Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Dous vellos e unha soa soedade (III)

jueves, 10 de octubre de 2013
TOÑA E MANUEL, TRANSPLANTE MOI DOLOROSO

No silencio daquel barrio de Bouza Vella, case baleiro, ía transcorrendo sen sobresaltos a monótona vida do Manuel e da Toña, ata que un día que Manuel tivo que acudir á vila por cuestións de arranxar uns papeis nas oficinas do Concello, achegáronse á casa na que só estaba a desmaliciada Toña dous homes de mediana idade, facéndose pasar por empregados da empresa subministradora de electricidade e, coa desculpa de revisaren toda a instalación da casa, roubáronlles os dous últimos meses de subsidio e case todos os chourizos que a boa muller estaba reservando por se viña algún dos fillos no próximo verán.

Ámbolos dous patrucios sentiron a perda; pero aínda sentiron máis a indefensión e, por ese motivo, apoderouse dos dous o medo e ademais, a boa muller caeu nunha forte depresión.

Manuel non deixaba de cavilar na desgraza que podería ter ocorrido se ela chegase a caer na conta de que os estaban roubando e lle dese por berrar; pois, aínda que ninguén puidese escoitala, aqueles mal nacidos o mesmo tiñan valor para deixala sen fala de vez.

De momento decidiron non dicirlles nada aos fillos para non preocupalos e foron tirando como puideron durante beiras dun mes; pero, ao cabo dese tempo, houbo que levar á Toña ao médico. Este recomendoulles non seguir vivindo sós e contarlles aos fillos o acontecido. Así o fixeron nunha carta que Manuel foi redactando e escribindo o mellor que puido, porque nin tiñan teléfono na casa para chamalos nin sabían facer uso del dende outro sitio.

O venres seguinte a recibir a carta, arrincou Xosé desde Barcelona en busca dos pais. Pero xa antes de poñerse ao camiño, acordaran entre os dous fillos, a proposta das respectivas mulleres, repartilos para que non fosen os dous xuntos excesiva carga para ningún dos fillos e, ao mesmo tempo, para non perder tampouco ningún deles dereitos de herdanza.

Manuel iría para Barcelona con Xosé e Toña, para Tarrasa con Xulián.
En corenta e sete anos que levaban de matrimonio, só estiveran dez días un sen o outro. Só dez días que a Toña necesitara para ir tomar os nove baños de rigor que lle recomendaran por mor dunha doenza que non lle daba pasado e que lle espertara na cruz dos cadrís ao erguer un feixe de nabos.

Ás tres semanas de viviren no novo paradoiro xa o Manuel tivera que apertarlle tres furados ao cinto. Non era porque non lle desen abondo de comer, senón que revía dun día para outro, debido, en parte aos cambios de alimentación, pero sobre todo a que se lle foran as ganas de comer e nin o que comía lle asentaba ben. Á Toña xa había moito tempo que a roupa lle quedaba moi frouxa e notábase menos o que adelgazara.

Tanto a Manuel coma a Toña branquexáralles moito a pel, pero aquel branquexamento non era de seu natural. Era debido máis ben a perderen o aire e o sol e a que as súas raíces xa non estaban para enraizaren de novo no duro terreo ao que foran tan bruscamente transplantadas.
Carballo, Xosé Manuel
Carballo, Xosé Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES