Dous vellos e unha soa soidade (VI)
Carballo, Xosé Manuel - jueves, 31 de octubre de 2013
TOÑA E MANUEL, HOSPITALIDADE ANCESTRAL
A mesma noite do día en que Manuel puido falar por teléfono desde o piso do seu fillo Xosé, en Barcelona, coa súa Toña, á que non se lle daban pasado as horas no piso do outro fillo, Xulián, en Tarrasa, tomou o home a firme resolución de retornar para a súa casa de Bouza Vella coa súa muller, completamente decidido a non consentir que os separase ninguén máis ca Deus que os quixera unir.
Cando chegaron de volta parecía que ata a mesma casa e o seu entorno se aledaran. Pegas, carrizos, gorrións e paporroibos dábanlles a benvida desde as pólas das vellas maceiras. O gatiño amarxado, que deixaran cando se foron na casa duns parentes na outra punta da parroquia, estaba agardando por eles deitado diante da porta, pois, aínda que ás veces ía comer algo á casa dos novos donos, sentíase responsable de vixiar a casa daqueles cos que se criara.
Tamén recuperaron a Linda, grazas a que cando se foron encomendáronlle aquela vaquiña a un cuñado coa condición de volver a recollela se non se afacían.
Aos tres días xa estaban inmersos na rutineira vida de sempre, moito menos monótona para eles ca que acababan de experimentar na cidade. O Santo Cristo volveu a ocupar o sitio de sempre na cociña e o seu rostro recuperou serenidade.
De vez en cando tiñan oportunidade de falar con algún dos visitantes que subían ou baixaban ao castro emprazado a pouco máis dun quilómetro por detrás da súa casa; pero isto non acontecía moi a miúdo, debido a que o camiño máis cómodo para o castro non pasaba mesmo a carón da casa.
Para pasar por xunto dela había que facer un pequeno arrodeo dende a estrada e subir por unha corredoira máis fonda.
A pesares do roubo do que foran víctimas e que motivara que deixasen a aldea e fosen cos fillos, o seu instinto seguía sendo o de dar boa acollida e conversación gratuíta a calquera que se achegase a xunto deles. Nin o medo aos descoñecidos fora capaz de matar a súa ancestral hospitalidade.
Unha tardiña estaba Manuel sentado a carón da porta, ensumido nas súas cavilacións, mentres Toña andaba en busca dunha galiña que se extraviara, e chegaron a xunto da cancela do curral nada menos ca catro mociños e un neno, tres varóns e dúas mulleres.
Eran da capital e viñeran no coche de liña con desexos de subir ao castro; pero a falta de práctica para andar por camiños e corredoiras desconcertounos e, aínda estando preto del, sentíanse perdidos e na necesidade de preguntar.
A Manuel semelloulle unha aparición de tempos pasados aquela estampa. Había moito que non se achegaban catro mociños e un neno ao seu curral. Por iso, coma movido por un resorte misterioso, ergueuse e foilles abrir a cancela do curral que era coma abrirlles as portas do corazón.

Carballo, Xosé Manuel
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora