Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Dous vellos e unha soa soidade (V)

jueves, 24 de octubre de 2013
TOÑA E MANUEL, BÁGOAS NOS OLLOS E TREMORES NO CORAZÓN

De entre todos os recordos daqueles case dous meses mal vividos na cidade hai un que sempre acode á mente do Manuel, mesturado con aceda tristura e gozo pillabán. Á Toña incomódalle que o conte, pero el non perde ocasión de facelo.

Trátase de que ao domingo seguinte a chegar Manuel á casa do fillo de Barcelona, púxose este, o Xosé, a explicarlle a seu pai como había que facer para chamar por teléfono. Manuel escoitaba coma quen escoita chover, porque de momento non tiña intención de facer uso de tal invento, aínda que recoñecía que era un adianto moi grande. Con todo, fixouse ben na libretiña en que estaba apuntado o número do outro fillo, Xulián, co que fora recaer Toña.

Pero, dende que levaba uns quince días separado forzoso da súa muller e do seu mundo, unha tarde que estaba só na casa, foron tantas as señardades que sentía da súa Toña, que, cheo de desconfianza por medo a non dar atinado, comezou a marcar o número de Xulián.

Para un home de setenta anos usar o teléfono por primeira vez, sen máis axuda cá forza que lle dá a saudade de sentirse lonxe da súa muller, é un acto do máis solemne.

-Axiña que marquei -acostuma a contar Manuel- xa me pesara por facelo e estiven a colgar; pero agardei un chisquiño a ver que pasaba. Logo escoitei do outro lado:
-Eh? Eh? Eh?
-Era a Toña!

Cada vez que o home se pon a contar isto, ao chegar a este punto interrómpelle a muller:

-Eu tamén estaba soa. Os dous estabamos sos. E se non fose porque me deu a alma que eras ti, Manuel, a boa hora collía eu aquel aparato na man!

-Entón eu -segue o home coma se non quixese facer caso da interrupción da muller- dixen: Oiga? Es a Toña? Son Manuel. E ela erre que erre no seu retrouso de: Eh? Eh? Eh? E eu: Toña, son Manuel. Responde, respóndeme, muller! Despois de moito insistirlle saíume con: Diga, Manuel. Diga. Dígame.

Non sei se outras veces acontece o mesmo; pero, polo menos nunha ocasión, tiven oportunidade de comprobar que, chegado este momento, Toña tiña os ollos asolagados e tomada a voz cando lle replicou ó home:

-Si, a ti faiche moita gracia que eu te tratase de vostede; pero, eu que sabía? Así era como lle vira facer á nora. Ademais... non podía dicir outra cousa, porque, cando escoitei a túa fala, despois de quince días sen escoitala nada máis ca dentro de min, rompín a chorar coma se houbese anos que non te oía.

A Manuel cústalle traballo recoñecelo en público; pero el tamén tiña bágoas nos ollos e tremores no corazón ao volver a escoitar a voz da súa Toña.
Carballo, Xosé Manuel
Carballo, Xosé Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES