100 anos do nacemento de Fernández Mejeras
Villares Mouteira, Félix - miércoles, 30 de octubre de 2013
CEN ANOS DO NACEMENTO DE AMADOR RAMÓN FERNÁNDEZ MEJERAS
Mondoñedo, un ano si e outro tamén, celebra a efeméride dun poeta, dun escritor, dun músico. Se neste últimos anos se lembrou a Aquilino Iglesia Alvariño, a Xosé Díaz Jácome, a Alvaro Cunqueiro ou a Leiras Pulpeiro... este ano 2013 tócalle a quenda a Amador Ramón Fernández Mejeras. No mes de marzo cúmprense os cen anos do seu nacemento. Isto é así polos moitos poetas e escritores que pasaron polas aulas do Real Seminario Santa Catarina de Mondoñedo e que forman parte da chamada Escola Poética do Seminario de Mondoñedo.
Amador Ramón Fernández Mejeras naceu en Ribadeo, ás doce horas e media do día cinco de marzo de 1913. Segundo se di na partida da Bautismo da parroquia de Santa María do Campo de Ribadeo era hijo legítimo de los consortes D. Francisco Fernández López, carpintero, y Dª Josefa Mejeras Bermúdez, naturales respectivamente de San Esteban de Barres, partido de Castropol, diócesis de Oviedo, y de esta expresada vila, en donde viven, barrio de Cabanela.
Despois de aprender as primeiras letras na súa vila natal, no curso 1927-28, ingresa como alumno interno no Seminario Santa Catalina de Mondoñedo, onde cursa os tres anos de Latín e Humanidades con Meritissimus (hoxe, Sobresaliente 9) e co primeiro premio en primeiro, un accesit en segundo e un segundo premio en terceiro. O 23 de setembro de 1930 aproba a Reválida co nota de Aprobatus (hoxe, suficiente 5), que era a nota única.
Nos cursos 1930-31 e 1931-32 fai primeiro e segundo de Filosofía. Comeza o terceiro curso de Filosofía que non chega a rematar. O propio Amador di o por qué: Lo que mejor recuerdo son mis años en el Seminario. Allí pasé unos cuantos. Hice el tercero de Filosofía pero lo tuve que dejar por los frecuentes ataques epilépticos que padecía Despois de deixar o Seminario, estudia a Carreira de Maxisterio na Escola Normal de Oviedo e exerce de mestre en diversas localidades do Occidente asturiano: Villapedre, A Roda, Tapia, Barres, Villalmazo e A Caridá.
O 28 de xullo de 1941 casa con Mercedes Méndez González, natural de Miúdes coa que ten cinco fillos. Os derradeiros anos da súa vida pasounos na súa vila natal de Ribadeo, onde ten lugar o seu pasamento o 23 de setembro de 1971, cando tiña cincuenta e nove anos.
Amador Fernández Mejeras, que comezou a facer versos cando tiña dezasete anos, foi poeta, sobre todo, en castelán e tamén en galego e publicou a meirande parte da súa obra na Hoja Parroquial de Vegadeo e en Las Riberas del Eo de Ribadeo. Ten escrita La Historia de Asturias construída con vinte e seis oitavas reais que son en total 208 versos. Está inédita. Tamén están inéditos os Poemas Nupciales, un conxunto de setenta e seis sonetos escritos en castelán. Sempre asinaba os seus poemas como Amador F. Mejeras. Maestro. Non chegou a nós toda a súa produción poética, xa que, como el mesmo manifestou, a súa muller, que non estaba ben da cabeza, encendía o lume na cociña cos papeis nos que el tiña escritas as súas poesías.
Na entrevista que lle fai Rafael del Naranco no xornal La Región, (1) aparece como introdución á mesma o testemuño dunha muller nova, vestida de loito, chamada Adelina, que lle di do noso poeta:
¿No lo sabe?, mire bien; aquel hombre es el Poeta del Occidente de Asturias, dicen que se encuentra mal de la cabeza, sufrió mucho, sabe usted, pero sus versos, cual dulces tonadas, nacen de su corazón a raudales y sueltos. Una vez, mucho antes de que me casase, él me dedicó uno, ¡qué bello era!, aún lo guardo como un recuerdo precioso
--------------------------------------------
(1) - Entrevista de Rafael del Naranco no xornal La Región, o 30 de abril de 1966

Villares Mouteira, Félix