Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Carlos Núñez e a Sinfónica de Galicia

jueves, 31 de octubre de 2013
Carlos Nez e a Sinfnica de Galicia Hai tempo que non escoitaba a Carlos Núñez en directo, tanto dende que coincidimos no escenario do Multiusos de Santiago e disto xa pasaron bastantes anos. Así que fun cheo de interese e curiosidade a ver o que acontecía no concerto multitudinario que ofrecía na veciña cidade de A Coruña acompañado da orquestra Sinfónica de Galicia. Hai que dicir que unha praza ateigada de xente, con rebulir de nenos, ir e vir constante dos que tratan de atopar sitio axeitado, voces e berros de gaivotas, non é un lugar moi axeitado para concentrarse nunha música que merece toda a nosa atención. Malia todo isto, pagou a pena.

O concerto foi excelso: Carlos Núñez soubo artellar perfectamente os temas dun repertorio variado no que se alternaron argumentos tradicionais con novas achegas que veñen a engrandecer o acerbo musical deste o noso país no que, ata hai ben pouco, soaban temas “folk” e pouco máis. Por outra banda a gaita con Carlos Núñez adquire outra dimensión, elévase á categoría de instrumento con dereito propio a entrar nese mundo que ata o de agora foi cualificado como o da “gran música” e diso ten moito que ver o traballo e o talento do noso gaiteiro máis universal.

A min emocionoume ver no escenario a toda unha grande orquestra sinfónica disposta a acompañar a un instrumento tan popular e modesto como a gaita e a sorpresa foi maiúscula ao observar como, nas mans de Carlos Núñez, as notas pousábanse harmoniosas sobre o berce que lle ofrecía a que quizais sexa unha das mellores orquestras coas que contamos neste país, dirixida maxistralmente por Víctor Pablo Pérez que, por certo, está a piques de despedirse ao fronte desta marabillosa formación nosa da que tíñamos que sentirnos orgullosos.

Carlos Núñez tamén sabe que un repertorio dun concerto cargado de gaita pode resultar reiterativo, demasiado “plano” e por iso vai introducindo varias frautas que, a xeito de pinceis coloristas, lle van dando ao cadro un releve e unha perspectiva máis que atractiva. E coma demostración de que a gaita se pode valer por si mesma, atreveuse co adagio do “Concerto de Aranjuez” de Joaquin Rodrigo que embelecou ao público, un público entregado que, logo de case dúas horas de música, quería máis e máis.

Carlos Núñez tentou que a música popular estivera a altura da “outra música” e abofé que o conseguiu. Unha música tradicional que a golpe de repetir con reiteración un fraseo fai que penetre nos ouvidos si ou si, semellou ir esta vez da man da música máis elaborada, desa música que require certo esforzo para captala en toda a súa intensidade. Comezou o concerto co tema “Non te namores meniña” e a partires de aí toda a música semellaba imbuída dunha tradición refinada, aínda que isto semelle unha contradición: coma se o conservadorismo tomase tinguiduras de progresismo. Ata ese punto o concerto foi máxico.

En fin, que Carlos Núñez amosou o que xa sabiamos del: que hoxe por hoxe quizais sexa o noso músico máis representativo, que ten un talento fora do común e que eleva a música autóctona a niveis de música universal. Para os que vivimos e amamos a música e unha satisfacción poder contar con alguén que represente así, con tanta dignidade, a música e a cultura de Galicia polo mundo adiante.
Rubia, Xoan
Rubia, Xoan


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES