Escravitude na UE
Mansilla Blanco, Roberto - viernes, 18 de octubre de 2013
Segundo un informe do Parlamento europeo, unhas 270.000 persoas en Europa estarían atrapadas en redes de explotación sexual
Un informe previo do Parlamento europeo a ser presentado a finais de outubro ante a Comisión Europea, revela que 880.000 persoas executan traballos baixo condicións de escravitude no espazo da Unión Europea. Segundo este informe, denominado CRIM e realizado a mediados de setembro utilizando datos da Organización Internacional do Traballo (OIT) de 2012, en Europa habería unhas 3.600 organizacións criminais, sendo as actividades criminais máis prolíficas aquelas derivadas do cybercrime, con ganancias de aproximadamente 290.000 millóns de euros, e o tráfico ilegal de órganos e de animais, con 26.000 millóns de euros.
O informe CRIM, publicado recentemente polo semanario alemá Der Spiegel, estima que estas organizacións criminais causan perdas económicas cifradas en centenares de miles de millóns de euros, sen incluír os danos que a nivel persoal e psicolóxico xeran nas persoas sometidas a este flaxelo, denominados como escravos modernos.
Este problema parece invisible aos ollos da opinión pública e dos gobernos europeos, aínda que non tan invisible para o cidadá común de a pe, que si observa síntomas desta escravitude na prostitución, a droga, etc. Un cuarto das 880.000 persoas sometidas a esta escravitude moderna, exactamente 270.000, estaría atrapado no mundo da explotación sexual, cuxo estatus dentro da UE segue a provocar un forte debate público entre a prohibición e a regulación, con intereses económicos de por medio.
Precisamente, a prostitución, o narcotráfico e o tráfico de persoas son prolíficos dende Europa do Leste, os Balcáns e Turquía como paso da periferia ex soviética dende Asia Central ao Cáucaso. Tamén a África subsahariana nutre a estas organizacións criminais, utilizando o espazo mediterráneo, cuxa atención informativa centrouse estes días coa traxedia inmigrante en Lampedusa (Italia). Na maioría dos casos, a poboación inmigrante, principalmente ilegal, sufre estas secuelas.
Noutro apartado este informe considera que a corrupción converteuse nun problema sumamente serio para a UE, sendo un motor estratéxico do problema da escravitude moderna. Segundo este informe, tan só no sector privado detectáronse 20 millóns de casos de corrupción, con perdas públicas estimadas en 120 millóns de euros anuais.
Este problema eufemisticamente denominado como escravitude moderna faise mais patente na Europa da crise e da recesión, onde a precariedade laboral ben podería estar alentando a profusión de actividades ilícitas, especialmente no campos da prostitución, o narcotráfico e o contrabando.
O impacto social deste problema intensifica aínda mais a necesidade de concreción de políticas sociais de asistencia, de integración e de cooperación policial exhaustiva para perseguir ás redes criminais, escapando da tradicional criminalización de quen sofre estes problemas, por coacción, chantaxe e presión das mafias. A estabilidade europea non se mide exclusivamente pola aplicación de políticas públicas e medidas macroeconómicas anticrise senón por acadar unha maior conciencia cidadá sobre esta vergonzosa escravitude moderna

Mansilla Blanco, Roberto
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora