Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Un coro e un órgano

lunes, 28 de octubre de 2013
Acabo de ler un traballo realizado por un mozo de Celanova -Javier Gándara Feijóo- compoñente dende moi neno da banda municipal de Celanova, estudante de Xeografía e Historia na Universidade de Santiago e do Conservatorio Superior de Música da Coruña, que loxicamente ten sen publicar e que me acaba de facer reflexionar sobre os diferentes principios que marcaron a conservación do patrimonio ó longo da historia, información que me gustaría compartir con vostede, benquerido lector, ademais de destacar, de paso, o mérito de moita xente nova que, como Javier Gándara, fende o mito -desafortunado, como tódolos mitos xeneralizantes- de que aquí 'non estuda nin dios'.

O traballo, que une as súas dúas xuvenís paixóns -é dicir, a música e a historia-, afonda no estudo do maxestoso órgano barroco da igrexa monacal de Celanova, que por certo mañá mesmo vivirá un novo episodio musical de 'primeira división' coa clausura do programa 'Espazos sonoros' da Consellería de Cultura a través dun concerto da profesora de órgano do Conservatorio de Ourense e unha das organistas que mellor coñece o instrumento celanovés, Marisol Mendive, acompañada do grupo de música de cámara 'Musica acordada', concerto que lle recomendo se quere facerlle un regalo ós sentidos.

Pero, volvendo ó traballo de Javier Gándara, quixera compartir con vostede dúas informacións que el exhumou da documentación que manexou e que para min eran parcialmente descoñecidas.

A primeira é que aínda que ata nós chegou soamente un órgano, a finais do século XVII, o edificio estivo a piques de contar -coma as grandes catedrais- con dous instrumentos que logo, é de supoñer que por falta de fondos, non só se transformaron nun.

A segunda novidade é que a mediados do século pasado, cando estaba á fronte da parroquia don Daniel Suárez, un crego moi querido polos celanovenses e que morreu en pleno oficio litúrxico no altar maior, os monxes cistercienses do mosteiro catalán de Santa María de Poblet, ó saber do interese que don Daniel tiña en levar a cabo unha profunda restauración do órgano, propuxéronlle cambiar a sillería do coro alto 'por un órgano de moderna construcción'. Entre os razoamentos que facía o crego naquel momento hai unha comparación destinada a apoiar a súa opinón a favor do troco que me chamou especialmente a atención: '... comparar una vieja sillería con un órgano es comparar a un hombre vivo con uno muerto...'

Malia a opinión favorable do párroco, conta Javier Gándara, reproducindo palabras do propio crego, que unha minoría do pobo opúxose e afortunadamente mañá, unha vez máis, poderemos gozar da música do órgano sentados na única sillería gótica que se conserva en Galicia. Unha regalía para todos nós.
Piñeiro, Antonio
Piñeiro, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES