Descerebración social
Rubal, Pedro - lunes, 14 de octubre de 2013
Nun debate referido a postura do PSC na intervención no Congreso acerca da non pouco comentada consulta catalana, rompendo coa disciplina do aparato central do PSOE, e pedindo a abdicación do Rei, oín a unha integrante do faladoiro cualificar ao secretario catalán de descerebrado.
Todos imaxinamos o que quixo dicir; pero seguramente non todos fomos capaces de acadar o verdadeiro alcance do cualificativo, que seguro a impetuosa xornalista non tería reparos en utilizalo noutros contextos, nos que, aplicado con rigor neurolóxico e concedéndolle a graza da extrapolación, non deixaría de ser útil e razoablemente productivo.
Sabido é que no cerebro humano hai diversas estruturas que foron integradas progresivamente, con areas de competencia bastante ben definidas. Miren por onde, incluso contamos con espazos para as experiencias relixiosas, e senón consulten os traballos sobre o que se chama neuroteoloxía.
Pois ben; como saben, o cerebro ten dous hemisferios, que se distinguen non só pola súa estrutura anatómica, senón tamén pola súa operatividade fisiolóxica, mais con comportamentos complementarios a hora de procesar os datos do mundo externo.
Pero concedámoslle a palabra a Michel S. Gazzaniga, un eminente neuropsicólogo norteamericano, que fixo algúns estudos neste campo co Dr. Joseph Le Doux, profesor no Centro de Neurología de Nueva York . Estes neurólogos observaron o comportamento cerebral de persoas as que se lles cortaron as conexións nerviosas entre os dous hemisferios cerebrais, coa intención de solucionar un problema da epilepsia grave. Isto permitiulles descubrir que as funcións da linguaxe localízanse no hemisferio esquerdo: A persoa operada só fala das cousas que coñece este hemisferio.
O Dr. Gazzaniga ten estudos relativos a cuestións sociais. Así, o hemisferio esquerdo é o apolineo, porque ordena a multitude de estímulos que recibimos, e, por oposición, o dereito, é dionisíaco, xa que trata os datos intuitivamente sen formalizalos. Pero incluso fala de que cada un deles determina unha subpersonalidade, anque actúan en colaboración.
O catedrático emérito de antropoloxía da Universidade de Barcelona, D. Ramón María Nogués, di que Gazzaniga presenta o hemisferio esquerdo para explicar as nosas condutas, que son, máis do que pensamos, iniciativas pouco razoadas do hemisferio dereito. Esta dualidade hemisférica tradúcese en estilos persoais, con indiscutibles incidencias sociais.
Penso que non é nada estraño que calquera dos observadores da dinámica social na actualidade se pregunte que hemisferio, en tropo e sentido metafórico, é o predominante, e ata onde chegan as descerebracións socias.
Non hai dúbida de que a un sociobiólogo non lle faría falta formular a pregunta valéndose dun tropo, porque el intenta explicar os comportamentos sociais humanos en termos do seu valor de adaptación, en liña evolutiva. E eu quixera engadir que, aínda que nesta sociedade non parece que a evolución facilite a supervivencia (cando menos pacífica e sosegada), os darwinistas admiten tamén que non sempre deu resultados positivos a loita por ela.
Por suposto que se trata dunha hipóteses científica e non significa que os cidadáns esteamos determinados na nosa conduta; pero como o sistema nervioso é básico na evolución, non soaría aos sociobiólogos nada estraño que o hemisferio dereito (ollo...!, non só da dereita...!) estea nunha etapa de hipertrofia, pois aínda que no individuo ambos hemisferios compleméntanse e colaboran na política psicolóxica, a atrofia destas funcións de colaboración complementaria, na sociedade, parece evidente.
Quero supor que cando o Sr. Punset, nunha recente entrevista en 24 Horas, quixo xustificar os intentos de secesión de Cataluña, apoiándose no EVOLUCIONISMO, referíase a isto último, porque de non ser así, a súa contestación é sorprendentemente desacertada, posto que a evolución tende a levar ás realidades en liña dunha maior complexidade, non a dividilas e simplificalas, sobre todo se temos en conta os avances posteriores ao darwinismo, aínda que se tome a este como orto daquela.
Estaremos, acaso, camiño dunha descerebración social?. Por agora parece que só se manifesta no individuo con repercusións socias. A periodista tivo isto moi claro: O descerebrado era a persoa do secretario do PSC, precisamente polo evidente alcance social da súa intencionalidade.
Nalgunhas cuestións sociais e políticas, non debéramos de esquecer aquela cita de William S. Maugham, escritor francés, na que di: Na súa loita contra o individuo, a sociedade dispón de tres armas: lei, opinión pública e conciencia. Non parece acertado, a hora de facer caso omiso da lei, e non ponderar a opinión pública, non ter polo menos conciencia de que aínda que fora certo, non é intelixente pensar que estamos rodeados de parvos. E cando isto lles ocorre os quen teñen a obriga de velar pola sociedade na que viven, e coa que se comprometeron, a situación agrávase. Seguro que na neurociencia hai un espazo para dar razón abondo de tal actitude.
Humildemente, e recoñecendo a miña escasa documentación na materia, non podo menos que pensar que calquera gobernante debera ter moi claro que, no seo dunha sociedade organizada politicamente con estruturas democráticas, aletárganse dous empeños dogmáticos antidemocráticos, que, se quere evitar a descerebración social, é necesario non perder de vista: Os dogmas ideolóxicos que inclúen no pensamento analítico dos seus secuaces unha pretensión de coñecemento ABSOLUTO e unha especie de ESCATOLOXÍA: O que din devén inflexible, indiscutible e irrefutable por iso deféndeno a gritos e con ademáns violentos e considérano o camiño que leva a salvación dos pobos.
Estes empeños dogmáticos dificultan incluso os procedementos xudiciais, sobre todo a nivel constitucional, porque, en xeral, hai que valorar a praxe non só polo que fan, senón tamén polo que teñen en proxecto nesa doutrina que avala verdades absolutas de propósitos firmes, e isto é virtualidade.

Rubal, Pedro