Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A arte da guerra

lunes, 21 de octubre de 2013
Os clásicos, xente asisada, dirían que as palabras do título son contraditio in términis, é dicir, leite con vinagre. Ben é certo que Kurosawa, o gran cineasta xaponés logrou imaxes sublimes con torrentes de cor e sangue en películas como Ran. O noso Picasso debuxou todo o espanto do mundo no berro silandeiro do cabalo no Guernica. Se tivéramos tempo para ler (e tempo temos) volveriamos unha e outra vez sobre a Ilíada de Homero e as súas épicas descripcións dos combates corpo a corpo. Xa saben, Homero, un clásico, é dicir un modelo.

O gran muralista peruano Oswaldo Guayasamín, retrata en branco e negro as cores terribles da violencia. O gran Cervantes, tan admirado como ignorado fai un fermosísimo discurso sobre as armas e as letras, como se as letras non foran armas cargadas de futuro. E todos temos cravados nos ollos ao patriota que Goya colocou diante do pelotón de fusilamento pintado de frío e ferro.

Ben poderiamos seguir describindo con sangue e bágoas a estética da guerra. Ou, da man das matemáticas, contar os mortos. O normal é que nas batallas morran os guerreiros de acordo co principio de que ‘quen a ferro mata a ferro morre’. Pero ultimamente os guerreiros e os señores da guerra matan de lonxe, ben blindados, mesmo con drones, e deixan que os mortos os poñan os civís indefensos.

E todo isto para chegar ata Irak, Libia, Somalia, Afganistán, Siria agachadas nunha néboa de silencios e berros. Os berros guerreiros do infinito negocio das armas. Os berros dos países islámicos que na torpeza USA e na violencia implacable de Israel atopan argumentos para esconder problemas interiores e realimentar a violencia. Están os silencios de Europa, esa gran potencia de mercadores, que inventou a Revolución Francesa e os dereitos do home e gardounos no fondo do armario, para a nosa vergonza. Os silencios da ONU, esa organización tan necesaria e maniatada.

Están os silencios das outras guerras do fin do mundo esquecidas e que xa non interesan a ninguén.

Ben difícil resulta atopar algunha faragulla plástica na morte, na dor, na destrución sistemática: alguén chama guerra a algo que é tiro ao prato. Pinceladas de arte na destrución de casas onde vive, come, ama e agora morre a xente. Composicións de cor na destrución de pontes e infraestructuras. Efectos de luz nos alxibes rebentados a bombazos alí onde a auga é máis valiosa que o petróleo.

A guerra non é ningunha arte. É puta miseria de seres humanos aos que Hobbes alcumaba de lobos: homo hóminis lupus, rememorando a frase similar de Plauto 2200 anos atrás: Lupus est homo hómini… Lobo é o home para o home… cando descoñece quen é o outro.
Chove sobre mollado, unha chuvia incesante de mortos civís. Os mortos militares son accidentais. Os que xogan á guerra viaxan en vehículos blindados. As nais só teñen os seus brazos para blindar os corpos dos nenos. Os seus nenos e nenas mortos.
Pinto Antón, J.A.
Pinto Antón, J.A.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES