Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Fallan as sinapses sociais...?

viernes, 25 de octubre de 2013
Nunha colaboración neste medio facía alusión á fragmentación social. Dinse as cousas articuladas nunha determinada temática e pasa desapercibido o verdadeiro alcance da mensaxe que se quería transmitir coas exposicións colaterais. Permítanme que hoxe retome isto aquí, porque, ao meu modesto entender, ten certa importancia, polo menos a suficiente para dedicarlle este comentario.

Adoito explicar algúns termos centrais dos traballos, non por seguir unha metodoloxía escolástica, senón para facer máis fácil a mensaxe. Claro, esta maneira de artellar un artigo pode comportar malos entendidos, xa que cabe pensar tanto nunha pretensiosa oferta pedantesca como nun insulto a quen sabe bastante máis de todo isto e considera que se están a dicir cousas triviais. Pero este perigo é inevitable. Un escribe para un público do que só sabe que é heteroxéneo, afortunadamente.

Dito isto, déixenme que busque unha analoxía entre a sociedade e o noso propio cerebro, considerando as neuronas (células cerebrais), en canto son elementos integrantes do mesmo, e ás persoas ou á calquera outra entidade que desempeñe este papel social, en canto o son da sociedade.

As neuronas están en contacto entre si, e con outro tipo de células, mediante o que os neurocientíficos chaman SINAPSES, que se identifican cunhas boliñas diminutas recubertas por unha membrana a modo de pel. Só por informar, segundo os especialistas, unha sinapse pode conter unhas dúas mil moléculas dun composto moi especializado que se chama NEUROTRANSMISOR.

Estas sinapses xogan un papel importante no cerebro, tanto polo seu número (os neurocientíficos din que cada neurona recibe unha media de cinco mil!?), como pola función asignada de establecer a comunicación entre neuronas e, incluso, con outras células, mediante procesos químicos (neurotransmisores) ou xerando impulsos eléctricos. Por suposto, cando se producen bloqueos estes teñen consecuencias neurolóxicas serias.

O pedagogo Agustín de la Herrán, dinos, nun recentísimo traballo, que hoxe en día “A cen mil quilómetros, un observador percibiría que a humanidade está fragmentada. Compoñemos un todo con demasiadas particións, gretas, muros, distancias.”

Eu agregaría que as forzas que causan esta disgregación están bloqueando a función comunicativa das sinapses sociais, dificultando o desenrolo e operatividade dos neurotransmisores para a xenerosidade, a cooperación e unha necesaria converxencia máis aló do noso, do propio; e, como ocorre no cerebro, estes bloqueos teñen relevantes, por desastrosas, consecuencias.

O lamentable é que sendo froito dunha custosa evolución, e gozando dos indescritibles beneficios do órgano máis evolucionado do mundo coñecido, nada aprendemos del, pois entre o moito que se pode dicir das neuronas, analoxicamente, é que son un exemplo de xenerosidade, servizo e entrega.

Certamente, o que hoxe se sabe das funcións das neuronas e sinapses, sería un exemplo a tomar para conformar outra maneira de pensar, cambiando os estilos de vida que bloquean a comunicación entre os constituíntes da sociedade.

As sinapses sociais están fortemente condicionadas. O cerebro sería capaz de buscar solucións a este condicionamento; pero parece que a sociedade non sempre o consigue. A propósito, A. de Herrán e J. Muñoz Diez, denuncian como fortes condicionantes ás inercias da Historia e das tradicións, que (caso dos nacionalismos) fan xurdir vigorosamente un pasado que xa non encaixa no presente, nin polo seu contido e propósitos, nin pola forma da dinámica social; pero induce incomunicación por ese apaixonado egocentrismo, que rexeitaría a neurona, porque, entre os seus papeis, está evitar o mortal illamento.

E nesta analoxía, non é difícil comprender que, o que o cerebro ten moi claro, diferenciar o accidental do esencial, o teña máis confuso a sociedade: O esencial das neuronas é a colaboración e apertura a solidariedade, “vehiculando” a comunicación mediante as sinapses..., e todo o demais é accidental (incluso, a veces, sería un accidente grave); mais non ocorre así a nivel social, no que non é infrecuente converter o accidental en esencial, aínda que sexa afrontando riscos: No cerebro, salvo casos patolóxicos, as neuronas parece que adoitan ser rigorosas; pero na sociedade, abundan os elementos que non vacilan en “dar corda a todo o que tocan”, por moitas desharmonías e illamentos que produzan.

E se empezamos a análise pola casa..., entón parece bastante acertado desconfiar das sinapses sociais. Deixando, por evidente, o bloqueo entre algunhas sociedades, entre as que cada día, como soe dicirse, hai menos química (fallan os neurotransmisores, que arrastran a verdadeiras neuroses a importantes colectividades, mal diagnosticadas e peor tratadas), levemos a analoxía á política na nosa propia sociedade.

Imaxínense como se comportarían as neuronas, a nivel cerebral, se detectaran fallos na colaboración solidaria, sempre orientada a manter o equilibrio dinámico na unidade persoal. Seguramente o resolverían acudindo ao diálogo; si, ao diálogo, e senón lean a un neurocientífico: “As sinapses non son meras zonas de transmisión, son zonas onde dúas neuronas interaccionan, onde unha lle di algo á outra..., que escoita”: Buscan o mellor, orientándose a blindar aquela unidade. Na nosa sociedade o que din algúns nin tan sequera é escoitado polos destinatarios, só é oído; e tampouco se di moito máis que o do disco habitual.

Desgraciadamente esta nosa sociedade é rica en exemplos, que se multiplican cada día: Non vou repetir a musiquiña de eventos ben coñecidos; pero permítanme que faga unha referencia a famosa sentencia do Tribunal Europeo de Dereitos Humanos, tombando a Doutrina Parot.
Este cerimonioso Tribunal, segundo parece, evidenciando un astigmatismo xurídico a hora de subsumir os feitos no marco legal, produce unha resolución que favorece aos que non teñen máis arma política que o asasinato e deixan en lamentable situación ás vítimas, que, sen indemnización polo dano causado, só as acompaña o recordo dorido dos seus seres queridos no silencio dos cemiterios e os vergonzosos cumpridos duns políticos que non foron capaces de arranxar as normas ás esixencias da excepcionalidade e gravidade de certos delitos encamiñados a perturbar o ordenamento constitucional democrático. Sen embargo, con escaso sentido da responsabilidade, non vacilaron nos intentos de acadar achegas políticas, que cinicamente din rexeitar.

Hai outro desafortunado evento: Se Cataluña se sente representada polo Señor Mas, teremos que empezar a pensar que unha nacionalidade laboriosa, culta, seria e investida de certa elegancia señoril, de España, entrou nunha fase da enfermidade de Alzheimer, e as sinapses están deteriorándose en cadea, coa conseguinte desorientación espacial e esquecemento: Así o pon de manifesto a falta de educación “more infante” e a imaxe fanfurriñeira que deu de si mesmo o seu representante, na visita da Sra. Vicepresidenta do Goberno Central, Saenz de Santamaría, a esa autonomía.

En fin..., se as neuroses a nivel individual perturban tan molesta e gravemente a identidade e os comportamentos das persoas que as padecen, non cren que vale a pena evitalas preventivamente a nivel social?.
Nada se consigue sen esforzo; pero non parece moito pedirlles aos nosos responsables políticos e institucionais que sacrifiquen o accidental (aínda recoñecéndoo necesario nalgúns casos) ao esencial, imitando o órgano co que toman esa decisión.
Rubal, Pedro
Rubal, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES