Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Estados de Opinión

miércoles, 09 de octubre de 2013
A estas alturas xa todos tivemos oportunidade de contemplar por moi distintos medios visuais -xa fosen estáticos ou dinámicos- as dimensións do irracional destrozo provocado na Casa do Concello de Beade e incluso, polos propiaños movidos na fachada e pola dinámica cinética da onda expansiva dun artefacto así, tamén puidemos imaxinar o que lle puido acontecer a calquera veciño do municipio ribeirán se, por un nefasto casual, lle cadrara pasar a pé ou motorizado polo lugar á intempestiva hora dominical á que foi provocado -repito- o irracional destrozo.

E, aínda máis, a estas alturas do día no que escribo, tamén tivemos ocasión de ler ou escoitar a monótona -por repetitiva- ladaíña de declaracións estereotipadas neste tipo de sucesos, que formularon para o teatro actual da comunicación, tanto os da banda de Laíño coma os da banda de Lestrove, sen esquecer ós que bogan polo medio do río á procura dunha abondosa pesca de peixes desencantados dunha e doutra beira.

Velaí as dúas razóns que sustentan o feito de que eu non terme agora do formulario politicamente correcto para a ocasión e desvíe, pola contra, a miña mirada neste intre cara un debate sucedido entre a filla do alcalde e o voceiro do PSOE, debate -ou discusión- que probablemente xa teña contemplado porque del foron testemuña directa as cámaras de televisión e que non fai outra cousa ca referendar de novo o inmundo e despreciable lameiro no que se ten transformado a política local en xeral, onde a confrontación persoal prima, por desgracia, sobre a diverxencia de perspectiva respecto dos proxectos de futuro que poida acometer a administración.

E isto todo, queirámolo asumir ou non, non é máis ca unha consecuencia directa do estado de opinión que todos cantos temos oportunidade de reproducir a nosa nos medios de comunicación -sexamos interlocutores directos ou fontes de información- imos creando no día a día, para ben ou para mal, como acontece nesta ocasión.

Que o que transcende dun Parlamento onde se senta o que debería ser a elite da política galega semelle un galiñeiro de alporizados capóns, crea estado de opinión. Que un alcalde faga ostentación dun gobernante que asinou sentencias de morte, crea estado de opinión. Que un líder mediático xustifique na ausencia de efecto a impunidade para uns terroristas, crea estado de opinión. E así, creando pequenos estados de opinión seguimos subindo chanzos ata que a escada non dea para máis e acabemos esnafrándonos todos contra o muro da realidade que non nos permite ver cara onde nos levan estes estados de opinión.
Piñeiro, Antonio
Piñeiro, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES