Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Sobre Díaz Castro (Meditación hermenéutica)

lunes, 21 de octubre de 2013
Eu son un neno da guerra e testemuña xa consciente da inmediata post-guerra. Eu escoitei os laios dos que dela volveron e vin bágoas abondo de pais e nais, vertidas polos que dela nunca voltaron. Escoitei o silencio das palabras afogadas dos que, cando volveron, baixo ningún concepto nunca quixeron falar. Porque a “noite do mundo, (ese) oco de estrela arrincada, onde teimo verte de repente arder, (cae) sobre a miña vida case consumida na ourela da nada”, di o poeta.

Para mellor comprendermos e mesmo entender aos que viviron e foron á guerra, cómpre ter vivido e convivido cos que dela “tiveron a sorte” de volveren. Eu participei desa convivencia. Velos nos anos 1940 e mesmo 1950 era unha auténtica dor. Vagaban sen rumbo atordados, errabundos, toliños, esfarrapados, esfamiados e cheos de frío, polas nosas estradas. Eu crieime na Nacional VI, en Roca, Guitiriz. Aquel ano, 1944, morrera a nosa nai. Tiña eu sete anos. Estabamos moi avisados de vixialos e escapar a tempo. Aquel día eu estaba coas vacas en Fontrexe. Un deles chegou sen eu decatarme. Lembro que puxo un fouciño ao meu pescozo e me dixo: E se tiro? Non, que vostede é moi bo, lle dixen eu. Iso entenreceuno e botouse a chorar e a bicarme. Leveino á casa. Ficou connosco ese día e esa noite.
Logo seguiu polo mundo. Non tardaron en morrer case todos eles.

Con moitos outros medrei a carón nas miñas aldeas por longos anos. A fractura interna en valores vivenciais e na cosmovisión existencial produciu un derrubo de todo canto había antes de írense para a fronte. Estiveron seis anos sobre armas. O valor da vida, de cada vida, o confronto coa morte entre irmáns, mesmo de sangue, que non tiveran ningún conflito entre eles, rompeulles canto de vertebración humana había en todos nós. A cada un pillouno a mobilización en bando distinto. Fixo que moitos estiveran disparando directamente entre eles obedecendo mandatos dos que non se sabía o por que. Lembro a un pai, Manuel, chorar pola posibilidade de que fose el mesmo quen lle disparara directamente ao seu propio fillo que finou na outra trincheira. Foran por separado ás segas a Castela. Os discursos e as arengas, fanáticas e vingativas, destruíron todos os alicerces e as urdimes internas nas que foran conformando e construíndo a vida, máxime en persoas xa con fillos, esposas, noivas ou con capacidade fonda de sentir e pensar.

En que crer cando matas a vida, sen saber por que, nin para que, nin a quen?
Eu quero facer unha lectura do noso poeta, no pouco que eu o tratei, e da súa obra, desde esta clave hermenéutica de ser mobilizado para a guerra e do que isto supuxo. Leva resoando en min con forza desde hai tempo. Non se entende, non entendo, Nimbos e, por ende, a Díaz Castro, se non se lle sitúa no drama da guerra incivil, que el tragou de cabo a rabo, e na frustración da post-guerra. “Estes non son poemas, nin cimentos de poemas sequera. Son fragmentos de min mesmo perdidos, coma ventos fuxidos”. Son “Díaz Castro perdido no traxeito dun recordo moi longo”. “Un soño esnaquizado, salvado nun intre de amor recolleito por un anxo”. De quén está a falar?

Non vaiamos ao lirismo, á simple estética ou a un mero intimismo dun poeta que expresa sentimentos de desacougos vagos: “Estes non son poemas”. Todo nel é un laio e un salaio de algo tremendamente real. Un berro atronador do sen sentido máis cruel da desfeita da guerra e da ditadura berrado por un home, que nunca foi político, pero que a conciencia non lle permite calar. Non quere irse da vida sen testemuñar a súa profecía de absoluta denuncia. Son escritos desgarrados sacados do máis fondo da alma, arrincados á pouta máis mortífera da lei do silencio: “Disto non se fala, neno!”, que tantas veces todos temos escoitado moi seriamente nas nosas casas. Preséntaos envoltos nos mellores panos de seda da poesía porque os esbirros da morte non teñen alma e non saben escoitar nunca os berros da xustiza. Están xordos, son mudos e están incapacitados para entenderen nada.

“Nimbos” é unha autodefinición do poeta. Un mosaico tecido con teselas de historia persoal, dorida, de amor desesperado: “Eu deixo aquí os nimbos, coma cinza de rosas, que onte encheron o mundo de perfume dalgún soño, morto xove,”. “Dos soños das cousas que xa se foron, pero seguen sendo e non se van xa máis, das sombras que, xogando cos meus ollos, se enxeriron en lume na miña vida”.

Cando se escribiron estes versos? Onde, cada un deles? Canto tempo estiveron agochados e por que? Canto tempo mediou entre cada un deles? Só sabemos que a primeira edición é do 1961. Por que decidiu a dálos ao prelo, el tan inimigo de sacar nada de seu cara a fóra? “Un oco de estrela, arrincada, onde teimo de repente verte arder sobre a miña vida, case consumida na ourela da nada”. Angustia vital. O poeta é un nimbo de luz para todo aquilo que debera ter sido e non foi ou mesmo foi, pero malamente. A traxedia da súa vida e, na del, a dos demais todos, a da Galiza: “Galiza en min, meu Deus!, pan que me deron, leite e centeo e soño e lus de aurora!” “Un paso adiante e outro atrás, Galiza, e a tea dos teus ollos non se move. Desorballando os prados como sono, o Tempo vai de Parga a Pastoriza”.. “Poeta ou non, eu cantarei as cousas que na soleira de min mesmo agardan. Con este alento, eu lle darei ás cousas o drama cheo que lles nega a vida. Dareilles rostro para que se conozan. Palabras lles darei para que se entendan....” “Ai están, coma brasas contra a noite, as vellas cousas cheas de destinos: Ollos que piden de famentos nenos, ollos que esperan dunha adoescente” e “esta crus que nos mide de alto abaixo a todos”.

Foi esta a forma de saír da longa noite de pedra, a forma poética, un tanto críptica, fronte a lei do silencio, e que o salvou dunha censura badoca que non soubo ler o “porque choran todas as estrelas xa sobre a cinza horrible do que ardeu sen lus”!, e que el titula con toda a forza da expresión: BORRALLO! Algo tan duro como o desprezo absoluto ao ditador e a todo o seu sistema: “Ave, César, ei! Ti fas e desfás. Non hai copa nin reino vedados para ti!” E, porén, segue preguntándose. “Onde foron os que se erguían coma deuses? Xa non están. Derrétense os bronces da gloria nas sombras da noite que cai”.

Porén, avísanos de que non nos fiemos en absoluto: “Están aí as falsas mortas, sombras na sombra confundidas, donda lá no teu cabezal: As serpes douradas da paz”. “Apalpo, cadora máis donda, a oculta mentira da paz”. Cómpre espertar. Non te trabuques e que non te enganen: “Vigilate et orate” –dixo Xesús, na Noite do Olivar”, noite na que se teceron as traizóns contra do pobo e do xustos: “Erte, meu fillo, coma anxo airado, rompe a paz e ponte a loitar! Por máis que te vexas coma un vermiño fronte á inmensidade da estrela: “Porque hai sede de lus, da lus do mundo que arde nunha bágoa, esta sede de pureza ausoluta, esta sede de xustiza que nos queima, esta sede de beleza,....” “Esta sede de lus, mentres o vento da morte zúa derredor das cousas que están no noso corazón”.

Cómpre erguerse en autoestima colectiva e non deixarse vencer pola desesperanza. “O universo sería mais pequeno sen ti, herba pequerrechiña que con medo sorrís ó sol que vai nacendo e morrendo sen ti. Por que de ser pequena te me avergonzas ti?” Ninguén é insignificante. Por iso o poeta, unha persoa dramaticamente esnaquizada, precisa absolutamente de expresarse para facer unha catarse profunda de si mesmo, do seu vivir e do seu experimentarse persoal e colectivo. Saír dos “ventos fuxidos, dos antigos camiños esquecidos, dos fragmentos de si mesmo” na procura da súa mesmidade esencial e transcendental. El mesmo, “perdido e recollido nalgún intre de amor desesperado, por un anxo”. Quen foi ese anxo? Deixamos preguntas esencias para cando as persoas xa se foron de entre nós.
Campo Freire, Xaquín
Campo Freire, Xaquín


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES