Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Xulio Valcárcel e Uxío Novoneyra

lunes, 14 de octubre de 2013
Xulio Valcrcel e Uxo Novoneyra Xulio Valcárcel, lucense, da colleita do 53, é esencialmente poeta. Un gran poeta, segundo a consideración de todos o que coñecen a súa obra, tendo sido Premio da Crítica española en dúas ocasións. Pero é tamén un destacado crítico literario, autor de relatos e novelas, e ensaísta.

Como poeta, é autor de innumerables textos dos que eu teño escolmado un, que lle leín á miña muller cando celebramos o cuarto de século de casados, en ceremonia relixiosa e volvín ler na voda da miña filla e – en ceremonia civil, hai unhas semanas – nunha voda municipal na que oficiei de orador e amigo. O monumental poema titúlase “Se envellecemos xuntos”, e está traducido a non sei cantos idiomas, e eu considéroo como texto sublime para un “canón” de calquera celebración matrimonial, leído por un ou polos dous contraíntes (comezando o mozo e continuando a moza), e que di así:

Se subo ata o teu berce
e me remonto polos anos
son neno contigo en celestes
mañás de balanzos e sinos,
préndome ao voo da túa saia
e esperto ao amor
nun mencer cheo de alas.

Mais, se envellecemos xuntos,
se desandamos o vieiro da vida
paso a paso,
mirarei nos teus ollos
o esbarar do tempo
norde como un barco.

Se envellecemos xuntos
e desfago a madeixa dos meus dias
ao teu lado
fareime confidente
do teu camiño sen pegadas
do teu canto e do teu ánimo.

Compartirei o sal, o leito
e o abrazo,
saberei escuramente que o noso paso
polo mundo non é en balde.

Se envellecemos xuntos,
se te acompaño neste tránsito,
deixarei bolboretas lenes
nas túas pálpebras cansas,
escoitarei o repenicar da chuvia
nas xanelas da nenez,
sentirei a túa voz,
esmorecerse en calma.

Bastarame para entendelo todo
o ollar confidente desa túa luz sen ansia.

Dixen o anterior, e publiquei o poema, para demostrar o respecto que como poeta me merece este amigo repousado, “sereo, a limpa frente erguida / aberto á brancura da luz que cae darriba”.

Buscando na miña biblioteca libros para ler no meu relativo retiro en Miño neste agosto, atopo “O escano baleiro; No Courel con Uxío Novoneyra”, que fun lendo nas dosis que me permitiron diversas viaxes e o cuidado dalgúns dos netos.

E abraioume o libro que ía lendo a salto de mata pola fondura, pola concisión, polo dominio da linguaxe, polo coñecemento do Courel, e polo agarimo, trato e asunción do pensamento de Novoneyra.

Se hai algo ao que se lle chama “prosa poética”, eso é este libro que me encheu de asombro, á vez que de envexa por non ter profundado na relación con Uxío dun xeito tan fraternal e fondo.

O libro é unha guía de Uxío, da súa vida, do seu pensamento, da súa poesía... e moito máis que iso dun xeito que non sei ben definir. Á vez é unha guía humana, espiritual, xeográfica e cordial (cordial, de corazón) do Courel, esa entidade que formaba parte esencial da vida e a obra de Uxío, do mesmo xeito que hoxe O Courel posúe no seu cerne máis íntimo a vida e obra de Uxío dun xeito tan fondo que para entender a relación entre Uxío e O Courel – Xulio Valcárcel explícao de xeito inimitable – eu tería que acudir ao posible paralelismo entre esta unión co misterio divino de tres persoas distintas nun só deus, para os crentes.

Coa súa obra “O escano baleiro” – o título fai referencia ao escano que Uxío deixou baleiro coa súa desaparición física – Xulio Valcárcel aviva a lembranza de Uxío, dalle unha corporeidade metafísica enchendo non só o escano senón a casa, a parroquia, O Courel... Danos novas de Uxío desde o comezo dos tempos, razóns, sentimentos, esencias... E de paso que nos fala de Uxío fálanos da terra, da historia, dos costumes, das xentes, dos traballos do campo, estando Uxío sempre presente. E se nalgún momento podemos pensar que está enmarcando a Uxío na súa terra, no seu tempo e na súa xente, resulta que o que nos está describindo é o “Universo Uxío”, porque se nalgún momento Novoneyra foi produto desta terra , a realidade – este non é, en ningunha das súas páxinas, un libro de ficción – é que ou esta terra é produto de Uxío ou se producíu nalgún momento unha especial trans-sustanciación que fixo que a persoa e a terra fosen a mesma cousa.

Pero para entender esto que digo hai que ler esta obra de Xulio Valcárcel editada por Biblos na colección Mandaio en 2011, que ninguén que coñecera a Uxío, se impresione polo Courel, ou queira entender os por que da nosa xente, debe deixar de ler. Eu aínda estou dándome golpes de peito por non ter lido este libro ata agora. Pero agardo, polo ben da miña alma, que non fose moi tarde.
Xiz, Xulio
Xiz, Xulio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES