Ramón Piñeiro, clave na Galicia do século XX
Villares Mouteira, Félix - lunes, 07 de octubre de 2013
RAMÓN PIÑEIRO, FIGURA CLAVE NA GALICIA DO SÉCULO XX
A lingua vén ser a alma viva do pobo que a fala
(Ramón Piñeiro)
Coñecín personalmente a Ramón Piñeiro nos últimos anos da súa vida. O primeiro contacto que tiven con el foi, a través de cartas, en xaneiro de 1986 cando no Seminario Santa Catarina de Mondoñedo se estaba a artellar un número monográfico da revista Amencer sobre a egrexia figura de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao.
O 30 de xaneiro daquel ano cumpríanse os cen anos do nacemento do ilustre rianxeiro e ese día viu a luz ese extraordinario de Amencer, que, por certo, mereceu que o xornal La Voz de Galicia lle adicase a derradeira páxina. A Ramón Piñeiro, daquela Presidente do Consello da Cultura Galega, pedíraselle unha colaboración. Axiña nos enviou un breve artigo titulado O exemplo perenne de Castelao.
O segundo contacto meu con Ramón Piñeiro foi poucos meses antes do seu pasamento, cando ía de Vegadeo para Santiago. Daquela estivo no Seminario de Mondoñedo e alí tiven a oportunidade de manter unha longa conversa con el. Estaba bastante delicado de saúde. Teño que dicir que impresionou a súa figura. Era unha persoa discreta, cercana, afable, respectuosa; unha persoa culta, cunha grande bagaxe intelectual, que sabía escoitar.
Ramón Piñeiro é un dos homes bos e xenerosos dos que fala o noso himno. É unha figura clave, unha figura fundamental e decisiva para comprender a historia e a realidade política, social e cultural da nosa terra no século XX.
O seu labor non queda só nos libros que nos deixou nin nas súas cartas senón no contacto, na súa comunicación e na que poderíamos chamar dirección espiritual ó redor da famosa mesa camilla con todos aqueles que acudían a visitalo na súa casa de Santiago de Compostela.
Pódese dicir, sen medo a equivocarse, que Ramón Piñeiro foi un mestre, un intelectual de prestixio e un político, pero un político diferente, atípico, moi pouco preocupado por acadar cotas de poder.
Ramón Piñeiro foi, sen ningún xénero de dúbida, unha figura central da historia política, social e intelectual da Galicia do século XX.

Villares Mouteira, Félix
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora