Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Un balance aséptico do terrorismo de Eta

jueves, 24 de octubre de 2013
Compás social

Case sempre que volvo a Galicia vou visitar a tomba dunha vítima de ETA. Na tapa do nicho onde está enterrado consta a data do seu pasamento ós 27 anos, mais nin unha palabra sobre o motivo ou causa da súa morte. Familiares, amigos e veciños gardamos nítida a súa memoria. Todo o demais é silencio; iso si, cargado de interrogantes que nos empuxan a estar alerta perante o que se di e se fai sobre o terrorismo etarra.

En breve espazo de tempo oímos dicir ós representantes de Eta que asumen e defenden o seu historial de crimes e extorsións, e ademais escoitamos dúas sentencias (caso do aviso ó faisán e redución de cárcere ós grandes asasinos) nas que a xustiza española e europea, por enredos de linguaxe legalista, chocaron de frontalmente co sentido común do que é xusto ou inxusto para a inmensa maioría dos cidadáns. Mais aquí iremos río arriba: no pasado mes de xuño/2013 encontrei en Internet un balance, presuntamente obxectivo, titulado “Informe-base de vulneracións de dereitos humanos no caso vasco (1960 – 2013)”, traballo encargado pola Secretaría da Paz e Convivencia do Goberno Vasco e rubricado por catro persoeiros: unha maxistrada xubilada, un profesor de Dereito Penal da Universidade do País Vasco, un avogado-notario e un bispo emérito de San Sebastián. Este documento é importante porque recolle o pensar e sentir dos representantes de determinadas institucións e grupos da sociedade vasca con poder benpensante e supostamente razoable.

Ese informe-base foi publicado en Internet, mais non excesivamente espallado nin comentado. Aquí só vou a recoller a quintaesencia, cuantitativa e cualitativa, do contido esencial dese texto, sen máis engadido que algunhas preguntas para que o lector intente respondelas. Para esa tarefa, ademais destas pinceladas, é recomendable ler o documento íntegro co espírito disposto a buscar a verdade e toda a verdade máis aló do relato aséptico. Non sei que conclusión sacará o lector, mais persoalmente tiven a impresión de que para os autores do texto a traxedia do terrorismo foi só como un accidente con algúns danos colaterais, sen entrar a valorar os medios criminais nin do comezo nin do proceso completo de todos os actores implicados que provocaron e sostiveron durante 50 anos esa actividade terrorista.

O informe-base comeza cunha declaración de intencións ben diáfana: clasificación e cuantificación dos “feitos das vulneracións dos dereitos humanos con intencionalidade política, desde 1960 a 2013”. Os autores dinnos que “esta clasificación non debe inducir a equiparacións, comparacións ou compensacións de signo ou diferenza diferente”. O informe debe omitir valoracións ou interpretacións e describir só datos obxectivos, facer posibles aclaracións de xustiza e reparacións, e suxerir políticas públicas de memoria. Formidables cautelas de equidade; mais... van a cumprilas ó longo do informe? É posible esa equidade aséptica sen avaliar os mananciais envelenados de orixe e accións posteriores?

O segundo apartado do documento establece un “marco interpretativo xeral”, poñendo no cumio un principio reitor: “Ningunha idea, ningún proxecto político, ningún amor patrio, ningunha razón de Estado poden anteporse ó núcleo intanxible dos dereitos humanos: a vida, a integridade física e psíquica, a dignidade moral da persoa humana. Asasinar, mutilar, torturar, secuestrar, envilecer, corromper a un ser humano non ten xustificación moral en ningunha circunstancia”. Este parágrafo no comezo do marco interpretativo contén unha formulación espléndida dos dereitos humanos. En coherencia teórica con este principio supremo, os relatores dinnos que as vítimas “deben gozar dos dereitos á verdade, á xustiza e á reparación”, conforme a normas internacionais. Mais cabe preguntarse: desde cando os relatores, a Secretaría da Paz e Convivencia e o Goberno Vasco teñen as ideas tan claras? Como non as proclamaron antes e actuaron en consecuencia? Con esta evidencia por diante, como foi posible unha traxedia de 50 anos?

Así mesmo dentro do marco interpretativo, os responsables da redacción do texto aclárannos que “o informe circunscríbese ás violacións graves do dereitos humanos e non ó múltiple sufrimento xurdido ó redor da violencia con intencionalidade política”. Noutras palabras, o informe fai reconto dos mortos, non da inmensa cadea de sufrimentos e danos individuais, familiares e xeracionais. É isto ecuanimidade? Que o lector xulgue. O ámbito temporal abrangue desde 1960 a 2013, con catro posibles subdivisións: a) 1960-975 período no que, segundo os informantes, ETA cometeu sabotaxes, atracos, secuestros e asasinatos; e a represión do Estado fíxose sen as debidas garantías xudiciais e con prácticas habituais de tortura policial; e ademais actuaban impunemente elementos incontrolados de extrema dereita. b) 1976-1978, período breve pero convulsivo no que se produce a amnistía xeral de 1977, ETA incrementa a súa actividade terrorista, apróbase a Constitución e, ó dicir dos relatores, os aparatos de Estado seguen habitualmente os métodos do período franquista. c) 1979-1982, outro breve espazo de tempo no que se aproba o Estatuto de Autonomía da Comunidade Autónoma Vasca, nace a primeira Asociación de Vítimas do Terrorismo, Eta incrementa a actividade terrorista, prodúcese a reinserción de ETA-político-militar e na loita antiterrorista das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, segundo os relatores, déronse, aténdonos ós estándares internacionais, frecuentes inobservancias dos dereitos humanos; e, finalmente, elementos parapoliciais ou incontrolados protagonizaron accións terroristas. d) 1983-2013, un longo período de tempo no que o PSOE e o PP alternáronse no poder do Estado, xorden e desaparecen os GAL, ETA segue coa actividade terrorista a pesar dun contexto democrático consolidado, seguen producíndose excesos e vulneracións dos dereitos humanos por parte do Estado coa sombra de torturas sen investigar. En 1988 comeza a actividade lexislativa a favor das vítimas, no ano 2007 promúlgase a Lei de Memoria Histórica e en 2008 comeza a abordarse na Comunidade Autónoma Vasca as actuacións policiais indebidas. En 2011 ETA declara a fin da súa actividade terrorista.

Este esquemático resumo recolle case literalmente a quintaesencia das afirmacións dos catro redactores do documento. Antes de pasar á síntese dos datos cuantitativos, compre plasmar algunhas constatacións case obvias: no informe non están nomeados todos os principais actores sociais implicados, tal como a Igrexa e do Goberno Vasco en cada período. O relato non entra para nada nas causas ou motivacións do inicio da actividade terrorista de Eta nin da súa lexitimación social. Certo que noutros foros xustificouse o comezo da actividade etarra como unha defensa lexítima fronte á ditadura franquista, mais esqueceron que Eta, os grupos de apoio e toda a sociedade vasca tivo unha oportunidade de ouro de loitar limpamente a partir da amnistía de 1977 e da transición democrática; non obstante, as estatísticas mostran todo o contrario: nos momentos máis delicados da democracia, intensificáronse máis as actividades terroristas.

Agora vamos a ollar o resumo cuantitativo que os relatores do informe-base nos dan. Por mor da brevidade simplifico moitos detalles, recollendo simplemente os datos globais:

Un balance aséptico do terrorismo de Eta

A asepsia das cifras esconde unha unha inmensa traxedia humana de alcance histórico. Por suposto que temos que rexeitar toda violencia e vulneración dos dereitos humanos, sen equidistancias, e debemos fiar fino e preguntarnos: son equiparables a represión dun estado democrático e a arbitraria violencia terrorista? Hai un paralelismo comparable? A violencia dos grupos de dereitas ou de esquerdas é inaceptable desde todos os puntos de vista, e os abusos das forzas do Estado hai que aclaralos en todos os detalles para condenalos radicalmente, mais a xustificación e lexitimación dos terroristas e do Estado de Dereito non son equiparables. ¿É crible un cese da violencia terrorista sen entrega de armas, sen arrepentimento nin resarcimentos, sen colaboración para esclarecer os crimes sen autores identificados? Digan o que digan os políticos e as súas comitivas mediáticas ninguén con sentido crítico pode crer esa terxiversación amañada.

Só desexo que o lector estea alerta na procura da verdade. En último extremo o que realmente nos importa é descubrir a colosal distancia que hoxe hai entre a teoría e a realidade concreta, entre a forza da razón e razón da forza, entre ética e política, entre xustiza e legalidade, entre linguaxe do sentido común integral e linguaxe fragmentada das medias verdades. Avanzar nesta tarefa de discernimento faranos a todos máis humanos, máis libres e máis responsables.
Pérez López, Xenaro
Pérez López, Xenaro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES