Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A incompetencia... propicia o que rexeita?

viernes, 18 de octubre de 2013
Adoita dicirse que iso da loita de clases é auga pasada e con ela xa non moen os muíños de hoxe en día; pero, como afirmaba Lord Byron , “o mellor profeta do futuro éo o pasado”, e como escribiu R. Davies, “ para moitos, o soñado porvir non é, a miúdo, máis que a volta a un pasado idealizado”. Todo isto lévanos a pensar que por moito que escaravellemos no noso maxín para evitar os erros do pasado, escasamente o logramos, e se, pola nosa condición de “medianías”, teimamos sen perspectivas, seremos sempre fillos do pasado, por non acertar a ser bos pais do futuro, como, máis ou menos, apuntaba Unamuno.

Non esquezamos que os muíños poden moer coa auga pasada refluída leito arriba, cando as canles de saída non están limpas e se produce un asolagamento non previsto, por iso xa nos dixo Lope de Vega que quen non se decata do pasado sorpréndeo o porvir. O pasado que eu quero traerlles aquí agora (e non se sorprendan!) é o da Revolución Francesa.

En abril de 1.789, celébranse eleccións xerais, cun resultado favorable ao coñecido como “estado chan”, e polo que respecta ao brazo eclesiástico resultaron elixidos moitos curas populares. O 17 de Xuño constitúese a Asemblea Nacional, de carácter lexislativo. O Rei quería dar por terminado o proceso. Non o logrou, despois de viras e revoltas, nas que estaban, por un lado os PRIVILEXIADOS, e por outro, os do terceiro estado. A Asemblea Nacional pasa a ser Constituinte e desencadéanse as algaradas populares, cos saqueos de axuntamentos, asalto da prisión da Bastilla, etc.

E cunde LA GRANDE PEUR (o gran temor) en señores, propietarios e privilexiados. Isto era necesario apuntalo, porque parece que pode ser a “auga pasada”, como mesmo a loita de clases do marxismo.

Leo un traballo de Javier del Arco Carabias, Biólogo e Filósofo, profesor de Universidade, e recollo nel unha cita que pode ter un contido premonitorio (utilizo este adxectivo con toda intención, como síntoma precursor dunha enfermidade) . Di así: “A próxima loita, social e política, será entre clases medias e unha oligarquía minoritaria de xentes moi ricas. E ESA REVOLUCIÓN SERÁ NECESARIA NA MEDIDA EN QUE OS GOBERNOS SE AFASTEN CADA VEZ MÁIS DOS SEUS REPRESENTADOS”.
(As maiúsculas son miñas: http://www.tendencias21.net/Es-el-momento-de-repensar-1789_a--- 25336.html)

A salvación dos bancos a conta das clases medias acentúa a inquietude nestas, e a política de austeridade obrigatoria distancia moito máis aos privilexiados das clases que están soportando o peso da recuperación, sen decatarse que esa loita de clases que, supoño, dan xa por pasada, coma a auga do muíño, cambiou de centro de gravidade, porque xa non se libra entre o proletariado e a burguesía, como se explica na cita precedente.

Polo tanto, debería terse moi presente o que pasou na Francia revolucionaria, nos meses de maio e xuño do 1.789, que pode ser auga pasada, refluíndo ao presente e propiciada pola mesma incompetencia dos que non a desexan.

Referíndose este autor a Zygmunt-Bauman, o teórico da “sociedade líquida”, tantas veces citado nestas colaboracións, di que “na modernidade líquida, o esquecemento imponse con rapidez e a nela non se comprende: obedécese.

A nosa modernidade impón unha orde e progreso medido nun crecemento que se calcula en aumento da produción material, sempre en matiz funxible, e de servizos máis espurios (véxase Euro Vegas como paradigma) e non de servizos como a saúde, a cultura, o ocio san,..., etc.”
Sería mester acabar, dunha vez por todas, de comprender que non é moi intelixente operar no ámbito do sistema económico como se fora posible un crecemento ilimitado nun planeta con límites propios e recursos limitados, aínda que a miopía dos empresarios que se consideran de alto copete non o vexa así.

Como mantén Hans Jonas, xa está ben de encomendalo todo á esperanza e ós ensaios cómodos; hai que enfrontarse a vida con responsabilidade e xustiza distributiva, se non queremos hipotecarlles ás futuras xeracións eses limitados recursos, para dar satisfacción ás sempre insatisfeitas fauces oligárquicas dos verdadeiros responsables das burbullas, que non son outras (as fauces) que as do chamado por Javier del Arco TURBO-CAPITALISMO.

Pero para acometer o exercicio desa responsabilidade, nas actuais circunstancias de España, hai que superar o listón das medianías, dos que non temos capacidade para asumir tarefas de tamaña magnitude e risco, e incluso de menos quilates; pero moito me temo que as actitudes infantís dos que confunden a regresión salarial co aumento moderado (menos mal que non é exponencial...!), e impoñen detraccións de diñeiro do peto dos máis necesitados con pagos inesperados (un eufemismo dos tributos), reducíndolles o poder adquisitivo xa abondo baixo, uns días despois de haber afirmado a todos os ventos que España empeza a mellorar e non haberá suba de impostos, moito me temo (repito) que non estean capacitados para asumir as responsabilidades que aceptaron.

Os cidadáns temos, pois, que pensar que non sería nada estraño que eses representantes poidan estar propiciando o atranco das canles por onde descorren as augas pasadas e non sexan conscientes de que poden refluír con matices das que pasaron polo Sena a finais do século XVIII, sen pararse sequera a pensar a mensaxe de Baumen, cando di que “as cousas flúen demasiado apresa como para que propicien esperanza algunha de darlles alcance”.

Non acochamos a menor dúbida de que as persoas medianamente responsables, intelixentes e equilibradas non desexan conflitos sociais, nin convulsións revolucionarias. Pois ben; evítense a tempo, outéese o dinamismo do contexto e, cando menos, non se cren as condicións que as xustifiquen con tácticas e estratexias extremadamente dilatorias, porque os tempos para a solución dos problemas non se compadecen cos electorais, e a vertixe dos actuais ritmos sociais non permite deixar para mañá o que se pode resolver hoxe, como dicían xa os nosos devanceiros; non exactamente ao revés, como suxiren os parsimoniosos de hoxe.

Nun país desconcertado e desnortado pola irresponsabilidade de medianías nos cargos de transcendencia socio-política, non pode esquecerse aquilo que pasou nos últimos anos na República de Weimar, na que a crise do parlamentarismo estaba desembocando nos intentos de instaurar un réxime totalitario (e isto tamén é auga pasada!).

Xustamente, para evitar asolagamentos que reflúan esas augas pasadas, urxe que se intensifique coa exemplaridade o prestixio do Parlamento, procurando que, cando menos, non entre na súa sede o exhibicionismo silvestre, que o evolucionismo, e tamén o biolóxico...!, se esforzou, a través do tempo e das contornas, en desterrar.

Por outra parte, parece como se aquelas persoas, que están a ver en perigo as sinecuras de moitos anos, quixeran romper o “garantismo” do poder xudicial, afincando os dentes nos traballadores/as que desempeñan honestamente as súas importantes funcións sociais, con competencias atribuídas legalmente nun estado de dereito, e seguramente a máis firme esperanza de contención do refluxo desas, farto reiteradas, augas pasadas.
Por qué non se utilizan as canles procesuais que ofrece o marco xurídico?.

Onde están as garantías executivas dese estado de dereito?. E se “gobernar é repartir dor”, como parece que dixo un Sr. Ministro, por qué non procura vostede aliviar ós que máis sofren, facendo tamén aquí xustiza distributiva e evitando aquel que, polo menos, está nas súas mans poñerlle remedio?.

Sería lamentable que a incompetencia, nalgúns casos vencible (para maior INRI e expresión da indeferenza!), propiciara o que rexeita!.
Rubal, Pedro
Rubal, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES