasións: introducen unha disposición de gran trascendencia nunha lei de escasa relevancia para burlar a vixiancia de sindicatos e oposición. Neste caso a trampa foi descuberta polo sindicato CESM que se opuxo á norma desde o primeiro momento. Se chegase a aplicarse suporía un grave revés para os traballadores e para a sanidade: favorecería a entrada de xestores privados como responsables desas unidades dentro dos hospitais, creando microempresas que competirían entre elas pola concesión pública.

A xestión clínica é outra cousa (potenciacion da atención por procesos, continuidade asistencial, implicación dos profesionais na mellora da calidade, corresponsabilidade na utilización de recursos diagnósticos e terapéuticos etc) e non ten nada que ver coa introducción de intereses empresariais alleos no cerne dos hospitais públicos nin coa supresión do réxime estatutario que hoxe ampara aos sanitarios. O chamado “Foro da Profesión Médica”, integrado por organizacións afíns ao PP, apoia esta estratexia que abre espazos de negocio ás empresas privadas e ao numeroso exército de xestores que viven dos orzamentos públicos –cunha relacion parasitaria escasamente denunciada-, mais perxudicaría aos traballadores e aos usuarios da sanidade que verían encarecidas e limitadas as prestacións coa introducción de criterios de rendibilidade e beneficio económico. Porque, en último extremo, as empresas privadas teñen unha obriga final única: repartir beneficios entre os seus socios.

No Parlamento Galego veñen de aprobar unha proposta do PP que facilita a creacion de AXC nos nosos hospitais. Tivo o incongruente apoio de BNG e AGE, que aceptaron, ou así parece, a afirmación de Miguel Santalices, portavoz de Sanidade do PP, quen afirmou que “en asistencia sanitaria la comunidad autónoma es soberana y el decreto nacional no es vinculante”. Mais non é así: os xuristas afirman que unha lei estatal prevalece por enriba dunha autonómica. Así o afirma tamén o PP que dí verse na obriga de introducir o copagamento dos fármacos de dispensación hospitalaria para doentes crónicos, por non poder eludir o mandato da norma aprobada en Madrid.

Nunha estratexia de propaganda encadeada a conselleira Rocío Mosquera ven de comparecer ante a prensa cos conselleiros de Madrid e Valencia (compañeiros de viaxe que teñen as súas comunidades na ruína e aos profesionais en pé de guerra contra das súas imposicións políticas). Afirmou con rotundidade que o actual sistema sanitario xa non sirve e que cómpre cambiar o sistema retributivo dos profesionais do Sergas, eliminando o salario fixo para introducir criterios de implicación no traballo e obxectivos cumpridos. Tamén afirmou que “no nos queda otra que aplicar fórmulas de colaboración público-privada”. Estas afirmacións representan unha absoluta falta de respeto para os profesionais da sanidade que -a pesar das reduccións salariais e a precarización laboral-, están a exercer o seu labor coa máxima profesionalidade coa intención de frear o deterioro dos servizos sanitarios. Trátase dunha nova campaña de desprestixio do público para introducir a xestión privada nos centros sanitarios.

Xa temos visto os catastróficos resultados que obtiveron en Madrid e Valencia, mais seguen polo camiño trazado a pesar de todas as evidencias.

A sanidade galega está sendo descapitalizada: perdeu 370 millóns de euros do orzamento desde 2009, cando o PP ocupou o poder. As consecuencias comezan a ser visibles: peche de camas e servizos como nunca se fixera, paralización do traballo de tarde, amortización de prazas, precarización das condicións laborais, fuga de profesionais sanitarios etc. Diante desta realidade, que irá a peor con estas políticas, a conselleira teno claro: vai fomentar o “autocoidado” dos propios pacientes e impulsar a telemedicina, porque “la accesibilidad no se mide solo por la proximidad y es posible otra forma de prestar asistencia”.

Para eso vai promover a atención telefónica. Semella un sarcarmo, pero estas palabras foron pronunciadas por Rocío Mosquera en sede parlamentaria na súa última comparecencia.

Tamén anunciou que van permitir o acceso dos hospitais privados e dos xeriátricos ás historias clínicas informáticas do Sergas. Esta decisión pode ser ilegal (permite o acceso privado a datos moi confidenciais que o Sergas debe tutelar): algo terá que decir a Axencia de Protección de Datos, tan rigorosa noutras materias.

Diante deste panorama, certamente desalentador, boto de menos unha maior reacción social, politica e sindical. Que máis ten que facer o actual goberno contra dos servizos públicos para que haxa unha accion sindical unitaria e potente contra destas actuacións de destrucción dos servizos públicos desde as mesmas entrañas do poder?

http://pablovaamonde.blogspot.com.es/
Vaamonde, Pablo
Vaamonde, Pablo


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES