Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Dous vellos e unha soa soedade (IV)

jueves, 17 de octubre de 2013
TOÑA E MANUEL, ESTRAÑOS EN TERRA ALLEA

Manuel en Barcelona con Xosé e Toña en Tarrasa con Xulián apampaban sen teren un amigo, nin case con quen falar, porque as noras murcianas nin os entendían, nin facían moito por entendelos. Os netos non chegaron a recoñecelos por avós como eles esperaban. Os fillos saían cedo para o traballo e retornaban tarde, cansos e con máis desexos de escoitar pasivamente o que dicían dende o televisor ca de darlles a eles conversa.

Outro problema engadido era que tanto na casa de Xulián coma na de Xosé a lingua "oficial" era o castelán, debido a que era a lingua das súas mulleres. Pero xa antes de casaren foran eles pouco a pouco esquecendo a fala que mamaran, ao mesmo ritmo que se ían espindo do sentimento de pobreza e que se crían máis integrados en clases sociais superiores a aquela que os deixara fuxir por entre a brétema dun amencer.

Chegou a confesar a Toña con bágoas nos ollos, e iso que era muller máis afeita a chorar para dentro ca para fóra:

-A min non sei que me daba aquilo de que un fillo meu falase comigo en castelán. Sentía algo así coma se me falase dende aló lonxe... moi lonxe.

Era coma se ao sentarnos á mesma mesa fose diferente o pan que comiamos. Era coma se entre nós se erguese unha parede moi alta.

Cando Xosé veu buscar a seus pais, desde que xa pecharan a porta e montaran no coche e se puxera en marcha o motor, Toña sentiu necesidade de volver a dentro. Volveu ela soa. Descolgou o Santo Cristo medio afumado da cociña e levouno consigo envolto no mantelo. Tíñao cabo dela no seu cuarto de Tarrasa e figurábaselle que a expresión do rostro do Cristo tamén era máis dorida.

Tanto Manuel coma Toña botaban moito máis tempo na cama dende que foran para xunto dos fillos ca antes, xa que non tiñan motivacións para erguerse, pero durmían menos, porque cavilaban máis.

Non chegou a dous meses o tempo que estiveron fóra da súa casiña. Aproveitando as vacacións de Semana Santa para que non se perdesen días de traballo, retornaron á terra que seguía chamando por eles.

Ao volveren perderon seguridade, pero recuperaron liberdade e máis a palabra. Nada era comparable a volver a falar entre eles e coas churras e co gatiño e coa Linda e co refillo da pereira vella e cos paxariños e ata sós se querían, sen que ninguén pensase que estaban mal da cabeza.
Carballo, Xosé Manuel
Carballo, Xosé Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES